A federación estatal basea o seu modelo no uso do nome e os símbolos de España, chaves para uns ingresos que blindan o poder da cúpula nun sistema "clientelar"
As camisetas das gañadoras levaban o escudo oficial de España. Oficial era o himno que soou antes do partido. Os comentaristas usaban a clásica retórica do triunfo nacional, tamén aplicada ao Mundial conquistado pola Selección Feminina hai dous domingos: "unha vitoria de todo un país" e fórmulas similares. Pero non todo era alí de todos (e todas). Había moito éxito particular, privatizado. O caso Rubiales, ademais de converterse nun escándalo internacional, permite observar con nitidez como os amos do fútbol, neste caso desde a cúspide da federación española, basean o seu poder e o seu modelo de negocio na explotación de recursos públicos concedidos polo Estado.
A liturxia, a posta en escena, os símbolos, as funcións, incluso o nome: Real Federación Española de Fútbol. Case todo na RFEF convida a pensar que se trata dun organismo público, oficial, estatal. Na última semana reforzaron esa impresión as peticións de dimisión, que lembran as que se adoitan dirixir a representantes políticos.
Pero a RFEF non é pública. Trátase en rigor xurídico dunha "entidade asociativa privada" que comercializa dereitos deportivos e distribúe ingresos entre os seus membros. En paralelo, iso si, a RFEF ten encomendadas funcións públicas que exceden o deporte para alcanzar á representación de España no mundo. A iso súmanse prerrogativas concedidas polo Estado como a explotación económica do nome e os símbolos de España e o desfrute dunha posición privilexiada no negocio do fútbol.
Ningún dos variados escándalos en que se viu envolta a organización ao longo da súa historia levou a cuestionar este privilexiado status da RFEF. Tampouco, ata o momento, o caso Rubiales, que si supuxo un fito ao mover unha reacción gobernamental contra Luis Rubiales. Aínda que, iso si, o movemento do Goberno produciuse despois da suspensión por parte da FIFA, a entidade internacional privada á que pertence a RFEF. O privado, no fútbol, sempre vai antes.
Nin a RFEF nin o Consello Superior de Deportes responderon as preguntas de infoLibre para este artigo.
Status privilexiado
A entidade, que comercializa os dereitos televisivos da Copa do Rei e da Supercopa, ten asignadas tarefas oficiais sen os requisitos esixidos aos organismos públicos
Os estatutos da RFEF son un baile entre o público e o particular, o oficial e o discrecional. A entidade, rexida pola Lei do Deporte e considerada "de utilidade pública", ten por obxecto o fomento, organización e regulamentación da práctica do fútbol. Pero os seus obxectivos van máis alá. Entre eles figura o "fomento da participación das seleccións españolas" nas competicións internacionais, para o que ten autorizada a utilización do nome de España e os seus símbolos oficiais.
A RFEF, que selecciona aos xogadores para as distintas seleccións e pode sancionar a profesionais do fútbol e clubs segundo as súas normas, organiza as competicións oficiais e exerce o control das subvencións asignadas ás asociacións deportivas.
A finais de 2022 o Goberno de España aprobou un real decreto para conceder unha subvención directa de ata 7,5 millóns de euros á RFEF para desenvolver a candidatura ao Mundial de 2030, que segundo as previsións oficiais podería supoñer 10.000 millóns en ingresos para España. É tal o grao de importancia pública dos seus cometidos que a RFEF asume que debe ser "neutral en temas de relixión e política".
Negocio, diplomacia, sancións...
Xavier Ginesta, profesor de Comunicación e Deporte na Universitat Central de Catalunya e un dos grandes especialistas no negocio do fútbol en España, sinala dúas probas do especialísimo status da RFEF. A primeira é como o Estado entrega á federación e a Liga o control da competición e o negocio do fútbol, "algo que renxe desde o punto de vista da liberdade económica". "É unha excepción ao funcionamento normal do mercado", di. A segunda é que a RFEF goza do "monopolio da representación institucional do Estado" no ámbito futbolístico, con fortísimo impacto sobre a "marca" España. "A Real Federación Española de Fútbol forma parte da estrutura diplomática do Estado", afirma o autor de La disneyització del futbol.
"Trátase dunha entidade privada, membro dunha organización internacional [a FIFA], que á súa vez é delegada para o exercicio de determinadas funcións do Goberno: representación internacional de España, organización de competicións, establecemento dunha primeira instancia de potestade disciplinaria...", explica Alberto Palomar, profesor de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III, que lembra que a RFEF "xoga [en referencia ás seleccións] co nome de España e cos símbolos de España e explota o escudo de España". Ao seu xuízo, isto constitúe unha "subvención pública indirecta", porque se permite a "explotación" e "comercialización" duns recursos oficiais.
437 millóns de ingresos en 2022
En paralelo ao seu elevado relevo institucional, a RFEF ten "plena capacidade de obrar" e obrigas de transparencia menores que os organismos públicos. A súa natureza privada acaba impoñéndose ás súas funcións públicas. A RFEF forma parte dos dous grandes transatlánticos do mundo do fútbol, a UEFA e a FIFA, así como do Comité Olímpico Español, igualmente privado.
