A pensión media en Galicia non chega aos 900 euros mensuais (879,89 euros), ao redor de 12.273 euros anuais. Con todo, a inmensa maioría dos e das pensionistas fica por debaixo desta cantidade, sobre todo as mulleres. En concreto, 7 de cada 10 xubilados e xubiladas galegas non chega aos 12.673 euros, unha porcentaxe que supera o 80% no caso das mulleres. O 39% non chega a 8.500 euros anuais (pouco máis de 700 euros en 12 pagas), pero de novo a porcentaxe entre as mulleres elévase moito máis, ata o 45%.
O 39% non chega a 8.500 euros anuais (pouco máis de 700 euros en 12 pagas), pero a porcentaxe entre as mulleres elévase moito máis, ata o 45%
Hai, si, un grupo de pensionistas que percibe pagamentos máis elevados, pero son unha minoría. Apenas o 10% dos xubilados galegos cobra máis de 25 mil euros anuais, un nivel de ingresos no que existe unha gran fenda por sexo. Ao redor do 15% dos pensionistas galegos varóns están por riba desa cantidade, mentres que só o fan o 5% das pensionistas.
Este sábado 17 de marzo están convocadas mobilizacións en demanda de pensións dignas en todo o Estado, con 17 convocatorias en toda Galicia (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Noia, Pontedeume, Ribadeo, Sarria. O Carballiño, O Grove, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas e Tui). A CIG convocou tamén concentracións para este xoves 15.
"A esixencia de vidas laborais prolongadas limita o acceso das mulleres a unha pensión", dicía Victoria Portas nesta entrevista. Ademais da fenda salarial e das menores taxas de actividade en empregos retribuídos que ao longo das súas vidas tiveron homes e mulleres, nesta diferenza inflúe a reducida contía das pensións de vuvez, situadas nos 543 euros, moi por debaixo do Salario Mínimo, deixando unha boa parte das perceptoras desta prestación por debaixo do nivel de pobreza.
A perda de poder adquisitivo das pensións afecta sobre todo a aquelas persoas con ingresos máis baixos, ese 70% que non chega a mileurista e sobre todo ese 35% que recibe cada mes 700 euros ou menos
As pensións foron conxeladas nos peores anos da crise e na actualidade están a subir un 0,25% anual, moi por debaixo do incremento do IPC. Esta perda de poder adquisitivo afecta sobre todo a aquelas persoas con pensións máis reducidas, ese 70% que non chega a mileurista e sobre todo ese 35% que ingresa cada mes 700 euros ou menos. Afecta tamén ás pensións do futuro. Dende hai uns anos as persoas que se xubilan xa comezan a recibir pensións inferiores ás das persoas que se xubilaban antes da crise. E, como lembraba Victoria Portas na última gran xornada de mobilización dos e das pensionistas galegas, "a xeración máis prexudicada pola crise das pensións é a que hoxe ten entre 50 e 60 anos". Todo nun país como Galicia no que máis da metade dos concellos galegos teñen máis pensionistas que cotizantes á Seguridade Social.