O 27 de xullo de 2013, tres días despois de que o descarrilamento dun tren Alvia no barrio compostelán de Angrois provocase a morte de 80 persoas e feridas a outras 144, o presidente da Xunta negaba en rolda de prensa cos ministros de Fomento e Interior, Ana Pastor e Jorge Fernández Díaz, que o sucedido fose un accidente da "alta velocidade española". O tren e a liña que foran presentadas como tal deixaban politicamente de selo e quen o insinuase estaría a favorecer "intereses dalgúns países" que naquela altura competían con compañías de España por contratos ferroviarios no ámbito internacional.
Tres días despois AGE e BNG formulaban a primeira reclamación formal dunha comisión de investigación política sobre o acontecido. Cumpría "esclarecer as causas técnicas, humanas e políticas" do accidente, dicían sobre unha reclamación que permaneceu só no ámbito partidario apenas uns poucos meses. Dende ese outono as vítimas pasaron a encabezar unha reclamación que a recente mudanza de criterio do PSOE semella estar a piques de facer realidade no Congreso dos Deputados, deixando o PP máis acantoado ca nunca no "non" a investigar tanto en Galicia como en Madrid.
Ata agora o bloqueo dos conservadores á investigación política sempre estivera acompañado por reticencias semellantes do PSOE, manifestadas as máis das veces cun voto de abstención e, cando o xogo de maiorías podería propiciar a aprobación, directamente na negativa. A postura foi de práctica inmobilidade tanto nas xornadas posteriores ao accidente, cando transcendeu que na liña e no tren fora desconectado o sistema de freado automático ERTMS, como durante os meses seguintes malia a revelacións como o aviso non atendido do xefe de maquinistas de Ourense a Renfe sobre a perigosidade da curva 20 meses antes do accidente.
As vítimas encabezan dende 2013 a petición de investigación política, que semella estar a piques de tornar en realidade tras o cambio de criterio do PSOE
O inmobilismo continuou sen apenas matices nos dous grandes partidos estatais ata o pasado 2016, cando a reapertura da instrución xudicial que pechara co maquinista como único imputado -previamente foran excluídos do proceso todos os cargos estatais antes implicados- e o duro informe da Axencia Ferroviaria Europea que certificou a ausencia de independencia na investigación oficial do sinistro os obrigou a mudar aos poucos o seu discurso. Pasaron, fundamentalmente, a estar a prol de novas pescudas técnicas pero seguiron no "non" á investigación política, que tiña como pano de fondo o temor a que esa comisión acabase salpicando a cadanseus ministros de Fomento: José Blanco, en cuxo mandato se encargaron os trens e abriu a liña, e Ana Pastor, titular do Ministerio cando Renfe puxo en servizo os trens Alvia híbridos como o sinistrado, Adif autorizou que circulasen co freado automático desactivado e no momento do accidente.
Unha petición das vítimas
Feijóo mantén que abrir a investigación política "só prexudica as vítimas" aínda que son elas as que a reclaman
Esta foi a dinámica na que se desenvolveron as votacións que, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, derivaron en vetos á investigación. No caso do Parlamento o PP sustentou os sucesivos bloqueos -o último, o pasado febreiro, de novo con abstención socialista- nunha suposta falta de competencias que contradí o Regulamento parlamentario. No Congreso os populares foron alén e deron en descualificar a solicitude como "miserable" e "absurda" cando a formulou En Marea e o PSOE se abriu a debatela, aínda que finalmente a rexeitou. En ambas Cámaras coincidiron en reiterar un argumento: abrir unha investigación parlamentaria do accidente responde a unha petición só dos partidos da esquerda, que tentan "politizar", en verbas de Feijóo. Foi tamén o presidente da Xunta quen nos últimos días afondou de novo nesa tese: ante a máis que probable aprobación da comisión pola mudanza do PSOE considerou que esa aprobación suporía "mesturar unha investigación que realiza a Xustiza cunha investigación política" e iso "só prexudica as vítimas".
A plataforma sinala a lembranza de seren "recibidas con antidisturbios" no Gaiás como a mellor "resposta" á negativa do PP a apoiar a comisión
Estes comentarios do presidente volveron sementar a indignación na Plataforma Víctimas Alvia 04155, o colectivo máis activo de persoas afectadas polo accidente. Séntense indignadas, sinalan a Praza.gal, por que dirixentes como Feijóo presenten como unha "manipulación política" o que non é máis que unha translación ao ámbito parlamentario das súas propias reivindicacións. Ao seu xuízo, "o que si foi un uso político das vítimas" foi a decisión tomada pola Xunta xusto un ano despois do accidente, cando contra o criterio das vítimas trasladou ao 24 de xullo o acto de entrega das Medallas de Galicia, que o Goberno concedera ás persoas afectadas polo accidente, aos equipos de emerxencias que as socorreran e á veciñanza de Angrois. Ás portas daquel evento, celebrado na Cidade da Cultura, quedaran membros da devandita plataforma que, lembran, foron "recibidos con antidisturbios" que lles impediron o acceso. Lembrar ese momento, afirman, é para eles a mellor "resposta" que poden ofrecer á sistemática negativa do PP a apoiar a comisión de investigación.
Fragmento do documental Frankenstein 04155, facilitado pola Plataforma Víctimas Alvia 04155 e dirixido por Aitor Rei
O vindeiro 24 de xullo, catro anos despois do descarrilamento, as vítimas regresarán novamente a Santiago e farano desta volta cunha manifestación dende a estación de tren da capital galega ata a praza do Obradoiro. O obxectivo, como nos anteriores aniversarios, é lembrar as persoas falecidas pero tamén "reivindicar a creación dunha comisión de investigación parlamentaria e outra técnica". A Plataforma Víctimas Alvia 04155 dirixiu convites a unirse a mobilización a diversos grupos políticos. Entre eles, ao PP de Santiago na persoa do seu voceiro, Agustín Hernández, conselleiro de Infraestruturas no momento do accidente, que o pasado xuño lembraba a preguntas da prensa que el mesmo tivo a "desgraza de ser testemuña" das consecuencias do accidente e, respondendo aos receos de Feijóo sobre a investigación política, apuntaba que en decisións coma esta os dirixentes políticos deben demostrar que tamén teñen "corazón".
Convite das vítimas á manifestación remitido pola Plataforma Víctimas Alvia 04155 a Agustín Hernández
Ao ser cuestionado en días pasados sobre se atenderá ese convite o que fora alcalde da capital galega entre 2014 e 2015 asegurou non ter nada que "engadir" ás súas consideracións sobre o accidente, pero avanzou que non prevé atender a petición da plataforma. "Comigo ninguén vai contar para facer uso político dun drama como o de Angrois, ninguén", afirmou. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 confirma que alén desa declaración á prensa non obtiveron resposta ningunha do líder dos populares composteláns a respecto da marcha. O goberno local ratifica, pola súa banda, que tanto para a mobilización como para o resto de actos o Concello xa se puxo un ano máis "á disposición" das vítimas con apoio loxístico e cesión de instalacións no Auditorio de Galicia para reunírense.
Agustín Hernández rexeita participar na manifestación das vítimas de #Angrois "Non van contar comigo para facer uso político dun drama" pic.twitter.com/U9GHoRPREb
— Nós Televisión (@NosTelevision) 11 xullo 2017
Resposta de Hernández sobre o convite a participar na manifestación / Nós TV