A segunda investigada polos incendios é unha anciá que queimou dúas hectáreas por neglixencia

Unha brigada actuando por terra nun dos incendios de Lobios Dominio Público @BrifLaza

Dúas persoas investigadas, unha delas encarcerada, por provocaren senllos incendios nos que arderon 3 hectáreas en total. É o balance das accións policiais e xurídicas tras a vaga de lume que entre o 14 e o 16 de outubro arrasou en Galicia unhas 35.500 hectáreas, segundo as primeiras estimacións de Medio Rural. Despois da detención e ingreso en prisión provisional sen fianza do home acusado de prender lume nunha leira dos Blancos para asar uns chourizos, vén de transcender o perfil da segunda persoa investigada: unha anciá de 73 anos á que se lle atribúe un incendio tamén por neglixencia.

Tal e como adiantou Faro de Vigo a muller, veciña de Mos, foi identificada a través dunha investigación da Unidade de Policía Adscrita á Xunta -a coñecida como Policía Autonómica- e deu admitir que malia ás malas condicións meteorolóxicas do domingo día 15, o peor da vaga de incendios, decidiu iniciar unha queima de rastrollos que lle escapou. O lume descontrolouse e acabaron ardendo unhas dúas hectáreas na parroquia mosense de Petelos. A muller segue investigada -antiga imputación- pero non foi detida por mor da súa avanzada idade e circunstancias persoais. Atribúenselle tamén outros dous pequenos focos anteriores -en 2013 e 2016- a esta vaga de incendios que, segundo a Policía, tiveron dimensións aínda menores ao do día 15.

Os incendios que se atribúen ás dúas persoas investigadas tras a vaga de lume suman 3 das 35.500 hectáreas que arderon, segundo a primeira estimación

Ás dúas detencións que transcenderon dende o peor treito da vaga de incendios -xornadas nas que o propio presidente da Xunta admitiu que o dispositivo de loita contra o lume "perdeu o control" da situación- súmanse a outra practicada a semana anterior por incendios declarados durante o verán, uns dous meses antes da vaga. Neste caso o detido foi un membro dunha brigada contra incendios do concello ourensán de Lobios ao que se lle atribúen seis incendios na contorna do Parque do Xurés que suman unhas 7 hectáreas. O acusado, de 21 anos, foi enviado a prisión tras admitir nos xulgados de Bande boa parte dos feitos que se lle atribuían.

Incendios non revelados pola Xunta por ser pequenos

As dúas detencións coñecidas ata o momento por incendios da última vaga de lume non só non encaixan no suposto fenómeno do "terrorismo incendiario" que o Goberno galego, a comezar polo presidente Feijóo, defenden como única tese posible para os incendios forestais do país. A escasa superficie arrasada por estas presuntas neglixencias dá lugar ao paradoxo de que nin o incendio dos Blancos nin o de Mos fosen incluídos nos partes de información pública sobre o lume que difunde a Consellería do Medio Rural. Non en van, a Xunta volveu limitar dende 2009 a información relativa aos incendios e oculta á opinión pública todos os focos menores a 20 hectáreas se non atinxen a espazos protexidos ou, aseguran, se achegan a zonas habitadas.

Voces expertas dende o ámbito académico, forestal e legal desbotan a existencia dunha trama organizada para prender lume ao monte en Galicia

Mentres Xunta e PPdeG circunscriben o acontecido a unha cuestión de orde pública e cargan contra a oposición galega por esixir responsabilidades políticas no canto de limitase a "condenar" os autores dos incendios, voces expertas do ámbito académico, forestal e legal desbotan que exista unha única explicación para este complexo fenómeno. Así, por exemplo, o fiscal delegado de medio ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, resaltaba en Praza.gal que as sucesivas investigacións sobre os incendios non chegaron nunca á conclusión de que existise a "famosa trama". Nun sentido semellante se expresaba a Fiscalía superior galega no inicio das dilixencias polos últimos incendios.

Dende o eido académico tamén son diversas as voces que chaman á reflexión sobre as causas, múltiplas en todo caso. A ordenación forestal, o abandono, a demografía ou as especies arbóreas, resaltan, son factores a valorar para entender o fenómeno dos incendios máis alá de limitarse á constatar a evidencia de que, nunha proporción moi maioritaria dos casos, o monte arde porque alguén lle prende lume.

 

Un incendio preto das casas en Baíña (Baiona) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.