O auxe feminino do fútbol en Galicia: case 10.000 mulleres federadas, o triplo de hai seis anos

Xogadoras da selección galega feminina en categorías inferiores © FGF

O éxito da selección española, coa consecución do seu primeiro Mundial este verán, e a polémica co suspendido presidente da Federación, que fixo agromar de novo as reivindicacións que desde hai anos manteñen as mulleres neste deporte, volveron levar ás portadas o fútbol feminino. 

Demasiadas veces agochado polas polémicas, o maltrato, o desleixo ou a discriminación, o auxe deste deporte entre as mulleres non se detén. Tampouco en Galicia, territorio que foi sempre referencia estatal, dende as orixes do fútbol e da reivindicación feminina de principios de século ata o esperanzador presente, pasando polos éxitos na época do seu paseniño rexurdimento nos anos 80.

Galicia suma case 10.000 licenzas femininas de fútbol, o triplo de hai seis anos

A pioneira Irene González Basanta, a campioa do mundo Tere Abelleira ou as rapazas do exitoso Karbo Deportivo coruñés son tres dos símbolos e referentes nunha Galicia que roza as 10.000 licenzas federativas femininas, segundo os últimos datos da Federación Galega de Fútbol (FGF), nunha evolución en positivo anterior ao éxito da selección española no Mundial e que agarda aínda o pulo que esta vitoria supón para o deporte e as máis pequenas.  

Foron un total de 9.415 licenzas federativas femininas na pasada tempada, incluíndo fútbol e fútbol sala, así como xogadores e corpos técnicos, o que supón unhas 6.500 máis que hai sete anos e máis do triplo con respecto a hai seis. Así, e en comparación coa temporada anterior, o incremento foi de case dous milleiros de futbolistas ou técnicas federadas en Galicia, un aumento do 21,5%.

Estas case 10.000 licenzas supoñen, aínda con todo, arredor do 10% das totais, incluíndo as masculinas, cando hai unha década non supoñían nin o 4%. Galicia é "o novo paraíso do fútbol feminino" estatal, presume a FGF, que destaca que no país "houbo e hai referentes, pioneiras, colaboración das institucións e unha aposta da Federación que foi chave". 

Torneo feminino de fútbol en Galicia © FGF

"Galicia é o novo paraíso do fútbol feminino estatal", presume a Federación Galega

Segundo a FGF, o incremento nas licenzas federativas femininas foi "exponencial desde 2009", cun incremento de case o 400% desde aquela, e Galicia é "a comunidade na que máis aumentou o número de federadas na última década". Ademais, a Federación destaca que das 9.415, 3.440 pertencen ao fútbol sala, modalidade na que Galicia "é un dos berces en España", con conxuntos situados na elite mundial e varias galegas convocadas habitualmente para as competicións internacionais coa selección española. 

En canto ao número de equipos femininos, en Galicia hai actualmente 341, fronte aos 207 de hai cinco tempadas, dos que 210 son de fútbol. 

Desde a FGF aseguran que esta "sorprendente e admirable cifra" responde á súa "estratexia, que arrincou en 2015, co obxectivo de crear e impulsar as categorías inferiores na formación de xogadoras". "Coa creación de equipos de base femininos e a aposta polas seleccións inferiores derrubamos moitas barreiras durante os últimos oito anos", explican. 

Actualmente, ademais dos once equipos femininos cos que Galicia conta nas categorías estatais -co Deportivo como máximo representante na segunda división da elite-, hai uns 200 máis entre Primeira e Segunda División Galega Feminina e as ligas galegas cadete, infantil, promesas e de Fútbol 7. 

Partido feminino de fútbol sala en Galicia © FGF

En fútbol sala, por outra banda, Galicia segue a ter un papel máis que destacado e relevante no conxunto desta disciplina no Estado. Conta con once equipos en categorías estatais, con seis representantes na elite e o Burela Pescados Rubén como un dos conxuntos máis laureados de España e Europa nos últimos tempos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.