En Marea pide reunirse coa ministra Batet para abordar "o avance do autogoberno galego" tras dez anos de parálise

Gómez-Reino e Díaz, en rolda de prensa CC-BY-SA En Marea

O pasado 1 de xullo cumpriuse o décimo aniversario dos, ata agora, últimos traspasos de competencias do Goberno de España a Galicia, aínda co PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero no Executivo central e coa coalición de PSdeG e BNG na Xunta. Abríase así o que xa é o período máis prolongado da historia da autonomía sen novas competencias malia existir daquela un amplo consenso entre as forzas políticas galegas a respecto da reclamación dunhas 70 competencias que encaixaban no actual Estatuto. Entre elas figuraba a transferencia da AP-9, que o Goberno de Rajoy vetou ata tres veces en apenas ano e medio e que agora, tras a moción de censura que levou á presidencia da Pedro Sánchez, volve estar en marcha no Congreso mentres o Parlamento galego ultima tamén o seu terceiro intento.

Este é o pano de fondo co que a representante de En Marea na comisión de Política Territorial do lexislativo español, a deputada Yolanda Díaz, se vén de dirixir por carta á responsable deste eido no Executivo de Sánchez, a ministra Meritxell Batet, para lle solicitar unha xuntanza para, "coa maior brevidade posible" abordar o "avance do autogoberno galego". Segundo sinalou este xoves Díaz en rolda de prensa xunto ao tamén deputado Antón Gómez-Reino, "En Marea puxo as súas cinco actas no Congreso" no seo do grupo de Unidos Podemos para "botar o PP do Goberno". "Agora -din- é o momento de falar de Galicia" e que o Executivo socialista demostre que "rematou" o tempo "do Goberno que se negaba a falar de e con Galicia".

O pasado 1 de xullo cumpríronse 10 anos das últimas transferencias de competencias do Goberno de España á Xunta 

Segundo a misiva, o obxectivo desta xuntanza é "coñecer a axenda política" do Ministerio de Política Territorial "para Galicia". "Somos conscientes da situación de Cataluña -resalta Díaz-, pero non pode opacar a axenda galega, que ten que entrar no novo tempo político", no que "o financiamento autonómico conxugue os avances en autogoberno con criterios de xustiza e igualdade" e atendendo a aspectos que atinxen especialmente a Galicia, como a crise demográfica ou a cooperación con Portugal. "Saudamos positivamente" algunhas das primeiras propostas do Ministerio, como "a revitalización do Consello das Linguas Oficiais", paralizado dende 2010, pero alén destas liñas xerais existen asuntos "especificamente galegos" que cómpre "retomar" para "avanzar no autogoberno de Galicia como nación".

"Puxemos as nosas cinco actas para botar o PP do Goberno, é o momento de falar de Galicia", din

"Son diversas -contiúa a carta- as materias pendentes" do Goberno central con Galicia, dende a devandita transferencia da AP-9, "solicitada de forma unánime polo Parlamento de Galicia e vetada polo anterior goberno", a "outras materias pendentes como a transferencia de competencias de Salvamento Marítimo ou de tráfico", a xestión pola Xunta dos centros de atención a persoas con discapacidade ou da sanidade penitenciaria. É "transcendental", coidan, "coñecer cal é a axenda política" do Ministerio nestes eidos e saber "se existen previsións por parte do Goberno" do PSOE "de abordar de forma integral e bilateral" estes asuntos coa Xunta.

Xuntanza de Feijóo con Sánchez coa polémica do AVE sobre a mesa

Antes da xuntanza na Moncloa a Xunta e o PPdeG axitan un suposto atraso do AVE Madrid-Galicia por culpa de Sánchez e dos soberanistas cataláns

A solicitude de En Marea para abordar coa ministra Batet novos traspasos de competencias a Galicia prodúcese en vésperas do primeiro encontro de Sánchez co presidente da Xunta, o vindeiro día 17 na Moncloa. Alén da petición xenérica dun novo modelo de financiamento autonómico -a lei que o regula incúmprese dende 2014-, a idea forza que Goberno e PP galego trasladan dende hai semanas é o dun suposto atraso no remate das obras do AVE Madrid-Galicia do que serían culpables Sánchez e as súas eventuais "concesións" ao soberanismo catalán e tamén a Podemos.

Neste sentido, este mesmo mércores o PP sacaba adiante no Parlamento galego, como anunciara, unha proposición non de lei -declaración política non vinculante- na que esixe que "o AVE a Galicia" estea "funcionando en probas no ano 2019", un prazo inviable segundo o cronograma fixado xa na etapa do Goberno de Rajoy. Os conservadores reclaman ademais que o novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, viaxe a Galicia cada tres meses "con información dos avances das obras".

Meritxell Batet, ministra de Política Territorial © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.