Ninguén responde neste mes de xullo ao teléfono habilitado para a reserva de visitas ao Pazo de Meirás, as obrigadas pola súa condición de ben de interese cultural (BIC). Turismo de Galicia segue a informar do número e a indicar que os días que quedan en agosto para acceder ao edificio son os vindeiros 30 e 31, pero a liña está desconectada baixo a explicación oficial de que xa están cubertas todas as prazas. O novo incumprimento dos herdeiros do ditador volve cadrar co mes en que Meirás torna nun destino vacacional dende o que empregan a prensa do corazón para reivindicar a propiedade do pazo espoliado. "É noso e vaino seguir sendo", din.
Despois de que a Fundación Francisco Franco respondese con provocacións e ameazas ás reaccións políticas pola súa xestión das visitas, encomendada pola familia, a filla e mais a neta do xeneral golpista optan pola prensa rosa para se expresar en termos semellantes variando unicamente o ton, menos agresivo que o da organización encargada da apoloxía da ditadura. Así, tras a declaración como persoas non gratas por parte do Concello de Sada e a reclamación formal da xestión das visitas por parte da mesma corporación, Carmen Franco desdeña ambos acordos. "Non ten ningún sentido que aseguren que todo vai cambiar e que van xestionar as visitas, porque non teñen lexitimidade", dixo en declaracións a Corazón, publicación integrada na revista Mujer Hoy, do grupo Vocento.
A que segue a ser administradora de parte do entramado empresarial da familia -investigacións recentes cifran o patrimonio dos Franco en 500 millóns de euros- proclama que "a lei deixa claro que a propiedade do pazo é nosa" e advirte de que nin sequera contemplan a posibilidade de acceder ás peticións de maior flexibilidade e cumprimento do réxime de visitas. "É unha propiedade privada", conclúen.
"Non ten sentido que aseguren que todo vai cambiar, non teñen lexitimidade; a propiedade é nosa"
As declaracións de Carmen Franco a Corazón chegan despois de que se expresase en termos semellantes a preguntas de La Otra Crónica, o suplemento de corazón e vida social do xornal El Mundo. Nunha información asinada pola xornalista María Eugenia Yagüe a filla de Franco atribúe ao concello sadense e ás formacións da esquerda galega en xeral o "único propósito de molestar". "Xa non se trata só dunha cuestión de educación, agora educación hai pouca", senón que "o que queren é facer dano". "Fixérono tamén con Rajoy, que na súa propia vila tamén o declararon non grato, son así", dixo en referencia á declaración aprobada polo Concello de Pontevedra tras a prórroga á autorización de ENCE.
"Fixérono tamén con Rajoy, que na súa propia vila tamén o declararon non grato, son así"
Mentres a filla do ditador carga dende o interior de Meirás contra os "progres de novo cuño" e a Xunta reitera que carece de competencias para actuar contra a apoloxía do franquismo xa anunciada pola Fundación Franco ligada á xestión das visitas, continúan tamén os movementos políticos a prol da devolución do edificio espoliado, concretados xa na constitución da Xunta Pro-Devolución. Tras os acordos do Concello de Sada o vindeiro 11 de setembro será o pleno da Coruña o que, a instancias da Marea Atlántica, debata unha moción para "reclamar a recuperación do Pazo de Meirás como espazo de titularidade e uso públicos e o desaloxo da Fundación Franco como xestora das visitas.
Do mesmo xeito, a eurodeputada de AGEe Lidia Senra puña en coñecemento da Comisión Europea esta mesma semana a "apoloxía do xenocidio e a ditadura" que a Fundación está a desenvolver no edificio. Este é o segundo escrito que as autoridades comunitarias reciben ao respecto despois do formulado nun sentido semellante a principios de agosto pola representante do BNG na Eurocámara, Ana Miranda.