En Marea (EM) está de novo na porta dos leóns da Carrera de San Jerónimo, pero non para facerse unha foto triunfal como as dos seus seis deputados de 2015 ou os cinco de 2016, senón para saír do Congreso dos Deputados. A incrible alianza que chegou a sacar eses escanos de 2016 tras unha campaña na que os seus líderes non esconderon as súas liortas e que se lanzou ás autonómicas dese mesmo ano no medio dunha batalla campal nos días nos que se tiña que inscribir no xulgado atópase agora en perigo de desaparición parlamentaria en España, segundo a última entrega do barómetro electoral do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS).
O instituto gobernamental demoscópico español atribúe a En Marea un 0,7% dos votos válidos, fronte ao 1,4% de 2016, mais o fundamental é que a sitúa por baixo do limiar do 0,8%, que é a porcentaxe máis pequena coa que o BNG logrou representación no Congreso e que serve por tanto de referencia electoral. Cun líder, Luís Villares, cuestionado pola maioría dos deputados autonómicos, os principais alcaldes e as organizacións fundadoras, pero que segue no cargo grazas á súa determinación por non volver poñer a toga, o desleixo das sucursais galegas de Unidos Podemos e as contradicións e debilidades de Anova e as mareas locais, EM enfróntase agora desangrada internamente á grave ameaza que lle supón a recuperación do PSOE que sinala a mesma sondaxe. A porta dos leóns xa non é o símbolo da entrada no olimpo político español, senón máis ben un pórtico do abismo.
EM enfróntase agora desangrada internamente á grave ameaza que lle supón a recuperación do PSOE que sinala a mesma sondaxe
En 1986 Coalición Galega sacou un deputado no Congreso co 0,4% dos votos válidos no conxunto do Estado. Foi grazas a que a súa forza principal estaba na provincia de Ourense, na que co 13,8% dos sufraxios se fixo co último dos cinco escanos que entón correspondían a esta circunscrición. Tratábase dun caso moi peculiar, creado cos restos da entón xa extinta UCD e que ten moito máis que ver na súa xenética con Coalición Canaria que coa realidade de En Marea. A socioloxía electoral de EM garda máis relación coa do BNG, non só porque lle chuchou boa parte dos seus apoios, senón tamén porque os seus principais caladoiros se sitúan na Galicia atlántica, nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde os votos valen menos que nas de Lugo e Ourense, por mor da trucaxe do sistema electoral.
O fenomenal pulo de En Marea en 2015, como segunda forza na Galicia atlántica e con votos suficientes para ter un deputado por Ourense e outro por Lugo, pulverizou as vellas referencias dos resultados do BNG, como tamén ocorreu en 2016, aínda que xa cun devalo que lle custou o escano ourensán. Pero agora, en plena crise tanto de EM como da casa matriz de Vallecas, a traxectoria do Bloque si serve como orientación. Os datos do Ministerio do Interior sinalan que o BNG se deu coa porta dos leóns en 1993 co 0,5% dos votos válidos en España, mentres que si conseguiu entrar en 1996 co 0,9% e dúas actas. Alén do momento de máximo esplendor de 2000, cando chegou ata o 1,3% e sacou tres escanos, en 2004, 2008 e 2011 acadou dous deputados sempre co 0,8%. Entraba pola Coruña e Pontevedra e tiraba todos os votos que obtiña en Lugo e Ourense.
Coa actual fragmentación, con ata cinco forzas (PP, PSOE, EM, C’s e BNG) dispostas a loitar en teoría polos últimos deputados das provincias da Coruña e Pontevedra, os escanos poden saír máis baratos
A do limiar do 0,8% é unha referencia interesante, pero nada exacta, pois depende moito do nivel de participación en España e en Galicia e de como se distribúen os votos de En Marea entre as catro circunscricións galegas. Ademais coa actual fragmentación, con ata cinco forzas (PP, PSOE, EM, C’s e BNG) dispostas a loitar en teoría polos últimos deputados das provincias da Coruña e Pontevedra, os escanos poden saír máis baratos que cando só había tres candidaturas para repartir e unha delas, a da gaivota, era moito máis grande cás outras, o que lle daba vantaxe no cálculo da fórmula D’Hondt. E o número de deputados de Galicia no Congreso foi baixando ao longo dos últimos lustros.
