Un millón de euros en 9 minutos e 9 segundos: novo récord no reparto de axudas da Xunta aos concellos máis rápidos

A conselleira de Medio Ambiente publicitando as axudas ao 'fermosismo' deste ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

As subvencións contra o feísmo que en 2022 se esgotaron en 52 minutos e en 2023 en 19 minutos quedaron esgotadas aínda máis rápido este ano, nunha nova convocatoria por concorrencia non competitiva que premia as solicitudes máis rápidas

Ás 12 do mediodía do pasado 16 de xaneiro a Xunta abriu o prazo para que os concellos interesados presentasen as súas solicitudes para acceder a axudas para obras de corrección de impactos paisaxísticos, o que vén denominando feísmo, ante o que contrapón a súa aposta polo fermosismo. Era un millón de euros, e 9 minutos e 9 segundos despois os cartos quedaron esgotados de xeito que só puideron acceder a eles os concellos co persoal máis rápido, cunha mellor conexión informática ou que non tiveron problemas durante o proceso de solicitude a través da sede electrónica da Xunta. 

Resolución que certifica que as axudas ao 'fermosismo' quedaron esgotadas aos 9 minutos de abrirse a súa convocatoria CC-BY-SA Praza Pública

Ata hai dous anos as convocatorias abríanse a medianoite, pero aínda que agora son a meidodía seguen primando a rapidez sobre outros criterios

A Xunta vén repartindo todo tipo de axudas a particulares, empresas ou concellos polo procedemento de concorrencia non competitiva, co que os cartos son entregados aos primeiros que os pidan cumprindo os requisitos e ata que se esgote a contía dispoñible. Ata hai dous anos o prazo para solicitar moitas desas axudas comezaba "ao día seguinte" da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, isto é, na seguinte medianoite ou cero horas do día en cuestión, obrigando a trasnoitar aos solicitantes. En ocasións, mesmo en fin de semana. 

As convocatorias a medianoite xa mudaron e agora a Xunta especifica que o prazo comeza a contar ás 12 horas do mediodía, pero a ausencia doutros criterios fai que a concorrencia non competitiva obrigue igualmente aos interesados a seren o máis rápidos posibles nas súas solicitudes.

No caso das axudas contra o feísmo, en 2022, xa coa convocatoria fixada para o mediodía, os 800.000 euros quedaron esgotados en 52 minutos e 36 segundos. En 2023 a contía aumentou a un millón de euros, que quedaron esgotados aos 19 minutos.

A conselleira de Medio Ambiente promocionando as axudas do ano pasado que se esgotaran en 19 minutos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Este 2024 a convocatoria do millón de euros que se volvía repartir foi publicada no DOG o luns 15 de xaneiro indicando novamente que as solicitudes poderían presentarse "desde as 12.00 horas do día seguinte". E este luns o DOG publicaba a resolución oficial coa que se comunica "o esgotamento de crédito" da convocatoria sinalando que "unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 16.1.2024 ás 12.09.09 horas".

Ademais destas axudas, outras moitas da Xunta, tanto a concellos como a empresas ou particulares, veñen repartíndose coa mesma modalidade da concorrencia non competitiva, o que prima a velocidade na presentación das solicitudes. En 2018 o Goberno galego chegou a repartir nunhas axudas para equipamentos municipais moitos máis cartos, 4 millóns, en 12 minutos e 18 segundos. Pero os 9 minutos e 9 segundos en que deu por pechada esta convocatoria supón un novo rexistro de redución de tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.