A Xunta reparte un millón de euros en 19 minutos con outras axudas entregadas aos concellos máis rápidos

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, promocionando as axudas ao "fermosismo" que repartiu primando a orde de chegada CC-BY-SA Xunta de Galicia

Se o ano pasado o Goberno galego repartiu 800.000 euros en subvencións contra o feísmo en 58 minutos, este ano deu máis cartos en menos tempo co procedemento de concorrencia non competitiva que premia a quen máis corre

A Xunta segue a repartir todo tipo de axudas públicas polo procedemento de concorrencia non competitiva. Con el premia non a quen máis o precisa ou a quen presente un mellor proxecto de execución dos cartos senón a quen formule a solicitude máis rápido. 

Desta volta o Goberno galego vén de facer oficial que a última convocatoria de axudas a concellos para melloras estéticas e contra o feísmo, dotada cun millón de euros e aberta ás 12 do mediodía do pasado 18 de xaneiro, quedou esgotada ás 12.19 horas, isto é, 19 minutos despois de iniciarse o prazo de presentación de solicitudes.

Resolución publicada no DOG na que se dá conta do esgotamento das axudas en 19 minutos CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego publicou a convocatoria das axudas no Diario Oficial de Galicia do 17 de xaneiro, consignando un millón de euros para as subvencións a concellos e outro millón para as axudas a particulares. O inicio do prazo para presentar as solicitudes fixouse para os concellos ás 12 do mediodía do día seguinte, 18 de xaneiro, e para os particulares “a partir do día seguinte”, isto é, a partir da medianoite.

E agora a Xunta fai oficial que o esgotamento do millón de euros previsto para as primeiras “produciuse coa solicitude que tivo entrada o día 18.1.2023 ás 12.19 horas.

A velocidade de reparto das axudas deste ano foi superior á do ano pasado, cando a convocatoria para os concellos incluía 800.000 euros que se esgotaron en 52 minutos.

Tanto nestas como noutras convocatorias a Xunta redactou as condicións das mesmas moitas semanas antes de abrir o prazo. Porén, non as publicou no DOG, facendo así oficiais os requisitos, ata o día anterior de abrir o prazo, ao contrario que se fai con outras axudas que se fan públicas fixando o inicio do prazo para varios días máis tardes dando así tempo aos interesados a reunir a documentación. 

Cola na sede electrónica da Xunta para pedir as axudas a persoas autónomas o pasado xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Axudas similares a estas veñen sendo repartidas igual que agora nuns poucos minutos tras a apertura dos prazos. En abril de 2021 a mesma Consellería de Medio Ambiente, tamén mediante o Instituto de Estudos do Territorio, como agora, repartira 2,3 millóns de euros en 9 minutos e 43 segundos. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, o mesmo departamento do Goberno galego asignara 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos. E a finais de 2021, outras axudas similares por 400.000 euros esgotáranse en 21 minutos.

En xaneiro a aplicación deste procedemento de entrega de axudas por orde de petición a unhas axudas a autónomos provocou un novo colapso da sede electrónica da Xunta

Este procedemento de concorrencia non competitiva tamén foi o empregado pola Xunta para repartir o pasado xaneiro axudas a autónomos. O feito de que os fondos se entregasen por orde de recepción das solicitudes provocou un novo colapso da sede electrónica da Xunta. 

Xa o ano pasado empregara o mesmo procedemento para outras axudas similares a autónomos. Daquela esgotáranse en 53 minutos na provincia de Lugo e en 15 horas na da Coruña, por exemplo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.