Envío de papeletas ás casas: garantía democrática ou porta aberta á carretaxe?

Papeletas das xerais nun colexio electoral de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Nas últimas eleccións galegas, as de outubro de 2012, as formacións con representación parlamentaria tiveron dereito a cadanseus 431.634,72 euros, 16 céntimos por persoa inscrita no censo electoral, para o envío de sobres, papeletas e propaganda electoral. Foran, en total, 1,7 millóns de euros dos que, tras as correspondentes xustificacións, os partidos ingresaron millón e medio. Nas xerais do 20-D as catro principais candidaturas (PP, PSOE, Podemos e as súas confluencias e máis Ciudadanos) gastaron neste concepto algo máis de 14 millóns de euros. En pleno debate sobre posibles medidas de aforro para a repetición das eleccións ás Cortes poucos partidos semellan dispostos a renunciar a estes envíos, aos que se lles adxudica capacidade de mobilización do electorado, pero tamén de fomento da carretaxe.

No caso galego dúas forzas políticas propuxeron en diferentes momentos a supresión destes envíos, pero só unha, cando menos de momento, levou a proposta á práctica. A primeira proposta nesta liña lanzáraa en 2013 José Ramón Gómez Besteiro, daquela presidente da Deputación de Lugo e aspirante á secretaría xeral do PSdeG. A fin dos "envíos masivos" lograría, nun mesmo movemento, "aforro" e "limpeza" nos procesos electorais, toda vez que se gastaría menos e se "dificultarían prácticas pouco éticas como o carrexo". No entanto, nas tres eleccións que se celebraron dende aquela -europeas, municipais e xerais- nas caixas de correo seguiu habendo propaganda, sobres e papeletas dos socialistas.

Nas últimas eleccións galegas os envíos masivos custaron 1,5 millóns

A segunda iniciativa nesta liña formulouna o BNG pouco despois, poñéndoa en práctica por primeira vez nas eleccións europeas de 2014 e recuncando nas municipais do ano seguinte. "O máis democrático é que cada elector ou electora colla directamente o seu voto no colexio electoral e o deposite na urna", sinalaba o daquela responsable de organización do Bloque, Bieito Lobeira, quen ademais subliñaba que, se todas as organizacións políticas galegas fixesen o porpio, "aforraríanse case 2 millóns de euros".

PSdeG e BNG propuxeron suprimir os envíos, pero polo momento só o Bloque renunciou a eles

Nas xerais do pasado decembro a formación soberanista, a través de NÓS-Candidatura Galega, si enviou propaganda electoral e papeletas, pero o ensobrado e distribución foi realizado a través do "traballo militante", segundo amosaran en diversos actos públicos. O 26-X, segundo anunciou este luns a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, o Bloque renunciará novamente aos envíos e instará, ademais, a que os envíos masivos desaparezan para todas as forzas. "É unha medida que nos permite aforrar 50 millóns de euros e, ao mesmo tempo, gañar en democracia", resume a líder nacionalista.

Sen renuncias nos grandes partidos

Ciudadanos e Podemos apostan por un envío único de difícil encaixe técnico e legal

Con este pano de fondo chegan as novas xerais, nas que os grupos con representación no Congreso non deron chegado a un acordo sobre os orzamentos electorais en xeral e a respecto do mailing en particular. O máis parecido a unha alternativa ao envío masivo foi a proposta dun envío único con todas as papeletas, lanzada por Ciudadanos e secundada por Podemos. Alén da dificultade técnica e das dimensións físicas do propio envío -en Galicia, por exemplo, concorreron o 20-D ata trece candidaturas- esta posibilidade tería un difícil encaixe na actual lexislación electoral, que distribúe as subvencións dos envíos para cada candidatura por separado, e suporía unha evidente desvantaxe para as forzas sen representación parlamentaria. 

O PP ve a remisión de papeletas "imprescindible na democracia" e defende, ademais, que é "un costume de toda a vida"

Á marxe dos problemas técnicos e legais a proposta de envío único atopouse coa oposición de PP e PSOE, partidos que, segundo teñen analizado expertos en participación electoral, resultan especialmente beneficiados polo envío de papeletas, toda vez que a súa remisión anima máis a votar ao electorado de máis idade. Nesta liña, o socialista Óscar López declaraba en días pasados a El español que a recepción masiva de papeletas é "un dereito dos cidadáns" que promove "a maior participación posible". Nun ton aínda máis belixerante o vicesecretario de organización do PP, Fernando Martínez-Maillo, afirmou en TVE que enviar papeletas ás casas é "imprescindible, consubstancial á democracia e ao dereito ao voto". E ademais, levar "as papeletas dende a casa" é "un costume de toda a vida en España" que, asemade, garante a "privacidade" na escolla do voto, afirma.

Así as cousas, a mediados de xuño volverán chegar ás caixas de correo unha morea de sobres e papeletas acompañas por propaganda electoral e, nalgúns casos, tamén por cartas máis ou menos personalizadas para a ocasións. E todo semella indicar, daquela, que volverán repetirse as escenas nas que grupos de persoas de avanzada idade son achegadas, coa papeleta "preparada" aos colexios electorais sen que, nalgúns casos, a súa vontade estea de todo clara.

Presunta carretaxe denunciada polo PSdeG nas municipais do pasado ano, en Pontedeume CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.