0 Gardados para despois

En Marea, na porta dos leóns

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


En Marea (EM) está de novo na porta dos leóns da Carrera de San Jerónimo, pero non para facerse unha foto triunfal como as dos seus seis deputados de 2015 ou os cinco de 2016, senón para saír do Congreso dos Deputados. A incrible alianza que chegou a sacar eses escanos de 2016 tras unha campaña na que os seus líderes non esconderon as súas liortas e que se lanzou ás autonómicas dese mesmo ano no medio dunha batalla campal nos días nos que se tiña que inscribir no xulgado atópase agora en perigo de desaparición parlamentaria en España, segundo a última entrega do barómetro electoral do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS).

O instituto gobernamental demoscópico español atribúe a En Marea un 0,7% dos votos válidos, fronte ao 1,4% de 2016, mais o fundamental é que a sitúa por baixo do limiar do 0,8%, que é a porcentaxe máis pequena coa que o BNG logrou representación no Congreso e que serve por tanto de referencia electoral. Cun líder, Luís Villares, cuestionado pola maioría dos deputados autonómicos, os principais alcaldes e as organizacións fundadoras, pero que segue no cargo grazas á súa determinación por non volver poñer a toga, o desleixo das sucursais galegas de Unidos Podemos e as contradicións e debilidades de Anova e as mareas locais, EM enfróntase agora desangrada internamente á grave ameaza que lle supón a recuperación do PSOE que sinala a mesma sondaxe. A porta dos leóns xa non é o símbolo da entrada no olimpo político español, senón máis ben un pórtico do abismo.

EM enfróntase agora desangrada internamente á grave ameaza que lle supón a recuperación do PSOE que sinala a mesma sondaxe

En 1986 Coalición Galega sacou un deputado no Congreso co 0,4% dos votos válidos no conxunto do Estado. Foi grazas a que a súa forza principal estaba na provincia de Ourense, na que co 13,8% dos sufraxios se fixo co último dos cinco escanos que entón correspondían a esta circunscrición. Tratábase dun caso moi peculiar, creado cos restos da entón xa extinta UCD e que ten moito máis que ver na súa xenética con Coalición Canaria que coa realidade de En Marea. A socioloxía electoral de EM garda máis relación coa do BNG, non só porque lle chuchou boa parte dos seus apoios, senón tamén porque os seus principais caladoiros se sitúan na Galicia atlántica, nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde os votos valen menos que nas de Lugo e Ourense, por mor da trucaxe do sistema electoral.

O fenomenal pulo de En Marea en 2015, como segunda forza na Galicia atlántica e con votos suficientes para ter un deputado por Ourense e outro por Lugo, pulverizou as vellas referencias dos resultados do BNG, como tamén ocorreu en 2016, aínda que xa cun devalo que lle custou o escano ourensán. Pero agora, en plena crise tanto de EM como da casa matriz de Vallecas, a traxectoria do Bloque si serve como orientación. Os datos do Ministerio do Interior sinalan que o BNG se deu coa porta dos leóns en 1993 co 0,5% dos votos válidos en España, mentres que si conseguiu entrar en 1996 co 0,9% e dúas actas. Alén do momento de máximo esplendor de 2000, cando chegou ata o 1,3% e sacou tres escanos, en 2004, 2008 e 2011 acadou dous deputados sempre co 0,8%. Entraba pola Coruña e Pontevedra e tiraba todos os votos que obtiña en Lugo e Ourense.

Coa actual fragmentación, con ata cinco forzas (PP, PSOE, EM, C’s e BNG) dispostas a loitar en teoría polos últimos deputados das provincias da Coruña e Pontevedra, os escanos poden saír máis baratos

A do limiar do 0,8% é unha referencia interesante, pero nada exacta, pois depende moito do nivel de participación en España e en Galicia e de como se distribúen os votos de En Marea entre as catro circunscricións galegas. Ademais coa actual fragmentación, con ata cinco forzas (PP, PSOE, EM, C’s e BNG) dispostas a loitar en teoría polos últimos deputados das provincias da Coruña e Pontevedra, os escanos poden saír máis baratos que cando só había tres candidaturas para repartir e unha delas, a da gaivota, era moito máis grande cás outras, o que lle daba vantaxe no cálculo da fórmula D’Hondt. E o número de deputados de Galicia no Congreso foi baixando ao longo dos últimos lustros.

