
Os presidentes das federacións territoriais piden agora a dimisión de Rubiales pero evitan promover unha moción de censura contra el
Diversas localidades galegas acolleron a última hora da tarde deste luns concentracións contra o machismo no fútbol logo dos comportamentos do presidente da federación española, Luis Rubiales, e da minimización dos mesmos por parte do presidente da federación galega, Rafael Louzán. Ao igual que veñen facendo formacións políticas como BNG, PSOE ou Podemos, as rúas galegas tamén reclaman a dimisión e unha mudanza xeral das estruturas do fútbol.

Tamén este luns os presidentes das federacións territoriais reuníronse para estudar a situación en que queda a federación estatal despois da decisión da FIFA de suspender temporalmente a Rubiales. Os representantes territoriais, entre os que estaba Louzán, emitiron un comunicado no que reproban a actuación de Rubiales e piden a súa dimisión, pero evitan promover unha moción de censura contra el.