- Informe do CCG (I): A mocidade valora o galego pero é pesimista e mantén prexuízos
- Informe do CCG (II): A xente nova abandona o galego ao saír das aulas e achegarse ao lecer
Díxoo o presidente da Academia nunha recente entrevista en Praza: aquela campaña contra a lingua que impulsaron da man o PP e minoritarias asociacións na precampaña e campaña electoral de 2009 "foi unha manipulación política do galego". Fortalecida mediaticamente, e materializada na derrogación da política lingüística vixente para dar paso ao contestado decreto do plurilingüismo, foi moito máis aló. Fomentou prexuízos arredor do idioma propio, fixo agromar un discurso a prol da suposta liberdade que supoñía minguar máis a presenza do galego na escola e mesmo creou mitos como o de "dous ao caldeiro". Pero callou. Non só entre os predispostos senón tamén entre os que non amosan belixerancia ningunha coa lingua. Mesmo entre a xente nova. Así o certifica o Consello da Cultura Galega (CCG) no completo informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia.
"A escola non semella funcionar como un elemento dinamizador do uso do galego", advirte o Consello da Cultura
O documento, con análises cualitativas mediante grupos de conversa e unha completa enquisa, afonda nos usos, actitudes e visións que os mozos e mozas teñen sobre o galego. Compróbase a alta valoración do idioma, pero tamén o pesimismo sobre o seu futuro e os prexuízos instaurados arredor del; tamén como a mocidade abandona a lingua propia a medida que se achega ao lecer e ás amizades e se afasta da familia e do centro de ensino.
Nas súas conclusións do estudo, o CCG repara non feito de que a escola, "pese a ser o lugar onde moitos mozos e mozas aprenden a lingua, non semella funcionar como un elemento dinamizador do uso do galego". Máis ben, acalra, serve como "reflexo do status da lingua en cada lugar": os galegofalantes ven como o galego ten unha presenza importante no ensino, mentres que os que non o son vena menor.
Parte da mocidade cre que o galego "non é acaído para aprender contidos técnico-científicos" logo de que a Xunta vetase a lingua propia para esas materias
Así, a percepción que ten a xente nova das linguas no sistema educativo varía. Mentres que para algunhas persoas a escola é fonte de competencia lingüística, para outros "é un atranco porque lles xera confusión ao teren que aprender determinadas materias en galego". Tal e como indica o CCG, agás aqueles cun discurso acorde coa normalización, "non se ve ben que se esixa o uso do galego na escola, nin que esta lingua sexa acaída para aprender contidos técnico-científicos". É, xustamente, o discurso impulsado pola dereita política e algunha asociación e que se plasmou normativamente no decreto, que vetou o galego para as materias científicas e técnicas.
Malia que a mocidade aposta por que ten que ser o sistema educativo quen debe encargarse da supervivencia do idioma, hai "actitudes belixerantes" co seu uso. Non son maioritarias nin claras, pero o CCG advirte que "existen individuos que sosteñen unha visión moi negativa da lingua". "É unha actitude minoritaria, case residual, pero que non ten parangón ao falar do castelán", di.
O CCG advirte de "actitudes belixerantes" minoritarias pero "moi negativas" e "sen parangón ao falar do castelán"
Ademais, tamén se atopa "estendido" entre parte da mocidade o discurso de "liberdade" e "imposición" do que tanto se tirou naquela campaña electoral e en anos posteriores por parte do PP e colectivos afíns. Son aqueles mozos, destaca o informe do CCG, que "reivindican a liberdade á hora de empregar o castelán nas materias nas que é obrigatorio aprender ao galego, pero non ao revés". "É un discurso no que o galego non debe supoñer obrigas e no que só o castelán ten ese privilexio", destacan sobre unha argumentación tantas veces empregada e cuxa posibilidade foi negada mesmo por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou parte do decreto.
"A mí, como me obligaron a hablar gallego, ¡le pillé tanto asco! No por el idioma en sí, porque es un idioma bonito, porque tú lo escuchas y… pero es como… ¡no! A mí, si me obligas a algo, ¡no lo voy a hacer", di unha das persoas dos grupos de discusión nos que se basea parte do informe. Mesmo en rapaces galegofalantes chega a manifestarse esa idea de "imposición", aínda que de maneira menos clara e en moita menor medida. Como advirte o CCG, esa representación "ten unha certa preeminencia na poboación urbana castelanfalante".
Hai un discurso "estendido" no que se "reivindican a liberdade á hora de empregar o castelán nas materias nas que é obrigatorio aprender ao galego, pero non ao revés"
O informe destaca que "o discurso normalizador ou militante tamén se atopa entre a mocidade" e é esta parte a que "opta por transmitir o galego aos seus fillos e fillas". Pero iso non é o habitual. A xente nova ve un difícil futuro para a lingua e cren que cómpren esforzos para revitalizala, pero teñen un "escaso compromiso con ese futuro no referente a usar o galego". "Cando se lles pregunta pola lingua de transmisión á súa descendencia, a maioría opta polo castelán", destaca o CCG, e mesmo os monolingües en galego, "pese a ter clara a necesidade de falarlles galego aos descendentes, non descartan a transmisión familiar do castelán".
"Cando se lles pregunta pola lingua de transmisión á súa descendencia, a maioría opta polo castelán"
Alén disto, a mocidade galega "manifesta un consumo baixo de medios en galego, especialmente aqueles mozos e mozas que usan menos esta lingua, mais tamén entre os/as que se declaran consumidores/as habituais de medios". "Algúns, sobre todo os monolingües en galego, critican a falta de autenticidade do galego que se emprega nalgúns casos", di o informe.
Como propostas, o CCG advirte que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega "ten plena validez" e enumera unha serie de proposicións que se derivan directamente da investigación realizada. A "básica", di, é "deseñar un proxecto de fomento da lingua galega para toda a sociedade, pois se non é así é inviable que se acaden melloras reais e efectivas entre a xente moza" e facelo con orzamento e plans locais.
O CCG, como fixera o Consello da Cultura
Para o CCG, "trátase de construír un discurso sobre o plurilingüismo con base no galego no que se demostre a utilidade e viabilidade deste" e tamén de buscar "o consenso entre os partidos políticos para excluír a lingua galega da loita partidista". "Cómpre unha mudanza do discurso institucional de cara á lingua galega para que a sociedade perciba que é un elemento potenciador da cohesión social", di.
Ao tempo, o Consello da Cultura cre que "cómpre intervir sobre a transmisión familiar da lingua galega para deter/reverter o proceso de desgaleguización inicial". E respecto disto, ao igual que fixera o Consello de Europa en diferentes ocasións, insta a Xunta a "unha oferta de educación infantil en galego que garanta o ensino nesta lingua nos primeiros anos de escolarización, tal e como recolle a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". Segundo os últimos datos, o 40% dos centros infantís das cidades non emprega para nada o galego e o 76% usa maioritariamente o castelán.
Tamén fala das "necesarias accións para ampliar o uso do galego nos contextos castelanófonos" porque, di, "só un uso preferente do galego pode garantir unha competencia bilingüe". E reclama fomentar máis o galego nos medios, impulsar a cultura na lingua propia ou "coidar a locución nas canles públicas". Precisamos, segundo o CCG, "accións que fomenten esa predisposición positiva cara ao galego na mocidade e desenvolver esa dimensión xa na infancia".