Prohibido dicir no Parlamento que o PP está "condenado por corrupción"

Mesa do Parlamento, órgano reitor da Cámara con maioría do PP © Parlamento de Galicia

O PP galego coñecía dende hai máis dunha semana que os tres grupos da oposición ían cuestionar o presidente da Xunta a respecto da sentenza da trama Gürtel durante a sesión de control deste mércores. Despois de que os conservadores se negasen a que Alberto Núñez Feijóo abordase o asunto nunha comparecencia específica ao respecto, En Marea, PSdeG e BNG utilizaron esta vía para formular unhas preguntas que a Presidencia da Cámara tamén preparou ao seu xeito. Solicitando un informe dos letrados parlamentarios que, segundo o presidente, Miguel Santalices, o avala para prohibir que deputados e deputadas afirmen nas sesións que o Partido Popular foi "condenado por corrupción".

"Eu sabía" que esas acusacións se ían producir, admitiu Santalices no pleno. Evidenciouno despois de instar a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, a retirar esa referencia á "condena por corrupción" da Audiencia Nacional ao PP -o ditame sitúa o partido como beneficiaro da trama corrupta a título lucrativo-. A petición de Santalices, como noutras ocasións, susténtase no artigo do Regulamento parlamentario que faculta a Presidencia para formulala e, se o deputado ou deputada se nega, apercibilo formalmente e proceder á eliminación de "conceptos ofensivos ao decoro da Cámara ou dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade". Esa negativa equivale unha chamada formal á orde e tres destes apercibimentos, á expulsión do pleno.

O informe esgrimido por Santalices causou estupor na bancada esquerda do hemiciclo. Foi, dixo, unha "petición persoal" aos letrados da Cámara "para o manexo do debate e o control da sesión; eu fágolle caso aos letrados" mentres "noutros parlamentos cesan os letrados", tentou zanxar dende a presidencia. "Es tu trabajo, sólo faltaría", agregou polo baixo o vicepresidente Diego Calvo, visiblemente contrariado polas protestas da oposición, que forzou a convocatoria dunha Xunta de Portavoces para esixir explicacións e, sobre todo, tentar obter o informe da "mordaza", que o socialista Fernández Leiceaga pediu sen éxito no propio pleno.

O presidente do Parlamento esgrimiu un informe dos letrados para vetar que a oposición afirme que o Partido Popular foi "condenado por corrupción" na sentenza da Gürtel

A Xunta de Portavoces celebrouse, pero os grupos quedaron sen o informe. "É anómalo en termos democráticos", unha "vergoña e un bochorno", lamentou o voceiro de En Marea. O xefe do lexislativo, di Luís Villares, actáu dun xeito "parecido" ao de "Estados onde se ocultaban as normas para poder perseguir á xente" se "sequera saber" que é exactamente o que está prohibido. O presidente, ao cabo, simplemente tenta "amordazar" a oposición non só evitando expresións contra o "decoro", senón tamén para "saír en defensa do seu amigo Baltar", toda vez que el mesmo foi apercibido durante a propia sesión de control por lembrar a acusación de ofrecer emprego a cambio de sexo da que foi obxecto o titular da Deputación de Ourense, un caso que a xustiza arquivou.

"Se se trata de utilizar un informe dos servizos da Cámara para saber ata onde podemos chegar no debate sen ser chamados á orde, o mínimo é coñecelo", concorda Leiceaga, quen ve o PP disposto a manter a "lei do funil" nos debates, "moi ancha para algúns, estreita para outros". Non en van, resalta, os grupos da esquerda están sometidos a "límites moitos máis estritos" que os populares en xeral e o presidente da Xunta en particular, "quen non ten rubor nin empacho ao verter conceptos moitos máis duros que os portavoces da oposición" sen que "pase nada".

A retirada de expresións supostamente contrarias ao "decoro" no é só simbólica, senón que esas palabras tamén desaparecen do Diario de Sesións, concibido para recoller os termos literais dos debates

Para Ana Pontón este novo episodio de "mordaza" ao debate político no Parlamento é "surrealista", un exercicio de  "insólita censura" sustentado, aínda por riba, nun informe que os grupos da oposición non poden coñecer, destaca. "O PP pretende prohibir no Parlamento galego o que se publicou nas portadas dos xornais e está nunha sentenza", polo que "non imos aceptar mordazas", asegura a nacionalista.

Estas palabras retiradas baixo o criterio da Presidencia non só é simbólica ou de cortesía. Implica que as palabras suprimidas non figurarán no Diario de Sesións do Parlamento, o documento oficial creado para rexistrar todo canto se di nos plenos. Daquela, quen no futuro pretenda recuperar os debates parlamentarios da actualidade non atopará esas expresións que a Presidencia de quenda considera contrarias ao "decoro", polo que para coñecer exactamente o contido íntegro de todos os debates cumprirá recorrer ás gravacións das sesións.

Feijóo, dirixíndose á oposición durante un pleno © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.