O argumentario do PP galego a respecto da transferencia da AP-9 a Galicia mudou abertamente nas últimas semanas. Fíxoo aos poucos días de que, menos de dous meses da súa nova aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia, o Goberno de España iniciase a súa segunda manobra en menos de medio ano para vetar que a proposta chegue a ser debatida no Congreso dos Deputados, onde o xogo de maiorías faría posible a aprobación aínda que os conservadores se opuxesen. Para revestir xuridicamente este novo bloqueo o gabinete de Mariano Rajoy botou man de razóns financeiras ás que nin aludira no primeiro e a elas aferrouse tamén o presidente da Xunta, a quen toda a oposición reclama agora que acuda ao Parlamento para explicar o que, a efectos prácticos, supón unha renuncia á lei que el mesmo aprobou co seu voto.
Como informou Praza.gal, o informe rexistrado polo Executivo central para formalizar o veto aséntase na hipótese de que a Xunta podería rebaixar as peaxes e esa mingua non daría para compensar as obras de ampliación e tampouco os descontos vixentes nalgúns treitos da autoestrada como Rande ou Barcala. O Ministerio de Fomento di, en síntese, que non está disposto a asumir o custo desas bonificacións, cuxo pagamento por parte do Goberno central foi presentado pola Xunta como un dos primeiros logros da comisión de seguimento da Autoestrada do Atlántico que o ministro Íñigo de la Serna deu en substituír a transferencia de competencias, toda vez que defende que a titularidade da infraestrutura ten que quedar "onde está", en Madrid.
Á cuestión financeira a Xunta engadiu nos últimos días outra liña argumental adicional. O Goberno de España, verbalizou, é reticente a transferir agora a autoestrada pola reivindicación soberanista de Cataluña, proceso que xa estaba en marcha cando o PPdeG accedeu a apoiar a transferencia no Parlamento galego e tamén cando a incluíu no programa co que concorreu ás eleccións galegas de setembro do ano pasado.
Convocatoria da Deputación Permanente
En Marea, PSdeG e BNG censuran que o presidente cuestionase os contidos da lei da transferencia que el mesmo votou no Parlamento galego
É neste contexto no que os grupos da oposición reclaman explicacións parlamentarias de Feijóo mediante a activación da Deputación Permanente, o órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles como o que vén de comezar -esténdese dende o 15 de xullo ata setembro-. A intención, explica o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, é que esta reclamación, tamén secundada por En Marea e BNG, se traduza nunha comparecencia do presidente da Xunta nun pleno extraordinario para darlle a "oportunidade de rectificar" tras "erosionar a posición de Galicia poñendo en cuestión que sexa interesante para nós que a AP-9 se xestione dende a comunidade autónoma". "A transferencia é unha oportunidade, non un problema; non entendemos a posición do presidente da Xunta de complicidade pactada con Fomento", o cal significa "dicir unha cousa en Galicia e facer outra cousa en Madrid".
Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, resalta tamén a necesidade de que Feijóo "dea explicacións por poñer en dúbida a viabilidade da transferencia". "Vemos con moita preocupación as últimas declaracións de Feijóo, soan a pitorreo e a tomadura de pelo", porque "só pode cualificarse deste xeito que cuestione a viabilidade da transferencia por 7 millóns de euros -as devanditas bonificacións- no momento en que Rajoy pon 4.000 millóns sobre a mesa para rescatar as radiais madrileñas". A petición ten tamén o apoio de En Marea, cuxo voceiro, Luís Villares, únese á reclamación de que o presidente dea conta das súas "escusas", propias de quen "non é capaz de convencer aos seus compañeiros da necesidade de respectar a decisión unánime do Parlamento".
O PP acusa a esquerda de "non entender nada"
Fronte á petición unánime da esquerda, o voceiro do PPdeG, Pedro Puy, mira a Cataluña como xa fixera Feijóo. Despois de que o presidente cuestionase as bases económicas da lei galega Puy afirma que "botarlle a culpa ao presidente da Xunta da non transferencia" é "non entender a dinámica de traspasos neste momento en España nin as relacións que existen entre un goberno autonómico e o traspaso de competencias", di nun momento no que Galicia transita polo período máis longo sen novas competencias da historia da autonomía malia existir un paquete de 70 áreas competenciais pendente de traspaso.
"O fundamental é que o Estado nestes momentos ten ameazas claras de ruptura da organización territorial", di o PP
"Se alguén pensa que a maior dificultade para o traspaso da AP-9 é o presidente da Xunta é que non entende nada de que vai esta transferencia, tendo en conta que xa foi pedida por outros gobernos galegos", sinala mentres Feijóo teima en que PSdeG e BNG se opuxeron a ela mentres gobernaban. "O que importa agora son outras cuestiósn, como o financiamento autonómico, o que non quere dicir que esteamos a favor dalgunha transferencia adicional, como a AP-9", agrega o popular, quen insta a ter en conta que "o fundamental é que o Estado, nestes momentos, ten ameazas claras de ruptura da organización territorial" e por iso "tende a non ser especialmente propicio" a ceder competencias. As "declaracións" de En Marea, PSdeG e BNG, engade, son as que "non axudan" a lograr a transferencia, e non as verbas do presidente.