Tal e como acordaron a comezos de xullo, representantes da plataforma de vítimas de Angrois serán recibidos na tarde deste martes polo ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, nun encontro no que lle trasladarán diversas peticións non atendidas polo anterior goberno popular nos cinco anos que xa pasaron desde o accidente do 24 de xullo de 2013 que deixou 80 mortos e 154 feridos. Na causa xudicial que investiga o sinistro están actualmente imputados, ademais do maquinista do tren, seis cargos e técnicos de empresas públicas dependentes de Fomento.
Os afectados reclaman ao socialista Ábalos que cese aos imputados dos seus postos de libre designación en Adif e Renfe
Nun comunicado difundido este luns, a plataforma avanza que ao novo ministro pediranlle, entre outras cuestións, que facilite “a documentación relevante sobre a traxedia que está en mans exclusivamente de Renfe e Adif”. Ao longo destes cinco anos de investigación xudicial, e malia as promesas políticas de máxima colaboración coa xustiza, as dúas empresas públicas dependentes de Fomento veñen ocultando ou demorando a entrega de diversa documentación ao xulgado.
As vítimas tamén pedirán a Ábalos “o cese dos cargos imputados de Renfe e Adif” dos seus postos de libre designación, en referencia aos que eran directores de Seguridade na Circulación nas dúas empresas públicas, Antonio Lanchares e Andrés Cortabitarte, o primeiro no mesmo cargo cinco anos despois e o segundo noutro posto inferior pero igualmente de libre designación.
As vítimas tamén queren que se cumpra a esixencia da Comisión Europea de que España faga unha investigación técnica independente do sinistro, aínda pendente
Igualmente, os afectados tamén reclamarán ao ministro que cumpra a esixencia da Comisión Europea de que España realice unha investigación técnica independente do sinistro, reclamación que a propia comisaria de Transporte, Violeta Bulc, mantén vixente, segundo lles trasladou en persoa o pasado xuño. A análise que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento fixo pública un ano despois do sinistros, atribuíndo a responsabilidade do mesmo só ao maquinista, malia que en Angrois non existía ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase ao seu despiste, foi descualificada pola Axencia Ferroviaria Europea por centrarse só no erro humano e non ser independente. Posteriormente Fomento reformou a CIAF e agora a UE xa si a considera independente, argumento que viña sendo empregado polo anterior ministro de Fomento, o popular Íñigo de la Serna, para argumentar a súa imposibilidade de pedirlle que reabra a investigación. Pola contra, as vítimas non queren que a CIAF volva a realizar outra análise do sinistro senón que se constitúa unha comisión técnica específica que investigue o accidente.
A reunión das vítimas con Ábalos prodúcese despois de que os afectados se mostrasen moi críticos coa actuación posterior ao accidente dos sucesivos ministros de Fomento do PP, Ana Pastor, Íñigo de la Serna e mesmo, en funcións, Rafael Catalá, dos que lamentaron que só lles ofreceron boas palabras pero dificultaron a investigación do sinistro. Os afectados amósanse á expectativa do que poidan facer os socialistas, cuxo cambio de postura da súa anterior negativa ao apoio expreso facilitou a creación dunha comisión de investigación política no Congreso que comezou a funcionar xusto antes do verán.