Desbloqueada por partida tripla. A transferencia das competencias sobre a autoestrada AP-9 a Galicia está en marcha no Congreso dos Deputados por tres vías distintas tras o cambio de signo do Goberno de España. Tras o reinicio do trámite das proposicións de lei formuladas por En Marea, que o Executivo do PSOE evitou paralizar apenas dúas semanas despois de chegar ao poder, o pasado 19 de xullo o Ministerio da Presidencia fixo oficial ante o Congreso un xiro de cento oitenta graos a respecto da petición no mesmo sentido que, por unanimidade, aprobou o Parlamento de Galicia: non hai veto.
Nun escrito dirixido á presidenta da Cámara Baixa o novo secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Antonio Montilla, ratificou a "conformidade" do Goberno de Pedro Sánchez coa tramitación da lei proposta dende o Parlamento de Galicia para executar ese traspaso de competencias á Xunta. A mudanza é absoluta porque o Goberno de Mariano Rajoy empregou este trámite para bloquear ata en tres ocasións a transferencia. Ese bloqueo do gabinete do PP estaba baseado en cálculos económicos erróneos e, ademais, supuña empregar de xeito inadecuado o precepto constitucional que permite ao Goberno central paralizar o trámite dunha lei se esta afecta aos Orzamentos do ano en curso. Estas manobras impediron que a lei puidese chegar a debaterse e, daquela, tornaba en imposible de feito a súa eventual aprobación.
O Ministerio da Presidencia vén de dar a súa "conformidade" a que sexa tramitada no Congreso a lei para a transferencia da AP-9, que o Goberno de Rajoy vetou tres veces baseándose en cálculos económicos erróneos
O Parlamento de Galicia tomou formalmente este martes coñecemento da mudanza, que se fixo oficial na Mesa do Congreso o pasado 4 de setembro. Ante a ausencia dun veto gobernamental non foi posible que PP e Ciudadanos, que suman maioría neste órgano, puidesen repetir a súa anterior estratexia para frear a lei galega. Así, Ana Pastor tivo que ter en conta o "novo criterio do Goberno a respecto da tramitación" da lei para transferir a AP-9 e "tomar coñecemento" del para "a súa inclusión nunha príóxima sesión plenaria". Nese seguinte trámite, non obstante, PP e Ciudadanos si poden manobrar para dilatar prazos.
O PSdeG sinala o "contraste" da "actitude" do gabinete de Sánchez co "obstrucionismo" de Rajoy e "empraza" a Feijóo a que "convenza os deputados do seu partido en Madrid" para que voten a prol
A constatación por escrito de que o veto á transferencia na AP-9 xa comezou a xerar reaccións en Galicia, a comezar polos propios socialistas. Así, o voceiro do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, "aplaude a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de desbloquear o debate da transferenica da AP-9". A xuízo de Leiceaga, a "actitude" do Executivo de Sánchez evidencia que "abre a porta á transferencia" e "contrasta" co "obstrucionismo" de Rajoy, que "conxuraba todos os seus esforzos en impedir a discusión de raíz" ante o risco de que chegase a ser aprobada.
Neste contexto, o PSdeG reitera o seu apoio ao traspaso e "empraza" o presidente da Xunta a "facer un esforzo para convencer os deputados do seu partido en Madrid para mudar a oposición radical a esta transferencia" e demostrar así que "pinta algo no seu partido". Alberto Núñez Feijóo, di o voceiro socialista, debera "demostrar que quere defender os intereses de Galicia e romper coa hipocrisía política" que, subliña, supón reclamar a transferencia dende o Parlamento galego pero bloqueala cando chega a Madrid. Os votos dos populares non serían, así e todo, imprescindibles para que a lei saíse aprobada do Congreso.