A pugna sobre a permanencia de Ence na ría, camiño do Constitucional e da UE tras o aval definitivo do Supremo

Detalle da fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra), en terreos públicos á beira da ría © Ence

O pasado febreiro o Tribunal Supremo anulou a sentenza da Audiencia Nacional que declarara ilegal a prórroga concedida polo Goberno do PP de Mariano Rajoy en funcións a Ence (2016) para permanecer nos terreos públicos que ocupa na beira da ría de Pontevedra ata 2073. Isto é, ata un total de 115 anos dende a concesión inicial, que a pasteira, privada dende 2001, recibiu como empresa estatal da ditadura a finais dos anos 50 do século pasado.

O Supremo comunicou esta semana que o pasado xuño xa rexeitou as peticións de nulidade interpostas polo Estado e o Concello de Pontevedra contra a sentenza na que avalou a prórroga da pasteira concedida polo Goberno do PP de Rajoy en funcións

Dende pouco despois do aval, o Concello de Pontevedra, Greenpeace a Asociación pola Defensa da Ría, que recorreran a prórroga na Audiencia, amosaran a súa vontade de seguir litigando. A primeira parada desa nova tentativa era o propio Tribunal Supremo, que como agardaba as partes vén de reafirmarse no seu aval á celulosa. O Tribunal Constitucional e, sobre todo, a Unión Europea son as seguintes paradas dun litixio que se prevé prolongado e no que a vertente europea pode acabar sendo clave, tal e como transloce no último -e neste caso, derradeiro- pronunciamento do Supremo.

'Marcha contra celulosas', o pasado 25 de xuño en Pontevedra © FEG

O auto da sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, ditado o pasado 21 de xuño e comunicado o día 4 deste mes de xullo resolve negativamente sobre senllos incidentes de nulidade formulados contra a sentenza que avalou a permanencia de Ence. Trátase dos formulados polo Concello de Pontevedra, que ten dende a pasada primavera un equipo xurídico traballando na cuestión, e mais pola Avogacía do Estado

O Tribunal nega "indefensión" e asegura que neste caso non é aplicable a directiva europea que obriga a sacar a concurso prórrogas coma esta, unha norma da UE que se presenta como clave na resolución final do litixio

Segundo recolle o propio auto, "o que se reprocha pola partes" que pedían anular a sentenza, neste caso os gobernos local e estatal, "céntrase en dúas materias": como a sentenza se refire ao momento en que o Goberno de España deixou de defender a permanencia de Ence na ría nos tribunais -así o fixo en 2019, poucos meses despois da saída de Rajoy do Goberno- e que o Supremo tomou a decisión sen "examinar a legalidade" da prórroga "á vista do establecido no Dereito comunitario". Este segundo argumento pode ser especialmente relevante no futuro.

Sobre a primeira cuestión, a Sala limítase a afirmar que a Avogacía do Estado puido intervir "en todos os actos do proceso" e non sufriu "indefensión ningunha", polo que non cabe a nulidade por esa vía. O segundo argumento ten que ver, reproduce, con que "a sentenza non examina a legalidade" da prórroga de Ence "conforme ás esixencias da Directiva Europea de Servizos no Mercado Interior. O Supremo tamén o rexeita porque, indica, Ence se rexeu no seu momento polo réxime transitorio da Lei de Costas de 1988, referido a ocupacións de terreos públicos na beira do mar concedidos antes da propia lei. 

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, nunha recente comparecencia pública © Concello de Pontevedra

Segundo o alto tribunal español, "resulta patente" que a esas concesións só podían acceder quen xa ocupaban a costa, porque cabía a posibilidade dunha prórroga ou da extinción. E por iso "non procedía a apertura dun proceso de libre concorrencia", dun concurso público aberto a outras empresas que puidesen estar interesadas, neste caso, en operar en Lourizán.

Valoración do Concello e percorrido europeo

Lores ratifica que se o Constitucional non frea a prórroga "iremos aos tribunais da UE". Alí, o caso Ence atoparíase cun precedente que obrigou a sacar a concurso prórrogas na costa italiana mentres a Comisión Europea advirte a España con sancións se non aplica ese precepto

O aval definitivo do Supremo a Ence non sorprendeu no goberno local de Pontevedra. "Sabiamos que estaba atado e ben atado, pero era un paso que había que dar", resume o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores". O TS, razoa, non se ía "emendar a si mesmo" e por iso "agradece" que fose "áxil" en resolver e o fixese de maneira "concisa", porque así xa queda aberto o paso para "presentar recurso ante o Tribunal Constitucional" e facelo "en breve". Se o Constitucional -ante o que tamén recorrerá Greenpeace- non ditamina de maneira favorable, avanza, "imos ir aos tribunais da Unión Europea". A Xunta, pola súa banda, instou o goberno local pontevedrés a deixar de litigar e admitir a permanencia de Ence.

No caso de chegar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o Concello de Pontevedra -e eventualmente, o Estado- atoparíanse con precedentes como a sentenza ditada o pasado abril sobre unha prórroga de concesións de terreos costeiros na costa italiana do mar Xónico. Nese ditame, o TSXUE deixou claro que a Directiva de 2006 "impón" a "obriga" de que concesións coma estas sexan, sen excepción, adxudicadas cun proceso "imparcial e transparente" e nunca directamente. E por iso, enfatizaba, calquera Administración da UE debe "deixar inaplicadas as disposicións nacionais" que digan o contrario", un deber que atinxe a todos os "órganos xurisdicionais e autoridades administrativas".

Gran sala do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo, nunha imaxe de arquivo Gran sala do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo, nunha imaxe de arquivo © TXUE

A argumentación do Tribunal de Xustiza da UE naquel caso era practicamente idéntica á empregada pola Comisión Europea o pasado febreiro para iniciar un procedemento de infracción contra o Reino de España precisamente porque a Lei de Costas non garante "un procedemento de selección aberto, transparente e imparcial" nas concesións de terreos públicos no litoral. A lei española "tamén permite ampliar a duración de tales concesións" ata 75 anos "sen procedemento de selección ningún" e iso tamén "infrinxe" a Directiva, advertía.

Ao facer pública a existencia dese procedemento contra España, a Comisión Europea non mencionaba ningún caso concreto. Pero si exemplificaba que destas concesións se benefician "restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc.". A única empresa papeleira actualmente situada no dominio público marítimo-terrestre do Estado español é a planta de Ence na ría de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.