Aínda que por estatutos carece de ánimo de lucro e "os valores deportivos" prevalecen sobre o papel "sobre os intereses comerciais", a RFEF é unha organización que se articula e funciona en torno ao diñeiro. A entidade, que comercializa os dereitos da Copa do Rei e a Supercopa, é responsable da distribución dos "ingresos xerados polo fútbol". Canto é iso? A RFEF contabilizou en 2022 uns ingresos de 437 millóns, dos que arredor dun 30% proveñen de dereitos audiovisuais e un 23% de patrocinios e publicidade de empresas como Iberia e Iberdrola, entre outras.
Un poder "clientelar" sustentado nos cartos
O presidente da federación galega é Rafael Louzán, chegado ao cargo en 2014 logo de tres lustros como presidente da Deputación de Pontevedra, desde a que impulsou a construción de ducias de campos de fútbol con cartos públicos
Así que Rubiales, que adoita presumir dos seus números á fronte da federación, sustenta o seu poder na xestión dun diñeiro que provén en parte da explotación de recursos públicos. É o ámbito económico o que mellor expresa a discrecionalidade da presidencia á hora de asignar estes fondos e de usalos para protexer a súa posición, como se viu estes días. Rubiales, para o que a federación aprobou en 2022 un soldo de 675.000 euros brutos, chegou a ofrecer a semana pasada, ante a asemblea da federación, unha mellora de máis de 300.000 euros ao ano do seu contrato ao seleccionador Jorge Vilda, ata cobrar medio millón, nun compromiso que obrigaba a modificacións orzamentarias e ignoraba as competencias dos órganos da RFEF.
A asemblea á que Rubiales arrincou entusiastas aplausos, a pesar de representar a unha organización "de utilidade pública", funciona na práctica "baixo un réxime de cacicatos territoriais feito corpo nos 19 presidentes das rexionais, membros natos da asemblea, como o presidente da propia federación", explica o xornalista deportivo Alfredo Relaño en El País. [Uns presidentes territoriais entre os que está o galego Rafael Louzán, chegado ao cargo en 2014 logo de tres lustros como presidente da Deputación de Pontevedra, desde a que impulsou a construción de ducias de campos de fútbol con cartos públicos]. "Eles crean unha malla protectora do sistema, case impenetrable, que explica, por exemplo, que Ángel María Villar se mantivese 29 anos alí ata ser sacado literalmente polas forzas da orde".
"Marxe de actuación" do Goberno e "vontade política"
Xavier Ginesta cre que o caso Rubiales mostrou en plenitude o "clientelismo" polo que se rexe esta asemblea de 140 membros e afirma que é necesaria unha "reflexión" que culmine nun "maior control público" sobre unha entidade que "actúa como un axente diplomático de primeira orde". Ao mesmo tempo, observa que os últimos días demostraron que o Goberno tiña unha marxe de actuación que non utilizou antes, a pesar de ter ocasións tanto con Villar como con Rubiales.
No caso do presidente agora suspendido, Ginesta cita os negocios de Rubiales e Gerard Piqué con Arabia Saudita ou o posible pago con diñeiro da federación de gastos privados como situacións que deberían dar pé a medidas do Consello Superior de Deportes. Por que entón non se fixo nada? "Por falta de vontade política para actuar ante o enorme negocio que é o fútbol. Agora o Goberno si intervén, coa súa denuncia ante o TAD [Tribunal Administrativo do Deporte], por oportunidade política", responde Ginesta.
Un "deseño inestable"
A xuízo do xurista especializado en dereito do deporte Alberto Palomar, existe un "deseño inestable" nas relacións entre o Estado e a RFEF que aboca a conflitos e situacións de tensión. "Adoita dicirse que a federación é privada pero está intervida. O problema da intervención é que a federación é membro dunha comunidade internacional que a fai difícil", sinala Palomar, que lembra que en 2008 o daquela presidente da FIFA, Joseph Blatter, ameazou coa exclusión de España da Eurocopa despois de que o secretario de Estado de Deporte, Jaime Lissavetzky, promovese a celebración dunhas eleccións nas RFEF ás que Villar se opuña.
O Goberno cedeu daquela. Esta vez actuou para apartar a Rubiales da presidencia, o que levou a unha denuncia contra o Goberno por intervencionismo do secretario xeral da RFEF, Andreu Camps. Palomar sinala como esta denuncia é proba do mencionado "deseño inestable". "As relacións sempre foron tensas, porque así é o modelo. Outra cousa sería facer como Inglaterra ou Alemaña, que non queren saber nada das súas federacións e limítanse a controlar as subvencións. Pero en España, como en Italia, Francia ou Bélxica, non o fixemos así", engade Palomar, que lembra que hai 65 federacións deportivas en España cun deseño similar.