0 Gardados para despois

As touradas redúcense á mínima expresión en Galicia co recorte de axudas municipais e provinciais

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


As touradas en Galicia moveron, durante uns anos, máis fondos públicos que paixóns. E, nos últimos tempos, semellan ter menos capacidade de mobilización de ambos elementos. Os cambios de maiorías en corporacións municipais e provinciais tras as eleccións de maio do 2015 viñeron acelerar en Galicia un proceso de devalo que xa comezara e que semella culminar co remate dos apoios institucionais, tanto económicos como pola vía das infraestruturas e a difusión.

O Ministerio de Educación e Cultura vén de presentar a última edición do seu Anuario de Estatísticas Culturais, documento que amosa o escasísimo vigor das touradas en territorio galego. De arredor, de media, dunha ducia destes espectáculos ao ano entre 2008 e 2012, segundo datos da Xunta, pasouse a menos de 10 e, en 2015, a tan só 5. A abrupta caída é froito, fundamentalmente, da suspensión nese ano do apoio á "feira taurina" por parte do Concello da Coruña, un evento que chegou a captar máis de 2 millóns de euros de euros públicos dende os anos 90 e que nos seus últimos anos sobreviviu malia ás súas discretísimas cifras de asistencia e recadación. Nese ano, atendendo a datos do propio Ministerio, asistiu a algunha tourada o 0,3% da poboación galega.

A desaparición das touradas tamén deu pasos adiante noutro dos seus emblemas no país, Pontevedra. Pouco despois de que o Concello coruñés pechase a billa das axudas para estes eventos a Deputación pontevedresa, agora gobernada por PSdeG e BNG, declarouse libre de touradas cos votos dos socialistas, do Bloque e da Marea de Vigo a prol dunha moción impulsada pola asociación animalista Libera. A tradución práctica desta declaración, que previamente xa aprobara tamén a Deputación coruñesa, pasou pola fin das achegas económicas á organización de touradas na praza de touros de Pontevedra mediante insercións publicitarias ou compra de entradas. As organizacións pola abolición veñen reclamando, asemade, que o Concello pontevedrés non renove o convenio polo que utiliza a instalación taurina para organizar eventos culturais e deportivos.

O devalo acelerou tras a fin do apoio do Concello da Coruña á principal 'feira taurina' que sobrevivía

Neste contexto, cunha vintena de concellos declarados como antitaurinos e coas axudas públicas practicamente desaparecidas as touradas e eventos vinculados ás mesmas son, cada vez máis, unha anécdota no país. É o caso do sucedido o pasado 2015 en Triacastela, cuxo goberno local (PP) teimou en celebrar nunha praza portátil a tourada que fora suspendida en Sarria pola fin das axudas, ou da capea organizada en Valga o pasado verán durante a súa Festa da Xuventude, que os organizadores defenden advertindo de que non matan os animais. Mentres, noutro dos concellos que viña celebrando anualmente unha tourada, Padrón, unha moción do BNG aprobada contra o criterio do goberno, do PP, conseguiu rematar con este evento vinculado ás Festas da Pascua.

A Xunta rexeitou incluír o veto ás touradas na nova lei de protección dos animais

No medio deste devalo a única Administración que non deu pasos cara á fin das touradas é, no entanto, a que conta con competencias en materia de benestar animal, a Xunta. Así, despois de que en 2013 o PP rexeitase no Parlamento a abolición destes espectáculos porque "non hai risco de que proliferen", a Xunta lanzou a nova lei de protección animal, que endurece notablemente as normas a respecto dos animais domésticos pero, paradoxalmente, continuará permitindo as touradas. Se chegase a aprobarse a prohibición Galicia seguiría a senda de Canarias, onde están vetadas dende 1991, e mais de Catalunya, cuxo Parlamento as prohibiu en 2010, se ben o Tribunal Constitucional anulou a norma o pasado outubro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.