0 Gardados para despois

Os Franco boicotean a construción de beirarrúas en Sada como vinganza por seren declarados "non gratos"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado agosto o pleno do Concello de Sada declarou como "non grata" á familia de Francisco Franco. Facíao despois de que os herdeiros do ditador anunciasen que encomendaran á Fundación Francisco Franco a xestión das visitas ao Pazo de Meirás e que esta entidade deixase claro que aproveitaría este encargo para facer apoloxía da ditadura e do golpe de Estado de 1936. A entidade franquista respondera a aquela declaración política -apoiada por Sadamaioría, BNG e PSdeG- con novas provocacións públicas cara ao goberno municipal sadense, do que agora tentan vingarse boicoteando a construción de beirarrúas na contorna do pazo incautado, o mesmo que tentan vender por ata 8 millóns de euros.

O Concello de Sada ten en marcha un proxecto de construción de beirarrúas na estrada DP-5812, a vía de Meirás a Santa Cruz que pasa por diante do pazo. Para completar o trazado desta infraestrutura, moi demandada pola veciñanza da parroquia, precisa empregar parte dunha parcela sen construcións que mide apenas 501 metros cadrados e que é parte dos terreos do pazo. O goberno local xa conta con boa parte do solo que precisa, pero vén de bater coa negativa dos Franco. Non cederán a leira que non usan se non é retirada a declaración como "non gratos", advirten.

O avogado da familia do ditador advirte por carta ao alcalde sadense que non permitirán a construción das beirarrúas se o Concello non acorda a retirada da declaración de 'non gratos', que consideran unha "condena interxeracional" sen "precedentes no mundo civilizado"

Nunha carta remitida ao alcalde da localidade, Benito Portela (Sadamaioría), a través do bufete de avogados madrileño Hernández-Canut, o "albacea universal" da herdanza de Carmen Franco, falecida o pasado decembro, expón as súas condicións. Luis Felipe Utrera-Molina -fillo do que fora ministro de Franco e participante habitual en eventos de exaltación da ditadura- asegura que "todos os herdeiros, sen excepción, desexarían acceder de bo grao" á "solicitude de cesión gratuíta de terreos a prol do pobo de Sada e no seu beneficio". Pero, di a misiva á que tivo acceso Praza.gal, "estou seguro de que se fará cargo" do "clima de aberta hostilidade que a actual Corporación xerou (...) no municipio contra toda a familia Franco", advirte.

O avogado Utrera-Molina cualifica como "insólita e inxustificada" a declaración como "non gratos", unha iniciativa política que eleva á categoría de "condena interxeracional" que "non ten precedentes no mundo civilizado". Este, advirte, "non é o escenario óptimo" para permitir a construción de beirarrúas na devandita leira. Por iso "os herdeiros de dona Carmen Franco" só "accederán a ceder gratuitamente a porción de terreo" se o pleno de Sada "acorda a revogación dos acordos adoptados coa intención de agraviar gratuitamente a toda a familia Franco-Polo, de xeito que sexa "reparada" a "afrenta pública cometida contra unha familia que sempre se sentiu intimamente unida ao seu municipio".

Planos do terreo no que os Franco se negan á construción de beirarrúas en Meirás / Catastro

A misiva presenta os Franco como vítimas dunha "afrenta" e ameaza o alcalde con ter que pagar pola expropiación se o Concello non é "cabal"

O texto culmina cun chamamento de Utrera-Molina ao "bo xuízo" do alcalde para "facer primar os intereses dos veciños de Sada" sobre "os intereses políticos do seu partido". Se a declaración non é revogada "lamento comunicarlle que dita cesión non se realizará de forma voluntaria, polo que para obter a propiedade de ditos terreos" terá que "acudir aos procedementos administrativos legalmente establecidos", isto é, unha expropoación que implicaría "un custe para os veciños" que "unha actuación cabal do Concello" podería "evitar", remata a carta.

Este novo atranco dos herdeiros do ditador á Administración, neste caso ao Concello sadense, chega despois de numerosos incumprimentos do réxime de visitas do Pazo de Meirás, obrigado pola súa condición de BIC, e en pleno procedemento para tentar a reversión do histórico edificio ao patrimonio público. Non en van, está en marcha a Xunta pro-Devolución da propiedade, impulsada polo propio goberno sadense, a Deputación e o Concello da Coruña e case unha trintena máis de municipios, así como entidades sociais a prol da recuperación da memoria histórica. A Xunta, pola súa banda, articulou unha comisión de persoas expertas que estudan as vías para recuperar o pazo sen que os Franco reciban contraprestacións económicas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.