A conexión da autoestrada coa Cidade da Cultura é outro exemplo da capacidade que ten Audasa de condicionar melloras de infraestruturas mesmo tan sinxelas como esta, de só 3,3 millóns
“Este proxecto naceu nun plan sectorial viario que aprobamos na Xunta en 2003, cando era eu conselleiro”. Así admitiu este mércores o presidente Feijóo a demora de 15 anos acumulada polo prometido enlace entre a Cidade da Cultura e a AP-9 que pasa á súa beira. Díxoo no acto de colocación da primeira pedra desa nova conexión ao que asistiu o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que amosou a súa esperanza en que a obra poida estar rematada a comezos de 2019.
A AP-9 pasa á beira da Cidade da Cultura, mesmo demasiado preto para os enxeñeiros tanto de Fomento como da Xunta, que sempre temeron que en momentos de moito tráfico de entrada ou saída do Gaiás ou do veciño pavillón deportivo do Sar o atasco se trasladase á autoestrada
A conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura é outro exemplo da capacidade que ten Audasa, a concesionaria da autoestrada, de condicionar as melloras das infraestruturas galegas, mesmo das de custo tan reducido e execución tan sinxela como esta, de só 3,3 millóns de euros e uns poucos meses de prazo. E a súa primeira pedra colócase un día despois de que o Tribunal Constitucional veña de botar por terra o argumento do Goberno central para negarse a traspasar a Galicia as competencias e a capacidade de negociación con Audasa.
A AP-9 pasa á beira da Cidade da Cultura. Mesmo demasiado preto para os enxeñeiros tanto de Fomento como da Xunta, que sempre temeron que en momentos de moito tráfico de entrada ou saída do Gaiás ou do veciño pavillón deportivo do Sar o atasco se trasladase á autoestrada. Así, as obras non comezan ata agora, que xa está en servizo un terceiro carril e mesmo un cuarto nalgúns puntos da AP-9 ao seu paso por Santiago nos que canalizar os vehículos a maiores cara ou desde o Gaiás facilitando a fluidez do tráfico no resto da calzada. Por iso, malia o sinxelo da actuación, pouco máis que uns carrís de aceleración e deceleración, esta foise adiando e condicionando ás duras negociacións mantidas con Audasa para ampliar a AP-9 ao seu paso por Santiago.
Fomento estuda se a prometida supresión da peaxe entre Redondela e Vigo obrigará novamente a "actuar sobre a infraestrutura" malia que xa vén de ser ampliada
Na colocación da primeira pedra deste mércores, o ministro De la Serna tamén se referiu a outra actuación pendente de negociacións con Audasa, o seu compromiso de suprimir a peaxe entre Redondela e Vigo, que suporá unha nova suba das peaxes no resto da autoestrada. O titular de Fomento dixo que as negociacións son lentas porque se está a estudar a influencia que a gratuidade pode ter en atraer novos tráficos cara á autoestrada que ata o de agora empregan outras estradas. Segundo o ministro, estase a analizar se eses “tráficos inducidos” obrigarían a “actuar sobre a infraestrutura”. Isto é, Fomento analiza se esa gratuidade obrigaría a realizar novas obras nun treito entre Redondela e Vigo que vén de ser ampliado no marco das obras de ampliación da ponte de Rande, uns traballos moi protestados pola veciñanza da zona.