As outras cifras do AVE: as obras en Galicia acumulan 7 mortos

Liña de tempo coas mortes rexistradas na construción do AVE galego CC-BY-SA Praza Pública

No 25 aniversario do tren Madrid-Sevilla, en Galicia hai 242 quilómetros en servizo, 80 en obras, e aos 80 mortos no accidente de Angrois hai que sumar os 7 falecidos na construción

O 21 de abril de 1992, hai agora 25 anos, produciuse a primeira circulación comercial dun tren de alta velocidade en España, o AVE Madrid-Sevilla, de 471 quilómetros, que estes días se está a conmemorar. Cinco lustros despois, dentro de Galicia o AVE ten outras cifras. Hai 242 quilómetros en servizo, ningún deles aínda coas máximas prestacións, e 80 quilómetros en obras, e neles rexistráronse xa 80 mortos, os do accidente de Angrois, pero tamén outros sete falecementos dos que poucas veces se fala, os dos obreiros que morreron na construción.

Os accidentes mortais tanto no Eixo Atlántico como na liña á Meseta coincidiron cos periodos de maior intensidade das obras en ambas as dúas actuacións

A primeira pedra do AVE galego, do que daquela non ía ser máis que unha reforma da vella vía entre A Coruña e Vigo, púxose o 21 de xullo de 2001, case unha década despois da inauguración do de Sevilla. E a primeira redución considerable dos tempos non chegaría ata a inauguración en 2007 do AVE Madrid-Valladolid, co que o galego comparte os primeiros quilómetros ata Olmedo. Foi ese mesmo ano, o 7 de setembro de 2007, cando se produciu a primeira morte nas obras en Galicia cando se derrubou un viaduto en construción no Carballiño e morreu un capataz vigués de 45 anos da empresa Comsa e resultaron feridos outros catro traballadores. Dúas semanas máis tarde un obreiro de Ferrovial de 23 anos de Mazaricos morreu ao envorcar a súa escavadora en Cerceda. E en xullo de 2009 un topógrafo de 27 anos de Salvaterra do Miño foi aplastado por un camión nun túnel en Arcade.

Eses anos coincidiron coa maior intensidade dos traballos nas liñas do Eixo Atlántico e Ourense-Santiago, que se puxeron en servizo a partir de 2011. Non volveu rexistrarse outro accidente mortal ata que volveu haber outro incremento notable da actividade, desta volta na liña á Meseta. Foi alí, en Vilar de Barrio, onde o 2 de abril de 2013 morreu un enxeñeiro madrileño de 37 anos de Vías y Construcciones atropelado nun túnel. Un ano máis tarde, o 15 de abril de 2014, un mecánico asturiano de 53 anos de Copisa faleceu golpeado por unha pa no túnel da Canda, no fronteirizo municipio zamorano de Lubián, sen que a súa morte transcendese en Galicia. E dous meses despois, o 17 de xuño de 2014, un traballador de 42 anos de Sevial Proyectos y Obras morreu ao caer a escavadora que conducía por un noiro entre A Gudiña e Vilariño de Conso. O último morto rexistrado nas obras en Galicia data do 15 de setembro de 2015, en Laza, cando cedeu a cesta dunha grúa na que traballaba un operario de 31 anos asturiano que resultou falecido e quedou ferido grave outro traballador.

A estas sete mortes na construción do AVE só en Galicia hai que engadir os 80 falecidos o 24 de xullo de 2013 no accidente de Angrois nunha liña, a Ourense-Santiago, que, malia os intentos de Fomento por negalo, quedou acreditado que era de alta velocidade.

Hoxe en España hai 3.240 quilómetros de liñas de alta velocidade, segundo Adif, dos que Galicia se beneficia duns 475, aínda que ningún deles ao máximo das prestacións que permiten

Hoxe en España hai 3.240 quilómetros de liñas de alta velocidade, segundo Adif, dos que Galicia se beneficia duns 475, aínda que ningún deles ao máximo das prestacións que permiten. Son os 233 quilómetros en servizo entre Madrid e Zamora e os 242 abertos no interior de Galicia. Nos primeiros, só entre Madrid e Olmedo, ao sur de Valladolid, hai unha liña coas máximas prestacións, pero os trens Alvia que circulan a Galicia non poden superar os 250 quilómetros por hora. Entre Olmedo e Zamora a liña é de vía única e aínda non ten instalado o sistema de seguridade do AVE, o ERTMS, polo que os trens non poden pasar aínda dos 200 quilómetros por hora a que están limitados co sistema de sinalización convencional, o ASFA. No interior de Galicia, eses mesmos Alvia tampouco poden circular a máis de 220 por hora nos 87 quilómetros da liña Ourense-Santiago. Nela xa está funcionando o ERTMS que fora desconectado antes do accidente de Angrois, pero a súa vía de ancho ibérico e non internacional, como a do resto do AVE español, impide superar esa velocidade. A outra liña de altas prestacións, o Eixo Atlántico Vigo-A Coruña, suma outros 155 quilómetros en servizo, pero tampouco nela está aínda en servizo o ERTMS, polo que os trens non poden superar os 200 quilómetros por hora. 

Canto ás obras actualmente en marcha na liña á Meseta, trabállase en 122 quilómetros entre a cidade de Zamora e o túnel do Padornelo e noutros 80 quilómetros xa no interior de Galicia, pero aínda non comezaron as obras nos 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense, que non estarán rematados antes de 2024, nin hai prazos para o resto de liñas inicialmente previstas (Ourense-Lugo, A Coruña-Ferrol, Ourense-Vigo por Cerdedo e Vigo-Porto).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.