Tres anos e medio despois da adquisición en poxa por parte de Banesco dos restos das antigas caixas por 1.000 millóns de euros, a resultante Abanca pecha o período de transición, duplica os seus beneficios, inicia a súa expansión e afronta unha etapa de crecemento a través de compras, como a que vén de facer da división de servizos financeiros do Banco Popular.
O encarceramento de cinco ex-directivos das desaparecidas grandes caixas galegas o pasado mes de xaneiro puxo simbolicamente punto e final ao proceso iniciado coa fusión de Caixanova e Caixa Galicia que a Xunta apadriñara ata o seu fracaso. Aquela "solvencia e galeguidade" que repetía Feijóo quedou en nada. As grandes entidades públicas galegas tornaron nun banco privado administrado por unha empresa venezolana, tras un rescate que deixou nas arcas públicas un burato de máis de 8.000 millóns de euros. Abanca di afrontar agora unha "nova etapa estratéxica" e presume duns resultados que, de paso, inciden aínda máis na desfeita que supuxo aquel proxecto de Novacaixagalicia, frustrado pola xestión duns directivos que pasan os días no cárcere ou gozan dunha xubilación millonaria tras fuxir a tempo das posibles responsabilidades penais.
Abanca dobra o seu beneficio no primeiro trimestre do ano, abre oficina no Brasil merca a división de servizos financeiros do Popular
A entidade bancaria do grupo que dirixe Juan Carlos Escotet acabou de pagar no pasado mes de febreiro o que aínda debía ao FROB. Xa no seu primeiro ano de vida, Abanca gañou máis do que Banesco pagara polas antigas caixas galegas. E neste primeiro trimestre de 2017 alcanzou un beneficio de 153 millóns, o dobre que no mesmo período do ano pasado. E todo desde os restos "escarallados" das antigas entidades públicas do país, tal e como recoñecera o dono de Banesco.
O considerable aumento dos beneficios chega, ademais, nun contexto no que o sector bancario conta con dificultades para o negocio. Abanca baixou a morosidade, apostou polo investimento na dixitalización e incrementou notablemente os ingresos recorrentes. Esas son as claves que cita a entidade para xustificar os seus bos resultados.
A taxa de mora é do 6,54% cando hai doce meses sitúabase no 8,25% e no pasado mes de decembro no 6,8%, logo de que os préstamos dubidosos se reducisen case un 20%, até os 2.101 millóns. No primeiro trimestre de 2017, o crédito medrou en máis de 700 millóns de euros, ata os 26.283, absorbendo pemes e autónomos o 65%. Os recursos captados entre a clientela soben un 4,4% e suman 34.810 millóns. Os ingresos da actividade tradicional financeira quedan en máis de 150 millóns cun incremento de máis do 10% nun ano e o resultado das operacións financierias suman 144. Para os vindeiros meses, Abanca procura que o crédito aumente noutros 700 millóns e que a morosidade siga caendo.
E mentres, Abanca pretende fortalecer o crecemento con adquisicións. Acaba de mercar por 39 millóns Popular Servicios Financieros, a que era división de consumo do Banco Pastor, para integrala en Abanca Consumer Finance e constituír así a quinta financeira bancaria de consumo do Estado. A entidade aposta polos créditos ao consumo, automóbil, cartóns de crédito e préstamos persoais polas súas boas expectativas e faise cunha marca que ten medio millón de clientes na Península, entre España e Portugal, cunha carteira de crédditos de arredor de 200 millóns.
Escotet anuncia un período de expansión e crecemento para situar Abanca como "líder do noroeste español"
Juan Carlos Escotet, vicepresidente da entidade, advirte do propósito de situar Abanca "como líder no noroeste español" en tres anos, ademais de "facer crecer o negocio nun período de ciclo económico favorable en España e Portugal".
Pero alén disto, o banco tamén se espalla coa mirada posta no exterior e, fundamentalmente na emigración, nun obxectivo que a entidade marcara como prioritario desde o seu nacemento. Nesta mesma semana, Abanca anunciou a apertura da súa primeira oficina no Rio de Janeiro, nun acto no que estivo presente o conselleiro delegado Francisco Botas, que presentou o proxecto ante 200 empresarios galegos con presenza no Brasil.
"Pola dimensión da súa economía e o seu pontencial de crecemento, o Brasil constitúe un mercado de grande interese para Abanca", advirte a entidade, que puxo o foco noutros bancos sobre os que botar as redes en Latinoamérica. Coa apertura da nova no Rio, a rede internacional da entidade ten oficinas no Brasil, México, Panamá, Venezuela, Francia, Alemaña e Reino Unido (en todos eles a través de oficinas de representación), Portugal (con ficha bancaria propia) e Suíza (ambas as dúas modalidades). Ademais, dispón no conxunto deses países dun total de 13 centros de atención e servizo ao cliente.
Ademais, anunciou que Abanca acaba de pór en marcha en México unha financeira a través da cal "xa está en disposición de comezar a conceder financiamento a empresas mexicanas e españolas que operen no país".