Contas detalla o dominio de Monbus nas concesións da Xunta: está en 49 das 127, cun negocio de 36 millóns ao ano

Un autobús de Monbus e porcentaxe de participación do grupo nas 127 concesións da Xunta © Imaxe: Monbus - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego presenta cada unha das firmas que conforman o grupo Monbus como unha "pequena ou mediana empresa" distinta para maquillar o seu dominio do sector, que reduce ao 33%

O grupo Monbus participa, cunha ou outra empresa filial, en 49 das 127 concesións de transporte público interurbano outorgadas pola Xunta no marco da reorganización das súas liñas de bus culminada en 2020. Esa participación aparece detallada no informe que o Consello de Contas vén de facer público sobre como está a xestionar a Xunta o sector, documento que recolle que o grupo de Raúl López ten o 50% ou máis da participación en 33 desas concesións, entre as que están as máis atractivas economicamente, fundamentalmente no eixo atlántico e entre as principais cidades.

Segundo a Xunta, que presenta cada unha das firmas que conforman o grupo Monbus como unha "pequena o mediana empresa" distinta para así maquillar o seu dominio do sector, dos 109,3 millóns de euros de negocio anual que supoñen as súas liñas de transporte, o conglomerado con sede en Lugo resultou adxudicatario de 36,1 millóns, o 33% do total.

O informe do Consello de Contas relata como a Xunta reorganizou as liñas de buses interurbanos obrigada por unha sentenza do Tribunal Supremo sen contar cunha planificación estratéxica da mobilidade en cada núcleo de poboación. Tamén revela que o Goberno galego non estaba a facer nada para cobrar o canon ás empresas adxudicatarias das liñas máis rendibles ata que os auditores de Contas comezaron a analizar a situación. 

Contas di que "as pequenas e medianas empresas non acadaron suficiente autonomía de decisión" a respecto das grandes do sector

Pero o informe tamén estuda se a reorganización cumpriu un dos obxectivos declarados do Goberno galego cando comezou o proceso, o de tentar que as novas liñas non fosen copadas por grandes grupos senón que nelas tamén tivesen cabida as pequenas e medianas empresas tradicionais do sector en Galicia. E o que di Contas é o obxectivo non se logrou de todo xa que moitas pequenas e medianas firmas si acabaron tendo cabida no novo sistema pero só en unións temporais de empresas (UTE) controladas por grandes do sector, entre as que pon o foco fundamentalmente no grupo Monbus. 

Isto é, como confirman distintas fontes do sector, as empresas pequenas que xa prestaban servizo en determinadas zonas acabaron incorporadas nas novas concesións a unións de empresas nas que elas achegan o know how (saber facer) ou coñecemento do territorio e as grandes firmas controlan as principais decisións. "As pequenas e medianas empresas non acadaron suficiente autonomía de decisión nas relacións entre as sociedades" que forman cada UTE, di Contas. 

Alegación da Xunta ao informe de Contas na que di que o grupo Monbus obtivo o 33% do negocio e o cuantifica en 36,1 millóns, ao que o ente fiscalizador contesta salientando o dominio do grupo nunha trintena de concesións CC-BY-SA Praza Pública

Segundo detalla o ente fiscalizador, das 127 concesións de transporte interurbano de Galicia, as empresas do grupo Monbus participan en distinta proporción nun total de 49. E en 33 desas concesións a participación do grupo Monbus é do 50% ou máis. Por detrás, as seguintes empresas sitúanse a moita distancia, co grupo Arriva, outro dos grandes conglomerados estatais, con 7 contratos nos que ten máis do 50% de participación, e a continuación Empresa Montañesa con 5 contratos con participación maioritaria súa.

Por detrás das 33 concesións nas que Monbus ten participación maioritaria están os 7 contratos dominados por Arriva e 5 por Empresa Montañesa

Ante esa descrición da realidade por parte do Consello de Contas a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta alegou pedindo en xeral que o ente fiscalizador eloxiase a súa xestión e, no que respecta ao dominio das grandes empresas, negando a maior e asegurando que "194 das 196 empresas adxudicatarias foron pequenas e medianas empresas e dos 109,3 millóns previsibles de negocio anual que supón o plan de transporte público de Galicia as empresas do grupo Transmonbus resultaron adxudicatarias de 36,1 millóns, un 33% do total"

Isto é, a Xunta considera para ofrecer esas cifras que cada unha das múltiples empresas implicadas do grupo Monbus é en si mesma unha pequena ou mediana empresa, á marxe de que na práctica formen parte dun grupo cuxa posición de "predominio" é constatada por Contas. 

Táboa coa que o Consello de Contas detalla a participación de Monbus en cada concesión CC-BY-SA Praza Pública

De cara a futuros novos concursos Contas di que "para fomentar unha maior participación das pequenas e medianas empresas e evitar a concentración en grupos empresariais con participación dominante, recoméndase valorar a incorporación de maiores esixencias nas condicións de participación nas unións temporais de empresas nos procesos de licitación". E engade que "neste sentido, resulta esencial, para verificar a compatibilidade das UTES co dereito da competencia, a análise da necesidade obxectiva da súa constitución"

Sobre esa cuestión é sobre o que se pronunciou parcialmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) hai uns meses, nunha sentenza agora feita firme polo Tribunal Supremo, cando concluíu que a decisión de Monbus e Alsa de concorreren asociadas en UTE a varios lotes do concurso e non competir entre elas no resto de lotes "non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado".

Neste contexto a conselleira de Mobilidade di que "Galicia é referente en transporte público" e o presidente Rueda que a actuación da Xunta foi "axeitada" e que Contas "fala das prácticas dalgunhas empresas"

Neste contexto, o pasado luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, evitou asumir ningunha responsabilidade e mesmo asegurou que "Galicia é referente en transporte público". E este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo sobre a actuación da Xunta que "nun deseño tan complexo, haberá que facer algunha corrección pero creo que foi unha actuación na súa gran parte axeitada". Rueda tamén di que Contas fala fundamentalmente "das prácticas dalgunhas empresas".

Rueda e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á dereita, no Consello da Xunta deste xoves 2 de novembro de 2023 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.