Cun 0,7% dos votos nas vindeiras xerais En Marea estaría xusto no punto no que podería sacar dous deputados, un pola Coruña e outro por Pontevedra, só un deles ou non ter ningún. O relevante é, por tanto, que está na zona de máxima alarma segundo a enquisa do CIS. Nela vese tamén un efecto da cociña á hora de facer a estimación de voto, pois na intención directa, que é o que declaran os entrevistados, EM xa levaba dúas entregas baixando, mentres a mantiñan no cálculo final da porcentaxe de sufraxios no 1,3% que tiña desde outubro. Porén xa había sinais moi preocupantes, como o da baixa fidelidade de voto. Nesta última entrega só o 41,4% dos votantes de En Marea din estar dispostos a recuncar, mentres un 34,5% se iría ao PSOE, sen que esta vez apareza fuga algunha cara ao BNG, senón cara ao PACMA, cun 3,4%, e cun 20,7% de indecisos.

Trátase de datos referidos a só 29 respostas, polo que os datos deben ser tomados con pinzas e debe facerse con eles iso que se adoita dicir sempre pero que poucas veces se fai, o de tomar as tendencias

Trátase de datos referidos a só 29 respostas, nunha sondaxe de ámbito estatal, cunha mostra moi pequena para Galicia, polo que os datos deben ser tomados con pinzas e debe facerse con eles iso que se adoita dicir sempre pero que poucas veces se fai, o de tomar as tendencias. Coa súa serie continuada ao longo de tempo, aínda coa dúbida pola polémica sobre algún cambio na metodoloxía nesta última entrega, aí está o valor do barómetro trimestral electoral do CIS. Ademais sucede algo tan básico como que, nun contexto de grande incerteza sobre cando se van celebrar as xerais, non hai a garantía plena de que cando as haxa En Marea vaia seguir existindo como tal, pois antes podería producirse unha ruptura e tamén reaparecer por exemplo o intento de crear unha candidatura única do nacionalismo, aínda que non sexa algo que pareza probable neste intre.

A primeira gran dúbida da política española actual atinxe ao calendario electoral, a se seguirá a orde en principio prevista, con andaluzas nos próximos meses, municipais, autonómicas e europeas en xuño e as xerais despois, coas galegas máis tarde, ou se Sánchez non conseguirá o que semella o seu obxectivo de chegar ata a primavera e habería un adianto das xerais, coa dúbida permanente polo medio do que poida suceder en Cataluña. Para En Marea trátase dunha cuestión crítica, pois para os próximos meses está prevista unha nova batalla polo control da organización, ante o intento promovido por Compostela Aberta de derrubar a actual dirección que encabeza Luís Villares, co apoio dunha parte de Anova, o partido de Beiras, e Cerna, a formación tránsfuga xurdida tamén do tronco beirista.

A primeira gran dúbida da política española actual atinxe ao calendario electoral. Para En Marea trátase dunha cuestión crítica, pois para os próximos meses está prevista unha nova batalla polo control da organización

Neste punto é no que a análise do complexo mundo de En Marea se complica de tal maneira que ata parece un xeroglífico e resulta enxeñosa a frase de Feijóo de hai dous anos de que para orientarse neste universo necesita un mapa e unha cantimplora. Mais a cuestión decisiva segue a ser moi simple, a de se Podemos e Esquerda Unida van participar ou non no intento da parte oficial de Anova e as principais mareas locais de derrubar a Villares, ou se van poñer de perfil como o ano pasado. Neste segundo suposto os villaristas amosaron ata agora que dan resistido. Noutro, deberían telo moito máis difícil. Toda esta loita diante do abismo prodúcese ademais a menos dun ano dunhas municipais nas que en principio a Compostela Aberta de Martiño Noriega conta con moitas opcións de resistir en Santiago, mentres a Marea Atlántica tamén parece poder manter a alcaldía da Coruña e co poder do Ferrol en Común de Jorge Suárez moi ameazado, xa non só polo PP, polo efecto dos clásicos movementos pendulares nesa cidade, senón tamén polo PSOE, que dispón dunha oportunidade se fai ben as cousas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Tati Moyano e a maquillaxe a Feijóo

Anxo Lugilde | @anxoluxilde

Contan en San Marcos que cando comezaron as protestas contra a manipulación en Televisión Española algúns traballadores da TVG empezaron a vestir de negro os venres, en sinal de solidariedade. Era o espontáneo xermolo dos venres negros dos medios públicos galegos, que fixeron realidade o que non hai moitos meses parecía un imposible, que entre o persoal da compañía houbese un levantamento contra a utilización da televisión e da radio ao servizo político da Xunta de Feijóo, é dicir baixo o ditado da secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra. Hai xa unhas semanas no Parlamento Alfonso Sánchez Izquierdo insinuou que se trataba dun movemento minoritario, que de ningunha maneira representaba o conxunto do cadro de persoal. Mais aínda que el lles negue a valentía aos que se mobilizaban, a súa xurdiu desde o principio como unha protesta heroica e moi significativa no reino das listas negras, formais ou informais, que constitúen unha vella práctica que xa vén do fraguismo.

