0 Gardados para despois

As reviravoltas de PP e PSOE coa débeda do Porto da Coruña

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Na derradeira semana de agosto, o Goberno central anunciou a condonación dunha débeda de 350 millóns nos peiraos de Valencia. Unha  negociación entre o Executivo de Pedro Sánchez e o Govern de Ximo Puig, ambos socialistas, conseguiu condonar a débeda que o consorcio valenciano mantiña por un proxecto impulsado polos populares Rita Barberá e Francisco Camps para a organización da Copa do Mundo de vela e da Fórmula 1. Desde entón, o Concello da Coruña reclamou o mesmo trato para a cidade, solicitando que se perdonen os 200 millóns que a Autoridade Portuaria debe a Puertos del Estado pola construción do porto exterior de punta Lagosteira, o que evitaría a venda da zona portuaria urbana de San Diego.

Desde que o Estado condonou a débeda do Porto de Valencia, o Concello da Coruña reclama un trato equivalente cos seus peiraos

A Marea Atlántica --e En Marea a nivel galego e estatal-- impulsaron diferentes mocións nas diferentes cámaras de representación reclamando un trato igualitario, atopándose co apoio dun PP que mudou de súpeto a postura que mantivera durante todos os anos que Mariano Rajoy permaneceu na Moncloa. O PSOE, ao tempo, votaba a favor de cancelar a débeda no Parlamento de Galicia e na Deputación, mentres facía o contrario no pleno municipal e no Congreso. 

O PSOE votou a favor de condonar a débeda no Parlamento e na Deputación pero votou en contra no pleno municipal e no Congreso

A última das reviravoltas socialista foi este xoves na Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados. A Cámara Baixa votou a favor dunha proposición non de lei para reclamar ao Executivo central que condene a débeda do porto e financiar o tren a punta Lagosteira. O texto da iniciativa é idéntico ao que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego e vai na liña do que tamén saíu adiante no pleno da Deputación da Coruña, en ambos casos co voto favorable do PSOE. Desta vez, os socialistas votaron non, ao igual que fixeran no Concello da Coruña. E ante propostas practicamente idénticas.

A moción que saíu adiante foi a mesma proposta por En Marea e transaccionada por PP e PSOE na Cámara galega. Pide que o trato á Coruña sexa igual ao dado a Valencia, que se condene a débeda ou se artelle unha solución equivalente, que se revisen os convenios de 2004 pra revisalos, que se asegure o financiamento do tren a punta Lagosteira e que se cree un consorcio público que garanta a titularidade pública dos terreos que sexan desafectados. Pero os socialistas dixeron non. 

O PSOE defende que non se pode solicitar unha axuda de Estado para unha infraestrutura financiada pola UE

Tamén votou en contra o PNV, mentres que Ciudadanos nin tan sequera votou. O deputado coruñés do PSOE, Ricardo García Mira, tirou do argumento do seu partido na Coruña: que se está a solicitar unha axuda de Estado sobre infraestruturas que foron financiadas por axudas da UE e que non serái legal. En definitiva, que os casos non son "comparables". 

Manifestantes a prol da devolución dos terreos portuarios da Coruña / © Marea Atlántica

Desde o PP, pola súa banda, confirmaron a súa reviravolta completa dos últimos meses. Aínda no pasado mes de maio, defendeu o protocolo asinado por Feijóo de costas ao Concello co Porto e con Fomento que reafirmaba a vixencia dos convenios de 2004, incluídos os usos previstos para os peiraos, subliñando explicitamente a imposibilidade das administracións públicas de frear o proceso de desafectación dos terreos.

O PP, que hai catro meses defendía o protocolo que reafirmaba a vixencia dos convenios de 2004, avoga agora por revisalos

A unidade de criterio era antes entre Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG, que reclamaban unha revisión dos convenios de 2004 para evitar a privatización dos terreos portuarios, postura precisamente defendida polo PP para facer fronte ás débedas da Autoridade Portuaria e que agora xa non lle parece axeitada. 

Os populares acusan a Pedro Sánchez de mudar as regras de xogo e identifican a condonación da débeda en Valencia ao "pagamento dunha das mochilas que arrastra o Goberno socialista". Sitúanse do lado de En Marea e da Marea Atlántica logo de anos en contra de calquera das propostas, tamén das do BNG, que insiste en que o Estado asuma a construción do porto exterior de Arteixo e na devolución dos terreos portuarios á Coruña. O PSOE, depende. De se vota na Coruña ou no Congreso. Ou se o fai no Parlamento galego ou na Deputación. A chegada de Pedro Sánchez á Moncloa obrígao a curiosos equilibrios.  

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.