19,40 euros da Coruña a Vigo, 6,70 de Santiago a Lalín ou 2,60 da Coruña a Carballo: así quedan as peaxes en 2024

Cabinas de peaxe na AP-53 © Grupo Itínere

Tras coñecerse o sábado a porcentaxe de suba, a súa aplicación concreta a cada treito, redondeada de cinco en cinco céntimos, deixa estas taxas, á espera de que o Estado aplique novos descontos durante este 2024

Tras comunicar o sábado 30 de decembro o Ministerio de Transportes a porcentaxe de suba das peaxes nas autoestradas de titularidade estatal, esa cifra debeu ser redondeada de cinco en cinco céntimos en cada treito de cada vía en función de como se realizase o redondeo o ano anterior. Feito ese proceso, así é como quedan as peaxes neste 2024 á espera de que o Goberno de España implante novas rebaixas a usuarios frecuentes comprometidas co BNG no acordo para a investidura de Pedro Sánchez.

Peaxes en cada treito da AP-9 en 2024 © Audasa

Na AP-9 a suba autorizada polo ministerio foi dun 6,55%, máis que a inflación do último ano para compensar de xeito progresivo en varios exercicios que no ano anterior as peaxes non subisen tanto como a inflación. A aplicación concreta desa porcentaxe deixa taxas como 7,95 euros para circular entre A Coruña e Santiago, 6,85 entre Santiago e Pontevedra ou 4,60 entre Pontevedra e Vigo. Así o recorrido entre A Coruña e Vigo queda en 19,40 euros, 1,25 euros máis que o ano pasado. 

Na AP-53, onde tamén se prevén rebaixas para usuarios frecuentes ao longo deste ano, a suba autorizada foi do 5,07%, e a súa aplicación concreta deixa a viaxe entre Lalín e Santiago en 6,70 euros, 30 céntimos máis que o ano pasado. 

Peaxes en cada treito da AP-53 en 2024 © Ministerio de Transportes

No caso das dúas autoestradas de titularidade autonómica, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Baiona, a Xunta, como anunciou Alfonso Rueda en setembro, decidiu conxelar por segundo ano consecutivo a suba das peaxes para os usuarios e asumila cos Orzamentos autonómicos. Así, a viaxe entre A Coruña e Carballo mantense en 2,60 euros e entre Vigo e Baiona en 1,70 euros.

Peaxes en cada treito da AP-55 e da AP-57 en 2024 © Autoestradas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.