Fomento comprométese a colaborar nas investigacións do sinistro tras anos de obstáculos e os afectados ven un “cambio de formas” pero esperan polos “feitos”
“Perdón en nome deste Goberno”. Iso foi o que lles pediu este martes o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, ás vítimas do accidente do tren Alvia en Santiago que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 154 feridos, polos que están imputados seis cargos e técnicos de empresas públicas dependentes de Fomento. Despois de cinco anos de intentos de responsabilizar en exclusiva o maquinista do tren -despistouse e non freou antes da curva de Angrois, pero non había activo ningún sistema de seguridade que o evitase- por parte de responsables tanto do PP no Goberno como do PSOE que deseñara o AVE Ourense-Santiago, a petición expresa de perdón por parte do novo ministro socialista supón unha novidade. Petición de perdón que o ministro fixo pública non só en persoa aos afectados senón tamén a través dunha nota de prensa e da súa propia conta de Twitter.
Acabo de reunirme con las dos asociaciones de víctimas del accidente de Angrois. Les he pedido perdón en nombre de este Gobierno. La atención a las víctimas nos ayuda a mejorar como sociedad y nos impulsan a mejorar en seguridad. He tomado buena nota de sus reivindicaciones. pic.twitter.com/z9pqqcKZZ9
— Jose Luis Ábalos (@abalosmeco) 4 de septiembre de 2018
“Percibimos un cambio de formas”, dicía este martes tras o encontro o presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, pero apelaba a agardar por pasos concretos por parte de Fomento despois desta primeira reunión mantida con Ábalos tras a súa chegada ao Goberno. Xunto coa petición expresa de perdón, que os afectados reclamaban por considerar culpable do sinistro ao propio sistema ferroviario español, e polo tanto ao Estado, e non só ao maquinista, o compromiso expreso máis salientable para Domínguez, das tres grandes peticións que levaba ao encontro, é o de que o ministerio colaborará en todo o posible coas investigacións do accidente.
Fomento asegura que actúa como parte no proceso xudicial “desde o mesmo lado que as vítimas”
Ao longo destes cinco anos de investigación xudicial, e malia as promesas políticas de máxima colaboración coa xustiza do goberno do PP, as dúas empresas públicas dependentes de Fomento veñen ocultando ou demorando a entrega de diversa documentación ao xulgado. Segundo Domínguez, Ábalos amosoulles o seu compromiso a facilitar toda a documentación que se lle reclame. A propia nota de prensa emitida este martes por Fomento asegura que o ministerio actúa como parte no proceso xudicial “desde o mesmo lado que as vítimas”.
As vítimas piden o cese dos cargos de Adif e Renfe imputados e din que Ábalos abriuse a estudar esa posibilidade
A segunda petición das vítimas a Ábalos foi “o cese dos cargos imputados de Renfe e Adif” dos seus postos de libre designación, en referencia aos que eran directores de Seguridade na Circulación nas dúas empresas públicas, Antonio Lanchares e Andrés Cortabitarte, o primeiro no mesmo cargo cinco anos despois e o segundo noutro posto inferior pero igualmente de libre designación. O xulgado que instrúe o caso considera que non actuaron como debían sobre o risco que existía na curva de Angrois. Sobre esa cuestión, nada di Fomento na súa nota de prensa mentres que as vítimas sinalan que inicialmente o ministro comunicoulles que serían cesados se chegase a abrirse xuízo oral contra eles.
O presidente das vítimas lembrou a Ábalos que o propio Lanchares presentou a súa dimisión hai uns meses, pero que Renfe, co PP aínda no Goberno, non lla admitiu, polo que o ministro, segundo o relato de Domínguez, abriuse a avaliar novamente a situación dese cargo. Domínguez tamén lembrou que Lanchares, durante a súa declaración ante o xulgado, chegou a dicir que a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control constante da velocidade (ERTMS) non requiría dunha análise de riscos, algo que si considera necesario de acordo á normativa a Axencia Ferroviaria Europea, o que para as vítimas pon en dúbida o coñecemento da lexislación do máximo responsable da seguridade de Renfe.
Fomento vén argumentando dificultades legais para volver a realizar unha nova investigación técnica do sinistro como reclama a Comisión Europea
Por último, os afectados tamén reclamaron ao ministro que cumpra a esixencia da Comisión Europea de que España realice unha investigación técnica independente do sinistro. A análise que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento fixo pública un ano despois do sinistro, atribuíndo a responsabilidade do mesmo só ao maquinista, malia que en Angrois non existía ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste, foi descualificada pola Axencia Ferroviaria Europea por centrarse só no erro humano e non ser independente.
Posteriormente Fomento reformou a CIAF e agora a UE xa si a considera independente, argumento que viña sendo empregado polo anterior ministro de Fomento, o popular Íñigo de la Serna, para argumentar a súa imposibilidade de pedirlle que reabra a investigación. Pola contra, as vítimas non queren que a CIAF volva realizar outra análise do sinistro senón que se constitúa unha comisión técnica independente específica que investigue o accidente. Segundo Domínguez, Ábalos amosou na reunión deste martes os mesmos obstáculos que o seu predecesor argumentando que non atopa vía legal para instar á CIAF a reabrir a investigación. Fomento, na súa nota de prensa, limítase a salientar que estudará “a fórmula para que as comisións de investigación sexan totalmente independentes funcional e economicamente”.
Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas de Angrois, atende aos medios de comunicación no Ministerio de Fomento tras a reunión con Ábalos
A reunión das vítimas con Ábalos produciuse despois de que os afectados se viñesen amosando moi críticos coa actuación posterior ao accidente dos sucesivos ministros de Fomento do PP, Ana Pastor, Íñigo de la Serna e mesmo, en funcións, Rafael Catalá, dos que lamentaron que só lles ofreceron boas palabras pero dificultaron a investigación do sinistro. Os afectados amósanse á expectativa do que agora poidan facer realmente os socialistas, cuxo cambio de postura da súa anterior negativa ao apoio expreso facilitou tamén a creación dunha comisión de investigación política no Congreso que comezou a funcionar xusto antes do verán.
Ademais de coa plataforma de vítimas, o ministro Ábalos tamén se reuniu este martes coa outra asociación de afectados polo accidente (Apafas), inactiva nestes cinco anos no que se refire á investigación das causas do mesmo.