Cun 0,7% dos votos nas vindeiras xerais En Marea estaría xusto no punto no que podería sacar dous deputados, un pola Coruña e outro por Pontevedra, só un deles ou non ter ningún. O relevante é, por tanto, que está na zona de máxima alarma segundo a enquisa do CIS. Nela vese tamén un efecto da cociña á hora de facer a estimación de voto, pois na intención directa, que é o que declaran os entrevistados, EM xa levaba dúas entregas baixando, mentres a mantiñan no cálculo final da porcentaxe de sufraxios no 1,3% que tiña desde outubro. Porén xa había sinais moi preocupantes, como o da baixa fidelidade de voto. Nesta última entrega só o 41,4% dos votantes de En Marea din estar dispostos a recuncar, mentres un 34,5% se iría ao PSOE, sen que esta vez apareza fuga algunha cara ao BNG, senón cara ao PACMA, cun 3,4%, e cun 20,7% de indecisos.
Trátase de datos referidos a só 29 respostas, polo que os datos deben ser tomados con pinzas e debe facerse con eles iso que se adoita dicir sempre pero que poucas veces se fai, o de tomar as tendencias
Trátase de datos referidos a só 29 respostas, nunha sondaxe de ámbito estatal, cunha mostra moi pequena para Galicia, polo que os datos deben ser tomados con pinzas e debe facerse con eles iso que se adoita dicir sempre pero que poucas veces se fai, o de tomar as tendencias. Coa súa serie continuada ao longo de tempo, aínda coa dúbida pola polémica sobre algún cambio na metodoloxía nesta última entrega, aí está o valor do barómetro trimestral electoral do CIS. Ademais sucede algo tan básico como que, nun contexto de grande incerteza sobre cando se van celebrar as xerais, non hai a garantía plena de que cando as haxa En Marea vaia seguir existindo como tal, pois antes podería producirse unha ruptura e tamén reaparecer por exemplo o intento de crear unha candidatura única do nacionalismo, aínda que non sexa algo que pareza probable neste intre.
A primeira gran dúbida da política española actual atinxe ao calendario electoral, a se seguirá a orde en principio prevista, con andaluzas nos próximos meses, municipais, autonómicas e europeas en xuño e as xerais despois, coas galegas máis tarde, ou se Sánchez non conseguirá o que semella o seu obxectivo de chegar ata a primavera e habería un adianto das xerais, coa dúbida permanente polo medio do que poida suceder en Cataluña. Para En Marea trátase dunha cuestión crítica, pois para os próximos meses está prevista unha nova batalla polo control da organización, ante o intento promovido por Compostela Aberta de derrubar a actual dirección que encabeza Luís Villares, co apoio dunha parte de Anova, o partido de Beiras, e Cerna, a formación tránsfuga xurdida tamén do tronco beirista.
A primeira gran dúbida da política española actual atinxe ao calendario electoral. Para En Marea trátase dunha cuestión crítica, pois para os próximos meses está prevista unha nova batalla polo control da organización
Neste punto é no que a análise do complexo mundo de En Marea se complica de tal maneira que ata parece un xeroglífico e resulta enxeñosa a frase de Feijóo de hai dous anos de que para orientarse neste universo necesita un mapa e unha cantimplora. Mais a cuestión decisiva segue a ser moi simple, a de se Podemos e Esquerda Unida van participar ou non no intento da parte oficial de Anova e as principais mareas locais de derrubar a Villares, ou se van poñer de perfil como o ano pasado. Neste segundo suposto os villaristas amosaron ata agora que dan resistido. Noutro, deberían telo moito máis difícil. Toda esta loita diante do abismo prodúcese ademais a menos dun ano dunhas municipais nas que en principio a Compostela Aberta de Martiño Noriega conta con moitas opcións de resistir en Santiago, mentres a Marea Atlántica tamén parece poder manter a alcaldía da Coruña e co poder do Ferrol en Común de Jorge Suárez moi ameazado, xa non só polo PP, polo efecto dos clásicos movementos pendulares nesa cidade, senón tamén polo PSOE, que dispón dunha oportunidade se fai ben as cousas.
- Tati Moyano e a maquillaxe a Feijóo -> SEGUIR LENDO