As vítimas censuran que a Xunta tentou utilizalas politicamente e que impuxo ao xulgado peritos sen coñecementos ferroviarios, mentres que Feijóo prevía eloxiar os servizos de emerxencias autonómicos malia os seus fallos de coordinación
Finalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non terá que comparecer na comisión de investigación política agora aberta no Congreso dos Deputados sobre o accidente de Angrois, que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos ás portas de Santiago. Malia que tanto as vítimas como el mesmo, por motivos contrapostos, querían a súa comparecencia, ningún grupo parlamentario o considerou necesario. O seu nome non está nin no listado de 18 comparecentes no que coincidiron todos os grupos políticos e no que si están, entre outros, os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, nin entre as restantes 31 persoas citadas dentro das limitadas cotas ás que tiña dereito cada grupo.
As vítimas reclamáronlle a Feijóo en varias ocasións explicacións pola súa actuación política posterior ao sinistro, en particular por varios feitos que consideraron intentos de menosprezalas e utilizalas politicamente, así como pola imposición ao xulgado por parte da Xunta de dous funcionarios autonómicos sen experiencia en materia ferroviaria como peritos para investigar o sucedido. Pola contra, Feijóo sempre se amosou tranquilo ante a posibilidade desa comparecencia, que se tomaba como unha oportunidade de glosar a que di que foi a súa única responsabilidade no sinistro: atender os feridos. Pero tamén nese eido, malia o voluntarismo do persoal implicado, houbo fallos de coordinación sobre os que no seu momento a Xunta evitou facer autocrítica no Parlamento de Galicia e que tampouco agora serán analizados no Congreso.
Desde que ocorreu o accidente de Angrois, cada vez que se lle pregunta por el Feijóo pon o foco en que o ministro cando se modificou o proxecto orixinal e se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro era o socialista José Blanco, obviando que era a popular Pastor a que estaba no cargo cando Adif autorizou a Renfe a desactivar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade que puido evitar o despiste do maquinista, que non freou a tempo. Feijóo adoita sacar a relucir o nome de Blanco para a continuación salientar que a Xunta, sen competencias en materia ferroviaria, e polo tanto na causa do sinistro, si tivo que asumir as súas consecuencias xa que foi a encargada de atender os feridos que deixou o Alvia.
A coordinación por parte da Xunta dos servizos de emerxencias foi mellorable, como evidencia o listado de chamadas e de actuacións do 112 daquela noite
O propio Feijóo avanzou en varias ocasións que, se era citado a comparecer no Congreso, iría encantado a relatar o funcionamento dos servizos de emerxencia de Galicia. Pero malia que o accidente se produciu a catro quilómetros da praza do Obradoiro e na véspera do día grande de Santiago, cun dispositivo especial xa activo na cidade de sanitarios, bombeiros ou policías, a súa coordinación por parte da Xunta foi mellorable. Así o evidencia o listado de chamadas e de actuacións dos servizos de emerxencias do 112 daquela noite, desvelados no seu momento por El País.
Profesionais con experiencia de diversos corpos de emerxencias criticaron eivas de coordinación e atrasos atribuíbles á Xunta, que foron paliados pola entrega dos propios profesionais e a axuda de voluntarios
Nese listado compróbase como a Xunta tardou máis de dúas horas en decretar o nivel de alerta 2, que facilita a chegada ao lugar do sinistro de recursos doutras provincias. O propio camión de comunicacións do 112 que debera facilitar a coordinación in situ nunha crise de tal envergadura tardou unha hora e 46 minutos. E un dos dos helicópteros sanitarios con que conta o 061 informou aos 20 minutos do sinistro que non podía despegar “por unha avaría”, ao tempo que ese mesmo servizo de emerxencias sanitarias non era quen de dirixir cara ao lugar as ambulancias dispoñibles en Santiago. Entrada a madrugada, diversos servizos de emerxencias desprazados desde lonxe de Santiago aínda permanecían na zona mentres outros con bases máis próximas xa retornara a elas.
Profesionais con experiencia de diversos corpos de emerxencias criticaron esas e outras varias eivas de coordinación atribuíbles á Xunta detectadas naquelas actuacións, que foron paliadas pola entrega dos propios profesionais e a axuda de voluntarios. Porén, cando diversos cargos do Goberno galego compareceron no Parlamento de Galicia para responder ás diversas preguntas que ao respecto formulou a oposición, a súa reacción foi a de evitar a autocrítica sobre a súa propia coordinación e acusar ao resto de partidos e os sindicatos de tentar manchar a imaxe dos profesionais das emerxencias. Agora, Feijóo nin poderá gabar no Congreso a eficiencia dos servizos de emerxencias galegos nin terá que dar explicacións sobre os fallos de coordinación.
Críticas das vítimas
A Xunta impuxo como peritos ao xulgado que investiga as responsabilidades penais do caso a dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviaria
Tampouco terá que dar explicacións sobre a principal crítica que lle formula a plataforma de vítimas do sinistro, que a Xunta impuxese como peritos ao xulgado que investiga as responsabilidades penais do caso a dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviaria. Un deles acabou plaxiando posteriormente parte da súa peritaxe da investigación realizada polo Ministerio de Fomento que fixo único responsable do accidente ao maquinista e que foi á súa vez descualificada pola Unión Europea. “Non pode ser que nun accidente no que a administración, a través de Adif e Renfe, está completamente implicada, sexa a propia administración, neste caso a Xunta da mesma cor política, a que poña os peritos para investigar”, di Jesús Domínguez, presidente da plataforma. “Xa pasou no caso do accidente do Metro de Valencia, onde o perito xudicial foi o director de Seguridade na Circulación de Adif, o mesmo que agora está imputado en Angrois”, engade.
“Non pode ser que nun accidente no que a administración está completamente implicada, sexa a propia administración a que poña os peritos para investigar”, di Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas
A Xunta argumentou no seu momento que unha norma autonómica aprobada antes do accidente obrígaa a buscar primeiro entre o persoal da administración a posibles peritos para calquera causa xudicial antes de buscalos fóra. Porén, nos catro anos posteriores ao accidente de Angrois o Goberno galego autorizou que 1.357 peritaxes fosen realizadas por expertos externos independentes fronte a 965 que realizaron funcionarios públicos.
A plataforma de vítimas de Angrois tamén critica a Feijóo que a partir do ano seguinte ao accidente a Xunta cambiase a data de entrega das Medallas de Galicia, a súa máxima condecoración, que anteriormente se outorgaban o 25 de xullo e que desde aquela pasaron a entregarse o 24 segundo dixo a xeito de homenaxe. Naquel primeiro aniversario a policía impediu que numerosos membros da plataforma de vítimas puidesen entrar ao edificio da Cidade da Cultura no que se celebraba o acto e no que Feijóo entregou un galardón a afectados seleccionados pola Xunta que supostamente actuaban en representación dos demais, ademais de condecorar tamén os servizos de emerxencias que participaran no rescate. A plataforma de vítimas acusou ao Goberno galego de tentar utilizalas politicamente para fotografarse con elas pero sen que se escoitasen as reivindicacións que pretendían lanzar.
A plataforma tamén considera que o feito de seguirse entregando as medallas en anos posteriores o día 24 e non volver ao tradicional día 25 contribúe a restar protagonismo mediático aos actos de lembranza dos falecidos no sinistro que organizan elas mesmas na primeira xornada. Tampouco sobre estas críticas terá que dar explicacións Feijóo no Congreso. Ningún grupo o considerou necesario.