Xurdiu desde o principio como unha protesta heroica e moi significativa no reino das listas negras, formais ou informais, que constitúen unha vella práctica que xa vén do fraguismo

Os venres negros foron tomando corpo aos poucos, como se vía nas fotografías das concentracións no vestíbulo da televisión e nas imaxes dos participantes na protesta que vai colgando nas redes sociais o colectivo que a impulsa, Defende a Galega. En xullo notouse o natural efecto das vacacións pero tamén se vía que a loita seguía viva, co pulo que supuxo a noticia de finais de xuño de que os dous presentadores do principal telexornal da TVG, Tati Moyano e Alfonso Hermida, non van seguir nos seus postos en setembro, en desacordo coa manipulación informativa da canle. E este venres, o primeiro de agosto, cando máis difícil debía resultar en teoría manter aceso o facho da mobilización, houbo un rechamante desbordamento, con varias das máis coñecidas facianas xornalísticas da tele e da radio que se sumaron á protesta ou que, polo menos, lle deron en público o seu apoio a Tati Moyano, logo de que a dirección lle abrise un expediente por unha falta moi grave.

A sanción coa que a TVG ameaza a Tati Moyano pode ser de entre 16 a 60 días de suspensión de emprego e soldo ou mesmo do despido disciplinario. Aínda que a desculpa sexa que utilizou o servizo da maquillaxe da compañía para presentar a gala contra o cancro do 22 de xuño, seguindo as prácticas habituais na casa neses casos, o posible castigo débese a que falou dos Venres Negros diante do presidente da Xunta, como unha nota a rodapé que desagradou visiblemente ao político dos Peares.

Ademais de representar un desafío que a Xunta non quere pasar por alto, na acción reivindicativa de Moyano podíase albiscar asemade un posible precedente potencial para outros profesionais dispostos a protestar ante Feijóo

O xesto de Tati Moyano, cuxa valentía acaba de recoñecer pola vía dos feitos o propio Sánchez Izquierdo , supón a apertura dunha fenda no xeito tradicional de Feijóo de relacionarse cos xornalistas, co seu “campeonismo” natural, ese estilo que el mesmo describira en 2006 citando a frase de Loyola de Palacio de que ”eres un poco chulo”. Alén desa fachenda, el trata de dar unha imaxe allea a calquera tic autoritario. Se hai algún problema xa o resolve despois Mar Sánchez. O que fixo Tati Moyano foi xogar nese campo do Alberto “campechano” e moderno, pero neste intre, o da maioría absolutísima, é unha maquillaxe. Ademais de representar un desafío que a Xunta non quere pasar por alto, na acción reivindicativa de Moyano podíase albiscar asemade un posible precedente potencial para outros profesionais dispostos a protestar ante Feijóo, o que conduciu ao expediente disciplinario.

Cómpre que alguén lle faga ver a Feijóo que, ademais de frear o expediente contra Moyano, lle sería más rendible politicamente restaurar o pequeno espazo para a crítica que existía antes desta terceira maioría absoluta

Un político que caia no bastante frecuente erro de crerse a súa propia propaganda pode concluír que non hai ningún problema, porque nin a mobilización dos venres negros nin a ameaza de castigo existen na gran maioría dos medios convencionais galegos. Pero si que o hai, froito dun chanzo máis na escalada de Feijóo e Mar Sánchez desta lexislatura, na que o sometemento da CRTVG á Xunta se fixo aínda máis intenso, mentres nos medios privados a listaxe de temas tabús non deixa de medrar e xa case todo o que non é un eloxio pode ser interpretado desde a presidencia como un ataque. Viuse na intervención de Feijóo na última gala anual da Ser Galicia, o único dos medios líderes no seu respectivo sector que non toca a súa partitura. Na súa intervención laiouse dunha suposta persecución contra o seu goberno e chegou a gabarse, seica como unha brincadeira, de que os votos do PPdeG superan o número de ouvintes desa emisora, como se fosen magnitudes comparables.

Cómpre que alguén lle faga ver a Feijóo que, ademais de frear o expediente contra Moyano, lle sería más rendible politicamente restaurar o pequeno espazo para a crítica que existía antes desta terceira maioría absoluta e que non é san pretender que todos digan todos os días que es o maior estadista planetario, aínda que haxa moitos dispostos a facelo con entusiasmo. Mais nada indica que vaia haber rectificación algunha, pois cando se entra nunha dinámica deste tipo é case imposible parar.