José Luis Méndez, director xeral de Caixa Galicia durante tres décadas, foi coprotagonista dalgunhas das imaxes que tornaron en iconas da fracasada fusión con Caixanova da entidade que encabezaba. Así e todo, Méndez xa non estaba cando, o 29 de novembro de 2010, as dúas caixas asinaron a súa unión cunha estilográfica Mont Blanc gravada para a ocasión pola Xunta. As crónicas da época contan que o Banco de España non o quería na fusión pola súa mala xestión en Caixa Galicia, pero a explicación oficial da súa retirada foi a providencial chegada da xubilación: fixera 65 anos e abandonaba a actividade profesional.
Lonxe dos focos e cunha xubilación millonaria -estímase nuns 12 millóns brutos-, xubilarse xusto antes da fusión permitiulle esquivar os procesos xudiciais que acabaron levando ao cárcere a outros ex-directivos e ter que dar explicacións públicas apenas unha vez, cando acudiu en 2013 a comparecer á comisión de investigación aberta no Parlamento de Galicia sobre o fracaso de Novacaixagalicia. Méndez foi chamado hai poucos meses a petición de En Marea a outra comisión de investigación, a que indaga no Congreso dos Deputados sobre o rescate bancario; desta volta non acudiu alegando problemas de saúde pero si respondeu por escrito. Nas súas respostas o ex-banqueiro mestura unha defensa pechada da súa xestión con alusións á falta de memoria sobre operacións concretas, caso dos 1,8 millóns de euros en créditos que Caixa Galicia perdoou ao PP galego en 1996, ano da chegada de José María Aznar á presidencia do Goberno de España.
Méndez foi cuestionado no Congreso sobre a posible "relación" entre o 'perdón' de 300 millóns de pesetas e o feito de que o daquela secretario de organización do PPdeG, agora condenado no caso Gürtel, fose antes director dunha sucursal de Caixa Galicia
Na segunda xeira de preguntas que Méndez tivo que responder, remitida ao Congreso a finais de abril, o grupo de Esquerra Republicana lembra ao directivo que "en 1996, cadrando coa chegada ao poder do señor Aznar, Caixa Galicia con vostede á fronte condoou ao Partido Popular préstamos por 300 millóns de pesetas". O partido catalán instaba a Méndez a aclarar se houbo "algunha relación" entre "aquela condooación" e "o señor Pablo Crespo", o actualmente xa condenado como un dos máximos responsables da trama Gürtel, pero na altura dos feitos secretario de organización do PPdeG e antes, como resalta ERC na súa pregunta, "director dunha oficina de Caixa Galicia", concretamente en Vilagarcía.
"Non lembro a operación á que fai referencia", sinala Méndez como única resposta, sen dar máis aclaracións sobre un perdón de débedas que o propio PP chegou a recoñecer ante o Tribunal de Cuentas. Na páxina 82 do informe do ente fiscalizador sobre as contas dos partidos políticos correspondentes a 1996, feito público en 1999, o Tribunal explica que a "sede rexional de Galicia" do PP "cancelou cinco operacións de endebedamento (...) cunha caixa de aforros". Esas débedas arrastrábanse dende 1986, 1987 e 1990 e eran formalmente de Alianza Popular, pero foran "asumidas polo PP en 1995".
O informe do Tribunal de Cuentas non mencionaba o nome da entidade que perdoara a débeda ao PP, pero o propio partido indicouno nas súas alegacións
Sempre segundo aquel informe do Tribunal de Cuentas, os créditos adebedados sumaban algo máis de 108 millóns de pesetas -uns 650.000 euros- de capital e máis de 322 millóns de pesetas -1,93 millóns de euros- en xuros. No entanto, o PP pagara unicamente 133 millóns de pesetas -algo menos de 800.000 euros-, contía que "cadra coa acordada para a súa liquidación coa entidade de crédito". Daquela, a caixa deu por cancelada a débeda do PP sen lle cobrar os 297,8 millóns de pesetas que faltaban, isto é, o equivalente a 1,8 millóns de euros.
Aínda que aquel informe do Tribunal de Cuentas non mencionaba o nome da caixa que lle perdoara os créditos ao PP, foi o propio partido o que o fixo nas alegacións que remitira ao devandito informe. Como lembraba El País nunha información de 2005 sobre débedas bancarias condonadas a PP e PSOE, os populares argumentaban que "a Caixa de Aforros de Galicia considerou que a única posibilidade de cobro" daquelas cantidades pasaba pola "devolución do capital prestado" e a realización dunha "quitación dos xuros teoricamente devengados". Este perdón era, en calquera caso, "unha práctica habitual en casos similares por parte das entidades financeiras", resaltaba o PP. O Tribunal de Cuentas lembraba no seu informe, non obstante, que "a condonación de débeda non está incluída entre as fontes de financiamento" dos partidos políticos que a lei prevía naquel momento.
"Sempre actuei con honestidade"
Alén desta suposta falta de memoria, no que atinxe estritamente á xestión de Caixa Galicia e á quebra da entidade fusionada Méndez opta por exculparse de xeito xeral. Nas súas rspostas ao Congreso o antigo director xeral defende que "sempre" actuou "coa maior honestidade" na súa xestión, que nunca estivo "politizada" e nunca incorreu en ningunha "práctica ilegal", porque estas estaban "totalmente prohibidas" na entidade. Así, por exemplo, asegura en resposta a En Marea que "as adquisicións de inmobles por parte dos meus familiares acolléronse ás condicións" que rexían para o conxunto da caixa e defende o cobramento da súa xubilación, cuxo importe se nega a revelar por ser datos de "carácter persoal".
Méndez defende a súa xubilación millonaria, da que se nega a revelar o importe, e afirma que as preferentes foron "comercializadas de maneira correcta e rigorosa"
A práctica totalidade dos grupos parlamentarios presentes na comisión cuestionaron tamén a Méndez por un dos aspectos máis controvertidos da etapa final das entidades desaparecidas, a colocación de participacións preferentes a clientela sen coñecementos financeiros, e a todos responde do mesmo xeito. "Estes produtos foron comercializados de maneira correcta e rigorosa" dende o ano 2003 e "cumprindo en todo momento os requisitos" legais, afirma.
Como xa fixera no Parlamento galego, Méndez lembra que o persoal de Caixa Galicia recibiu "unha circular" sobre as preferentes na que era "advertido" de xeito "expreso" sobre que "unicamente podían prestar un servizo de comercialización e, en ningún caso, de asesoramento en materia de investimentos". Así, asegura, os clientes que acabaron subscribíndoas eran "adecuadamente informados" de "todas as características técnicas" do produto. As súas respostas sobre as preferentes contrastan coas ofrecidas o pasado 8 de maio polo seu antigo homólogo en Caixanova, Julio Fernández Gayoso, quen tras o seu paso pola cadea si deu en pedir desculpas polos "auténticos dramas" xerados cunha colocación que, así e todo, fora efectuada "de boa fe", defendeu.