Sánchez evita enfrontarse con Feijóo, dá por bos os prazos do AVE e "abre a porta" a traspasar a AP-9

Feijóo e Sánchez, ao inicio do seu encontro na Moncloa © Goberno de España

Luva branca. Xunta e PP galego apostaran nas últimas semanas por quentar o clima político previo á xuntanza deste martes entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez, a primeira recepción ao titular da Xunta no Palacio de La Moncloa dende a chegada do PSOE ao Goberno de España. Os conservadores aludiran a supostas cesións do socialista ao soberanismo catalán ou "a Podemos" que puñan en risco "compromisos" con Galicia en materias como as infraestruturas. No entanto, tras dúas horas de encontro este argumentario ficou desactivado pola vía dos feitos e Feijóo deu en admitir que saíu da recepción "moito menos preocupado". Mesmo recoñeceu "avances moi significativos" porque Sánchez deu por bos os prazos do AVE e mesmo "abriu a porta" á transferencia da AP-9 que o Goberno de Rajoy vetou tres veces.

Segundo Feijóo, Sánchez asegura "que se manteñen todos os compromisos" relativos á conexión de alta velocidade con Madrid "e os trens poderán entrar en Galicia en probas no último trimestre de 2019", se ben o cronograma coñecido dende hai ano e medio evidencia que as obras da liña non estarán rematadas a efectos prácticos ata 2020 -como ratifican os últimos contratos lanzados durante o mandato do PP- e que o trazado definitivo, incluíndo os 17 quilómetros de Taboadela a Ourense, non ficarán rematados ata, cando menos, o ano 2024 -na liña do reflectido nos últimos orzamentos de Rajoy e xa admitido publicamente por Feijóo-. Feijóo tamén dá por "mantida" a "data do AVE a Lugo para o ano 2021", aínda que do que realmente se trata é do xa coñecido plan de electrificación de vías e eliminación de pasos a nivel.

Feijóo admite como "un avance" que Sánchez "pedise tempo" para valorar o traspaso da AP-9, que o Goberno de Rajoy vetou tres veces en ano e medio

No que atinxe ao traspaso de competencias sobre a AP-9 Feijóo admite unha mellor disposición de Sánchez que a do Goberno anterior, toda vez que non se negou aínda que aludiu a "informes que obran no Ministerio de Fomento" con argumentos recorrentes como que a Autoestrada do Atlántico conecta con Portugal -un dos motivos aludidos polo Executivo do PP para vetala no Congreso-. Segundo a versión do titular da Xunta, Sánchez "pediu tempo para ver este asunto" e "deixou a porta aberta á transferencia", o cal é "un avance". Esta transferencia de competencias, que de completarse sería a primeira en dez anos, pode ser aprobada pola vía do acordo entre gobernos ou coa aprobación dunha lei no Congreso -actualmente, está a tramitarse unha iniciativa de En Marea ao respecto e o Parlamento galego remitirá en pouco tempo a súa por terceira vez-.

Alén das obras concretas e de asuntos como a petición de colaboración no Xacobeo 2021 e na recuperación das vivendas afectadas pola explosión da pirotecnia de Tui, Feijóo aproveitou a súa presenza en Madrid para lembrar a petición dun novo modelo de financiamento autonómico -o actual leva media década caducado- e negarse a que "as comunidades autónomas incumpridoras" poidan beneficiarse de quitacións de débeda. Esíxeo, proclamou, porque Galicia é "unha comunidade autónoma leal" que "non foi un problema para a Facenda española" durante a recesión".

En Marea reclama a Sánchez "compromiso coa axenda galega"

A recepción a Feijóo na Moncloa celebrouse escasas horas despois de que o xefe do Executivo central comparecese no Congreso para expoñer o seu programa de goberno. Na quenda dos grupos parlamentarios o voceiro de En Marea durante este semestre, Antón Gómez-Reino, advertiu a Sánchez da necesidade dun "compromiso claro coa axenda galega" por parte do Goberno, xa que "o noso apoio" a moción de censura "non é un cheque en branco". Neste sentido, Gómez-Reino apuntou como "urxente" a reforma do financiamento autonómico, pero tamén "cuestión fundamentais" como o devandito traspaso da AP-9 ou reverter a decisión sobre a prórroga de ENCE, citou.

Dende Galicia a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntaba antes do encontro que o propio formato da recepción, ás cinco da tarde, "demostra ata que punto estes dez anos de submisión nos conduciron á irrelevancia política". Mentres que as xuntanzas "cos presidentes de Euskadi e Catalunya foron citas do máximo nivel, o punto central da axenda política" de cadanseus días, di Pontón, Feijóo foi citado na Moncloa "no día en que Sánchez comparece no Congreso", nun encontro que "xa quedou devaluado" coa súa "escenificación".

Sánchez e Feijóo, na chegada do presidente da Xunta á Moncloa © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.