As taxas concretas para cada percorrido coñeceranse cando as divulgue cada concesionaria tras facer o habitual redondeo
O Ministerio de Transportes desvelou este sábado as subas oficiais das peaxes das autoestradas en 2024. A AP-9 entre Ferrol e Tui farao un 6,55% e a AP-53 entre Santiago e Lalín un 5,07%. Porén, estas porcentaxes deben ser redondeadas de cinco céntimos en cinco céntimos en función tamén de como se realizase o redondeo do ano anterior, polo que as cifras concretas das peaxes para cada percorrido coñeceranse cando as divulgue cada concesionaria.
Cada 1 de xaneiro deben actualizarse as peaxes segundo a inflación e outros condicionantes como subas extraordinarias por obras ou outras circunstancias. Desta volta estaba pendente que o ministerio concretase a aplicación da decisión de limitar a suba das peaxes do pasado ano, cunha inflación especialmente elevada, a cambio de aumentalas máis pero de xeito progresivo nos anos seguintes.
No caso da AP-9 cada ano hai que engadir un 1% de suba adicional para compensar a Audasa as obras de ampliación da ponte de Rande inauguradas hai seis anos
O ministerio lembra que o pasado ano "habilitouse unha subvención para mitigar os efectos da alta inflación, xa que se debera aplicar unha suba de entre o 8,4% e o 9,5%, e estableceuse a obriga de eliminar dita subvención a finais de 2026, é dicir, de ila repercutindo ao usuario de xeito progresivo no prazo de tres anos".
Ademais, no caso da AP-9 hai que aplicar unha suba adicional dun 1% cada ano en compensación polas obras de ampliación da ponte de Rande, inauguradas hai agora seis anos.
Fronte a isto, o ministerio lembra que na AP-9 xa se están aplicando descontos desde hai dous anos aos usuarios habituais que serán aumentados o próximo ano tras o acordo da investidura de Pedro Sánchez co BNG , ao tempo que se habilitarán novas bonificacións na AP-53.
Esta nova suba das peaxes chega despois de que o pasado 18 de agosto comezase a contar a prórroga da concesión da AP-9 que o Goberno de José María Aznar outorgou a Audasa por 25 anos máis, ata 2048. Tamén se produce cando o pagamento por circular polas infraestruturas viarias volve ser un dos elementos de debate na precampaña das eleccións galegas.