O helicóptero de salvamento que a Xunta presentou como "novo" para Celeiro leva anos sendo o suplente desa base

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na 'presentación' do "novo" helicóptero de salvamento da base de Celeiro, que é o mesmo que xa viña sendo suplente dos anteriores aparatos titulares CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras revelar o BNG a operación, o Goberno galego xustifica que o aparato, fabricado en 2010, ten máis prestacións que o anterior helicóptero titular, que prorrogou hai dous anos como prioritario

O 6 de novembro o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a sala de operacións de Gardacostas de Galicia para salientar o esforzo da Xunta en "dotar o servizo de dous novos helicópteros máis modernos e con mellores prestacións". Unha semana despois, este luns día 13, o conselleiro visitou tamén a base de helicópteros de Celeiro, en Viveiro, e fotografábase co "novo" aparato, un Augusta AW-139. Porén, segundo revelou este martes no Parlamento a deputada do BNG Rosana Fernández, e puido contrastar este diario, ese helicóptero, fabricado en 2010, é o que xa viña funcionando nesa mesma base de Celeiro como substituto do ata agora helicóptero titular, un Sikorsky S-76, cando este tiña que parar por avarías ou revisións.

Ante as críticas do BNG, a secretaria xeral da consellería, Silvia Cortiñas, argumentou que o helicóptero antes suplente e que agora será titular ten mellores prestacións que o anterior aparato titular. Porén, a propia Xunta decidiu hai dous anos prorrogar o anterior contrato para a prestación do servizo e manter así como prioritario ata agora o uso do Sikorsky, helicóptero que hai máis dunha década o propio Goberno galego vía obsoleto.

'Presentación' do "novo" helicóptero de salvamento da base de Celeiro, que xa era o suplente dos anteriores helicópteros titulares CC-BY-SA Xunta de Galicia

Desde que hai unha década o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu vender os dous helicópteros de salvamento marítimo que a Xunta mercara en 2005 tras o accidente do Prestige os seus argumentos a respecto das sucesivas mudanzas decididas nese servizo veñen evolucionando constantemente.

Aqueles dous Sikorsky mercados en 2005 por 27 millóns de euros e con base en Celeiro e Vigo foron vendidos polo primeiro Goberno de Feijóo pola metade de prezo, 13 millóns, á empresa que xa os viña operando, Inaer, despois mercada por Babcock e hoxe denominada Avincis. Argumentou daquela a Xunta que os aparatos estaban a quedar obsoletos, pero a operación que ideou foi que a empresa que os mercase seguise a operalos ata 2017 rebaixando a cambio o custo anual do servizo. Unha operación que o Consello de Contas criticou entre outras cuestións por realizarse sen ningún estudo sobre o importe futuro do servizo cando a Xunta xa non tivese helicópteros da súa titularidade. 

O que pasou en 2017, cando rematou aquel contrato, foi que o seguinte contrato encareceuse, pero a empresa que o gañou, a mesma que xa viña prestando o servizo, seguiu a ofrecer os mesmos Sikorsky agora xa da súa propiedade. Ese contrato venceu hai agora dous anos, pero a Xunta en lugar de sacalo novamente a concurso decidiu prorrogalo ata agora, mantendo así como helicópteros titulares do servizo os dous Sikorsky.

Os dous helicópteros de salvamento da Xunta con base en Vigo e Celeiro (Viveiro) que se ían mudar pero que seguen a prestar servizo xuntos na primeira das bases ao só ser quen a empresa de renovar o aparato da segunda CC-BY-SA Xunta de Galicia

Mentres en Celeiro opera xa como helicóptero titular o que ata agora era suplente, en Vigo aínda non está dispoñible o novo aparato e a empresa está a empregar os dous do anterior contrato, que hai unha década a Xunta vía obsoletos

Este ano a Xunta xa non podía prorrogar máis aquel contrato, así que convocou un novo concurso no que mudou os requisitos técnicos esixidos aos helicópteros para forzar agora si unha substitución dos Sikorsky. Para iso empregou como base as características dos Augusta AW-139, que son tanto os que xa viña empregando o servizo de salvamento marítimo estatal como os que empregaba como suplentes a súa concesionaria cando por algún motivo os Sikorsky non podían voar. E ese foi o tipo de helicóptero -un fabricado en 2009 e outro en 2010- ofrecido no concurso gañado novamente pola mesma empresa, que non rebaixou nin un só céntimo sobre o importe de partida de 44,8 millóns de euros por manter o servizo outros catro anos.

Ese novo contrato entrou en vigor o pasado 1 de novembro, pero xa comezou con incumprimentos. En Vigo a empresa non foi quen de cumprir os prazos de posta en servizo do novo Augusta AW-139 e tivo que empregar os dous vellos Sikorkys. En Celeiro si que o novo contrato comezou cun Augusta AW-139, pero segundo desvelou o BNG e comprobou este diario ese aparato é o que ata agora operaba alí como suplente dos Sikorsky. 

Única oferta presentada ao concurso para renovar e operar catro anos os helicópteros de salvamento da Xunta, de Avincis, empresa que xa os operaba e que non rebaixou nin un céntimo o prezo de saída CC-BY-SA Praza Pública

Malia que a Xunta o presentou como "novo", a deputada nacionalista Rosana Fernández lembrou que o aparato, fabricado en 2010, "resulta ser un vello coñecido do servizo, é o mesmo que leva oito anos facendo as substitucións do helicóptero titular, aínda que mesmo botaba cinco meses ao ano". A representante do BNG tamén criticou este martes que o Goberno galego permite a "impunidade" da concesionaria malia o "escándalo" de que "xa estea a incumprir o contrato desde o primeiro día" ao non poñer en servizo tamén en Vigo un Augusta AW-139.

Ante esas críticas, a número 2 da Consellería do Mar gabou a "mellor manobrabilidade" e "prestacións" dos Augusta AW-139 a respecto dos anteriores Sikorsky. Porén, nada dixo de que a propia consellería decidise hai dous anos prorrogar ata agora os Sikorsky que hai unha década xa consideraba obsoletos. E sobre os incumprimentos da empresa, que asegura que a Xunta vén sancionando desde hai anos, dixo que "non poden considerarse graves nin actúan con total impunidade". Segundo detallou, as sancións xa impostas por diversos incumprimentos "puntuais" no último contrato sumaron 233.000 euros, e hai pendente unha proposta de sanción por outros 273.000 por "inoperatividades" na base de Celeiro en setembro e outubro deste ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.