Mosquera acrecenta o lastre de Sanidade co seu enésimo conflito

Mosquera, este martes nun acto coa embaixadora de Suecia © Conchi Paz

Rocío Mosquera foi a única compoñente do Goberno galego que ficou fóra das listas coas que o PP concorreu ás eleccións autonómicas de 2012. A que fora nomeada conselleira de Sanidade tan só oito meses antes era a única conselleira que quedaría sen a blindaxe parlamentaria no caso de que os conservadores perdesen a maioría absoluta nas urnas. Esta circunstancia non se deu e a que fora xerente do Sergas e antes, dun hospital do grupo de Povisa, recuncou como titular de Sanidade na segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Dende o inicio dese segundo mandato Mosquera acumula xa no seu currículo un bo número de polémicas e non menos peticións de dimisión. A última controversia na que se atopa inmersa é a derivada da dimisión de sete membros da Comisión Galega de Bioética.

O motivo destas dimisións en bloque, que se engaden a dúas máis de hai poucos meses, é que os profesionais que compoñen o organismo coidan que non é "independente". Segundo recolleu La Voz de Galicia a pinga que rebordou o vaso foi a negativa da Consellería de Sanidade, que preside a comisión a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, a publicar un informe sobre "desigualdades na asistencia sanitaria", que vería a luz tras varios anos de recortes e protestas de doentes e persoal do propio Servizo Galego de Saúde.

A conselleira desbota dimitir tras a marcha de sete membros da Comisión de Bioética que denuncian a censura dun informe

Mentres o presidente da Xunta evita apoiar abertamente a xestión da titular dunha das consellerías cuxo funcionamento supervisa de maneira máis directa Mosquera aclara, en resposta á prensa, que entre os seus plans non figura dimitir "por este tema", que é "absolutamente interno e de organización interna". "A ver, pódese dimitir por moitas cousas e por moitas causas, pero cando os temas son de organización interan o que hai que facer é resolvelos", sinalou este martes, ao tempo que negaba a existencia de "censura política" a respecto do informe, o cal define como "absolutamente interno da Consellería" para evitar aclarar se finalmente será ou non público.

Outras polémicas

Mosquera négase en rotundo á dimisión por esta controversia como o vén facendo con outras ao longo dos últimos meses, caso por exemplo das recorrentes protestas políticas e veciñais en Lugo polo atraso na instalación dos servizos no Hospital Lucus Augusti, prometidos por Feijóo hai catro anos, en febreiro de 2011. Mentres a veciñanza lucense advirte de que as protestas contra a Consellería e a Xunta en xeral van "arreciar" durante o período electoral municipal a Deputación e o Concello de Lugo xa declararon a Mosquera "persoa non grata" nas últimas semanas. A conselleira, pola súa banda, indigna a propios e estraños teimando non só en xustificar o atraso dos últimos anos, senón tamén en negarse a que a unidade de hemodinámica deixe de atender infartos só en horarios de oficina.

Mosquera foi declarada "non grata" en Lugo polo atraso dos servizos do hospital

As últimas actuacións polémicas de Mosquera a respecto do HULA producíronse case ao mesmo tempo que noutros hospitais galegos, como os da Coruña ou Vigo, o persoal chegou a acudir á Fiscalía para esixir responsabilidades polo "colapso" dos servizos de urxencias. A conselleira, que inicialmente deu en pedir "desculpas" polos problemas na atención, atribuídos a un adianto do "pico" do virus da gripe, reduciunos a continuación a cuestións unicamente de "confort". Despois, asemade, acrecentou o malestar de profesionais e persoas enfermas ao culpar directamente os doentes dos colapsos. Segundo Mosquera, cumpría maior "responsabilidade" en quen acudiu ás Urxencias, obviando factores como os recortes de persoal dos últimos anos.

Feijóo mantivo a conselleira no seu cargo tras a polémica polo ascenso fraudulento do seu marido no CHUS

Ocultacións de datos de xestión e listas de espera, cifras récord de camas pechadas, a implantación polas bravas do novo modelo de xestión clínica, a sombra da priorización de criterios económicos á hora de dispensar medicamentos e, máis recentemente, o conflito cos doentes de Hepatite C que claman polos seus tratamentos, acumúlanse no apartado de frontes abertas para unha conselleira que tamén tivo sobre si acusacións de trato de favor. Foi, concretamente, no ascenso 'a dedo' do seu marido no Hospital Clínico de Santiago.

Despois de que, a comezos de 2014, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminase que o home da actual conselleira ascendera de maneira fraudulenta no CHUS cando Mosquera ocupaba a xerencia do Sergas xa choveron as peticións de dimisión. Segundo a sentenza, a "desviación de poder" fora clara e a "falta de motivación" no ascenso, "clamorosa". Segundo Feijóo, o acontecido daquela reducíase a unha cuestión "interna dun hospital" e o resto, a "opinións políticas". Así, o Sergas anunciou un "reforzo" da seguridade nos seus exames e a conselleira continuou no seu posto.

Mosquera, este martes nun acto coa embaixadora de Suecia © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.