0 Gardados para despois

Así foron as folgas máis longas dos últimos anos en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A folga do persoal da Xustiza superou xa os 50 días, converténdose nun dos conflitos laborais máis duradeiros dos últimos anos en Galicia e, dende logo, o máis importante do seu sector. Na última década houbo outras mobilizacións igualmente extensas no tempo, que en moitos casos acadaron os seus obxectivos, mentres que noutros resultaron sen froito. 

Case catro meses durou a folga dos traballadores da empresa de embalaxes Lantero, en Vilagarcía. A protesta iniciouse en outubro de 2014 tralo despedimento de 32 compañeiros e compañeiras a redución dun 30% nos salarios do resto do persoal. Posteriormente a empresa presentou un ERE que implicaba 56 despedimentos, nun cadro de persoal cun total de 131 empregados e empregadas. Finalmente, o 7 de febreiro de 2015, despois de 118 días de folga, o persoal acadou o seu obxectivo: que houbese cero despedimentos, unha demanda resumida en "Ou todos ou ningún", a consigna máis repetida nos catro meses de mobilización. A cambio de evitar as baixas forzosas, o persoal aceptou un ERE Temporal que afectaría 180 días a cada un (aínda que nese tempo os traballadores cobraron 100% do seu soldo, xa que a empresa complementará a cantidade abonada pola Seguridade Social), unha redución salarial gradual, do 10% para os que cobren máis de 20.000 euros e que non afectaría ao resto, e un máximo de 18 amortizacións de praza sumando baixas voluntarias e prexubilacións.

118 días durou a folga en Lantero e 108 a do persoal de Albada

O 16 de novembro de 2013 finalizaba a protesta dos traballadores e traballadoras de Albada na planta de tratamento de lixo de Nostián, na Coruña, tras 108 días de mobilización e despois de conseguir un novo convenio e a readmisión das persoas que foran despedidas. Os operarios e operarios e Albada víranse "utilizados nun conflito entre a empresa, o Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña" vinculado ao "desequilibrio económico da compañía". Aínda así, amosáronse dispostos a integrárense nun plan de viabilidade, sempre e cando este garantise o emprego. Tras unha dura negociación, o comité de empresa chegaba a un preacordo que foi ratificado en asemblea sen votos en contra. Xosé Manuel Vilariño, presidente do comité de empresa concluía que "a principal lección que se tira do enorme esforzo realizado polo conxunto dos traballadores e traballadores" é que "queda demostrado que, se hai unión e forza, as cousas conséguense".

Tamén foi longa a folga do persoal de Urbaser no Concello de Lugo no ano 2014, que rematou despois de 59 días, converténdose no paro de recollida do lixo de máis duración en toda España. O 7 de agosto o persoal asinou un acordo coa empresa concesionaria que lles garantía un convenio para catro anos e que incluía a anulación dos despedimentos de 11 membros do comité de empresa por negarse a cumprir os servizos mínimos. O Concello chegara a impoñer servizos mínimos do 100% e no conflito chegou a intervir a empresa pública Tragsa, recollendo parte dos residuos acumulados, tras decretar as autoridades unha alerta sanitaria. 

Máis recente foi a folga dos examinadores e examinadoras de Tráfico, cunha duración total de 65 días, en paros de luns a mércores entre xuño e decembro do 2017. Os e as funcionarias reclamaban un complemento específico duns 250 euros que fora prometido por escrito por Tráfico en 2015. Todos os grupos parlamentarios, agás o PP, acordaron introducir unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 (cuxa proposta inicial vén de presentar o Goberno), que polo tanto aínda está pendente. Cada día de paro ao redor de 300 exames do carne de conducir foron suspendidos en Galicia.

Entre xuño e xullo de 2012 tivo lugar en Vigo unha importante mobilización dos e das traballadoras de Correos, cunha duración total de 46 días. O 4 de xuño iniciouse o paro, despois de que a empresa anunciase a súa intención de reducir en 13 o número de repartidores e repartidoras da oficina da Praza de Compostela. Finalmente o persoal aceptou un acordo que reducía este recorte a 8 traballadores e traballadoras. No mes e medio que durou o paro deixaron de repartirse ao redor dun millon de envíos na cidade.

A finais de 2012 o Grupo Garavilla, propietario da factoría de Conservas Cuca de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), anunciou o desmantelamento da planta e a aplicación dun ERE que afectaba a 69 persoas. As traballadoras iniciaron unha folga e comezaron a facer gardas nas portas da fábrica, para impedir o traslado. En abril de 2013 forzas antidisturbios interviron para vencer a resistencia destas mulleres e permitir que a empresa sacase a maquinaria do edificio. Meses despois, en xaneiro de 2014, unha sentenza do TSXG anulou o ERE que presentara a compañía. As traballadoras demandaban tamén que se anulase o traslado ao Grove, que as obrigaba a un longo desprazamento: "Eu chego ás tres e media da tarde a casa, outras compañeiras ás catro, e levantámonos ás tres da mañá. Non é ningunha broma", dicían en conversa con Praza. Xa en xuño de 2015, o TSXG confirmou que a empresa podía trasladar a produción ao Grove, pero obrigaba a incluír o desprazamento dende Vilaxoán como horas de traballo. A mobilización destas mulleres converteuse nun símbolo e acadou un importante apoio social na comarca. Na foto, a homenaxe que recibiron no festival Revenidas de 2013.

Noutros casos estas mobilizacións non foron significativas tanto pola extensión dos paros, senón pola longa duración doutras accións de protesta, como por exemplo de peches nas propias empresas. Foi o que sucedeu, por exemplo, na fábrica de Armas da Coruña en 2013 e 2014, ou coa loita dos traballadores e traballadoras da fábrica de paneis fotovoltaicos T-Solar, en Ourense, que empregaba ao redor de 170 persoas, que o 2 de xullo de 2013 iniciaron un peche na factoría. A empresa, propiedade de Isolux Corsán, entrou en concurso de acredores e preparaba o seu desmantelamento, co agravante de que dende o ano 2007 a Xunta investira máis de 65 millóns de euros na planta. O peche durou 129 días, máis de catro meses, e o persoal buscaba sobre todo a implicación do Goberno galego na procura dunha solución. Porén, finalmente a planta de alta tecnoloxía pechou, consumándose un ERE para 170 traballadores e traballadoras altamente cualificadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.