A empresa que presta o servizo desde hai dúas décadas e que renovara o contrato co compromiso de mudar de aparatos só o fixo co de Celeiro e mantén en Vigo os dous antigos que o Goberno galego vía obsoletos hai unha década
O 1 de novembro entrou en vigor o novo contrato para a prestación do servizo de salvamento marítimo con helicópteros da Xunta, co que se ían renovar os dous aparatos que ata agora viñan prestando servizo e que hai unha década o Goberno galego vía obsoletos. Porén, a empresa adxudicataria, a mesma desde hai dúas décadas malia os seus cambios de nome ou grupo (Avincis, Babcock ou Inaer), non foi quen de cumprir o seu compromiso e só renovou o helicóptero da base de salvamento de Celeiro, pero non o de Vigo, onde seguen a operar os dous aparatos anteriores.
A Xunta di que sancionará á empresa polo incumprimento, pero está agardando a que remate esta situación e se incorpore o helicóptero pendente para poder calcular o importe da multa en función da demora final. E asegura que en todo caso o servizo "estase a prestar con normalidade" co novo helicóptero xa incorporado en Celeiro e os dous antigos en Vigo.
O servizo de salvamento marítimo con helicópteros da Xunta viña operando ata agora con dous Sikorsky S-76 que o Goberno galego mercou en 2005, tras o afundimento do Prestige. En 2011 argumentou que estaban a quedar obsoletos e iniciou un longo proceso de venta que rematou con eles nas mans da mesma empresa que xa os viña operando para a Xunta e que seguiu a ofrecerlle os mesmos aparatos agora xa alugados.
Tras prorrogar o contrato en 2021, no concurso público convocado este ano para a súa renovación a Xunta forzou unha modernización dos aparatos por outro modelo, o Augusta AW-139 que usa o salvamento marítimo estatal. Pero ao chegar a data de entrada en vigor do novo contrato, o pasado 1 de novembro, a empresa só foi quen de poñer en funcionamento un dos novos aparatos, en Celeiro, e optou por continuar operando o servizo en Vigo cos dous vellos.
"De ser o caso, o incumprimento pode ser penalizable con 5.000 euros por día", asegura a Xunta, que agarda a que a empresa cumpra para calcular os días de sanción nun contrato por 4 anos e 44,8 millóns de euros
Ante esta situación a Consellería do Mar iniciará un proceso sancionador á empresa, pero di que "non ten sentido abrir o expediente ata saber cantos días vai estar sen operar o helicóptero Augusta AW-139 que substitúe ao Sikorsky S-76 con base en Vigo". "Chegado o momento instruirase o procedemento de imposición de penalidades, no que a empresa poderá presentar as súas alegacións", di a Xunta, que engade que "de ser o caso, o incumprimento pode ser penalizable con 5.000 euros por día". Como comparación, o contrato está estimado nuns 44,8 millóns de euros por catro anos, importe sobre o que a adxudicataria, única oferta presentada, non rebaixou nin un céntimo.
En todo caso a Xunta garante que "o servizo de Gardacostas estase a prestar con normalidade cunha aeronave (Augusta AW-139) con base en Celeiro e cos dous helicópteros Sirkorsky S-76 con base en Vigo".
Por outra banda, este luns o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, realizou unha visita ás instalacións de Gardacostas de Galicia, de quen dependen o salvamento marítimo, na que reclamou ao Estado que "asuma o custo íntegro do servizo autonómico de Gardacostas xa que realiza un traballo que é competencia do Goberno central". Praza.gal preguntou á consellería se a Xunta é incapaz de seguir mantendo en solitario o servizo e se contempla a posibilidade de integralo co servizo estatal agora que os dous contan co mesmo tipo de helicóptero. A resposta da Xunta é que non só é quen de manter o servizo senón que "este ano incrementamos o orzamento destinado a Gardacostas un 12%". "O que se pide é o que consideramos xusto, dado que estamos asumindo unha competencia que é estatal e levamos colaborando co Estado de maneira desinteresada durante máis de 30 anos".
O conselleiro do Mar reclama ao Estado que asuma "o custo íntegro do servizo" por ser unha competencia estatal, pero ao tempo salienta que os dous helicópteros galegos fan outras tarefas ademais do salvamento marítimo
Canto a que os helicópteros vaian ser agora, cando a empresa renove tamén o de Vigo, como os que ten o salvamento estatal, a Xunta di que "o feito de que optásemos por uns helicópteros de características similares ás de Sasemar nada ten que ver con integrar o servizo no estatal". "Simplemente buscabamos dotar o servizo de aeronaves máis modernas e con maior capacidade, o que redundará nunha mellor prestación do mesmo".
A propia Xunta salienta que os seus helicópteros de salvamento tamén "prestan servizo ao 061 e ao 112, traslado de órganos, rescates en zonas de montañas e ríos e outras actividades como o control do furtivismo que saen fóra do ámbito e non presta Sasemar". Co novo contrato os novos helicópteros de salvamento marítimo tamén deberán colaborar na loita contra os incendios forestais.