Feijóo sentencia que a "manipulación" na CRTVG rematou coa súa chegada á presidencia

Feijóo, visto a través de dous monitores de televisión durante o pleno de investidura © Parlamento de Galicia

O 6 de setembro de 2007 o Consello da Xunta formalizaba o cesamento de Antón Losada como secretario xeral da Vicepresidencia do Goberno galego. O alto cargo abandonaba o posto tras diversas tensións internas e externas vinculadas coa súa xestión como número dous do departamento que dirixía Anxo Quintana, entre elas, un duro enfrontamento con responsables da Televisión de Galicia do que informara o diario El País. A ese episodio aferrouse este mércores por enésima vez o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para negar a existencia de manipulación informativa nos medios públicos de comunicación e sinalar a súa chegada á presidencia do Goberno galego como suposto punto final desta práctica.

Tras sete 'venres negros' de mobilización de persoal da televisión e a radio públicas con esixencias como o cumprimento íntegro da lei de medios e despois da dimisión dos presentadores do Telexornal Serán como protesta polo control informativo, o presidente rexeitou este mércores recibir "leccións de manipulación" da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que o cuestionou ao respecto no Parlamento. Segundo Feijóo, "o grao de manipulación que había na TVG" hai unha década "supera calquera límite do previsible", pero agora non existe. Por iso "falar de manipulación" na actualidade é "enganar", sostivo durante unha sesión seguida ao vivo por membros da plataforma Defende a Galega, composta por persoal da CRTVG que protesta, precisamente, contra esa manipulación.

Segundo o presidente da Xunta, "falar de manipulación" na actual TVG supón "enganar" a cidadanía

Para a líder do Bloque o PP converteu a CRTVG "nunha especie de botafumeiro 4.0" do presidente, un gran "aparello de propaganda" que ademais "incumpre a lei" de 2011 e "vulnera a función de servizo público" para "construír unha realidade paralela á medida das necesidades propagandísticas do PP", así como "unha imaxe desfasada" dun país que está "décadas por diante da imaxe da TVG". Por iso, dixo Pontón, o BNG ofrece ao presidente un "pacto" para "cumprir a lei", un "compromiso" para "designar a dirección xeral por concurso público" e poñer en marcha os órganos previstos na lei incumprida, tales como o Consello de Informativos que reclama o propio persoal. "Si ou non?", retou. "Se é que non, é que quere seguir tendo na súa man o mando da TVG e iso é unha fraude democrática".

Pontón insta a "cumprir a lei" dos medios públicos como primeiro paso para que a CRTVG deixe de "construír unha realidade paralela á medida das necesidades propagandísticas do PP"

"De que manipulación me está falando?", teimou o presidente . "O que sei é que os informativos da TVG son os máis seguidos por todos os galegos" e que a canle galega é "a máis seguida de todas as autonómicas". "Se houbo algún momento de manipulación estrita" foi no mandato do Goberno de coalición que rematou en 2009, sostén, e por iso dá en atribuír ás críticas ao actual modelo a un intento de "torpedear permanentemente o que funciona menos mal que no resto das televisións".

A única "manipulación", segundo o líder popular, é "a que queren introducir a todos os galegos" quen "di que se quere manipular". Tamén, sostén, a que van aplicar o PSOE, Podemos e "os independentistas" cataláns en RTVE.  Pero a cidadanía galega, "no exercicio da súa liberdade", proclama, vai seguir "informándose de acordo cos profesionais" dos medios autonómicos

O presidente evitou outra volta, non obstante, pronunciarse sobre o cumprimento da lei de medios, cuxos preceptos comezaron a incumprirse seis meses despois da entrada en vigor da norma, hai xa sete anos. A aplicación do texto legal foi, precisamente, a reivindicación central do pasado 'venres negro' no marco dun calendario de mobilizacións que, advirte o persoal, continuará nos vindeiros meses.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG Dominio Público Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.