A memoria histórica e a Xunta: só por orde do Estado e como "actividades culturais"

Monolito de lembranza ás vítimas do franquismo instalado na Illa de San Simón polo Goberno galego de PSdeG e BNG en 2006, Ano da Memoria CC-BY-NC-SA Praza.gal

Hai agora 18 anos, nos primeiros días de abril de 2006, a Xunta inaugurou na illa de San Simón o programa oficial de actos do Ano da Memoria. Cadrando co septuaxésimo aniversario do golpe de Estado, o Goberno galego dispúñase a lembrar as vítimas da represión franquista con actividades de homenaxe e investigación

As políticas públicas de memoria histórica activadas por primeira vez dende a Xunta co Goberno PSdeG-BNG foron cortadas de raíz tras o retorno do PP con Feijóo en 2009

Uns poucos meses despois da fin do fraguismo, a Consellería de Cultura, encabezada por Ánxela Bugallo (BNG), puxo en marcha unha iniciativa inédita na historia da Xunta. Mesmo antes de que o Goberno de España de José Luis Rodríguez Zapatero impulsase a declaración por lei do Ano da Memoria para todo o Estado. Alén daquel primeiro ano, baixo o mandato do Executivo de PSdeG e Bloque, a Xunta colaborou por primeira vez con entidades de recuperación da memoria histórica e financiou proxectos senlleiros como Nomes e Voces

Visita de estudantes á escavación dunha fosa de fusilados polos golpistas en Vilagarcía © Histagra/USC

Foi unha política pública de memoria histórica despregada dende cero e cortada de raíz cando o PP retornou á Xunta en 2009. Así, por exemplo, a de 2008 foi a derradeira convocatoria de axudas "a asociacións e institucións culturais para a realización de actividades relacionadas coa recuperación da memoria histórica", o financiamento público ao proxecto interuniversitario Nomes e Voces desapareceu e proxectos como a declaración de San Simón como Illa da Memoria foron cancelados.

Os sucesivos Executivos do PP ignoraron estas políticas ata que o actual Goberno de España impuxo obrigas económicas cos fondos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática para labores como a exhumación de vítimas do golpe e da ditadura

Ese freo por parte do gabinete encabezado por Alberto Núñez Feijóo ecoa nestes días en decisións doutros gobernos do PP que, agora da man da extrema dereita de Vox, dan en derrogar leis autonómicas da memoria histórica en lugares como Castilla y León, Aragón ou a Comunitat Valenciana. No caso galego esa derrogación é imposible porque nunca chegou a existir unha lei específica neste eido, o que non impediu que a relación dos sucesivos gobernos do PP coa recuperación da memoria histórica fose nula ata que o actual Goberno de España impuxo obrigas económicas ao abeiro do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 2021-24.

Mentres estaba a elaborarse a vixente Lei de Memoria Democrática, que actualizou e ampliou o alcance da Lei de Memoria Histórica de 2007, o Executivo que preside Pedro Sánchez comezou en 2021 a cumprir co compromiso de transferir cartos ás comunidades autónomas para financiar a exhumación de vítimas do golpe e da ditadura cuxos restos permanecen guindados en fosas comúns. No caso galego, as tres entregas de fondos xa realizadas suman case 320.000 euros que a Xunta está dedicando aos fins que corresponde, pero cun baixísimo perfil público que reduce a implicación política e simbólica do Goberno galego á mínima expresión. 

Traballos de exhumación de vítimas da ditadura coordinados polo grupo Histagra, nunha das fosas incluídas no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática © Histagra / USC

A ausencia de políticas públicas de memoria histórica por parte da Xunta seguirá invariable na nova lexislatura, atendendo ás consideracións realizadas este mesmo martes ante a prensa por parte de Rueda. Ao ser preguntado polas derrogacións de leis na materia por membros do seu partido, o titular da Xunta afirmou que cre "suficiente" a "normativa que agora mesmo está en vigor", polo que no ve preciso "ningún tipo de iniciativa".

O traballo do grupo Histagra da USC

A Xunta opta polo perfil baixo e desaparece politicamente dos traballos, encomendados mediante convenios á USC, onde o persoal do grupo Histagra asume todas as tarefas e tamén divulga a memoria das vítimas en diversos ámbitos

As devanditas tres achegas estatais para as exhumacións foron integradas nos orzamentos da Xunta dentro da partida de Actividades de promoción e difusión cultural, dada a ausencia dunha área específica de memoria histórica tanto na Consellería de Cultura como en calquera das demais. A continuación, asinou senllos convenios coa Universidade de Santiago para transferirlle a totalidade dos fondos e encomendar integramente as tarefas ao grupo Histagra, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, que xa estivera á fronte de Nomes e Voces.

Da man do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), do Grupo de Medicina Xenómica ou do Instituto Luis Concheiro de Ciencias Forenses da propia USC, o grupo Histagra vén asumindo todos os labores mentres a Xunta desaparece da escena unha vez asinado o convenio. A este grupo de persoas expertas corresponde dende a "coordinación de traballos de exhumación e atención a familiares e asociacións par a recollida de datos, documentos e mostras forenses" ata a actualización de datos, intervencións arqueolóxicas e difusión pública dos traballos.

Inicio dos traballos de procura do restos das vítimas soterradas na fosa do cemiterio naronés do Val © Memoria Histórica Democrática

O último convenio, correspondente a 2023, foi asinado "telematicamente" polo vicepresidente Diego Calvo e polo conselleiro Román Rodríguez en agosto do pasado ano por importe de 102.511,04 euros, sen que ningún dos dirixentes acudise a acto público ningún ao respecto nin supervisase os traballos en persoa. 

Entre os labores encomendados ao grupo Histagra estaba a "localización, exhumación e identificación" en fosas situadas en Viana do Bolo, Oza-Cesuras e Narón. Tamén a "dignificación" de espazos de fosas comúns de persoas represaliadas en Celanova, Vilagarcía, Lousame e Crecente, así como a divulgación de varios estudos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.