Congreso e Senado instan a evitar paralizacións irregulares de obras como as que atrasaron o AVE galego en 2016 e 2017

Rajoy e a daquela ministra de Fomento Ana Pastor nunha visita ao treito Prado-Porto do AVE galego, un dos afectados polas irregularidades detectadas polo Tribunal de Cuentas Dominio Público La Moncloa

Dous anos despois de que o Tribunal de Contas emitise un informe moi crítico coa mala xestión da alta velocidade durante o Goberno de Rajoy as Cortes piden agora a Adif diversas melloras

Dous anos despois de que o Tribunal de Contas emitise un informe moi crítico, avanzado por Praza.gal, con diversas irregularidades cometidas en 2016 e 2017 nas obras da alta velocidade galega, o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou este mércores unha resolución conxunta de Congreso e Senado asumindo o contido do documento e instando ao Goberno de España e Adif a acometer diversas melloras nos seus sistemas de xestión das obras pública e evitar que se repitan aquelas situacións.

Fragmentos do informe do Tribunal de Cuentas sobre unha imaxe das obras do AVE na provincia de Ourense CC-BY-NC-SA Praza Pública

O informe do ente fiscalizador emitido hai dous anos analizou diversas actuacións de Adif en todo o Estado entre 2014 e 2017, co PP á fronte do Goberno central e con Ana Pastor como ministra de Fomento. No caso do AVE galego a fiscalización sinalou que se autorizaron diversas suspensións de obras por diversos motivos nalgún caso de xeito “contrario ao disposto na lei”, de xeito “incoherente”, por “inadecuada planificación”, por “falta de coordinación entre administracións” e mesmo pagando posteriormente “actuacións executadas sen cobertura contractual”. 

Adif suspendeu obras de forma parcial en varias ocasións, pero chegou a facelo tamén de forma total en varios treitos por períodos que oscilaron entre os cinco e os oito meses entre decembro de 2015 e agosto de 2017

Dos 18 contratos suspendidos naquel momento nas obras de conexión de Galicia coa Meseta, o Tribunal de Cuentas decidiu fiscalizar 11, dos que a principal causa de paralización debeuse, en seis casos, á “modificación do proxecto inicial”. Adif suspendeu as obras de forma parcial neses treitos en varias ocasións, pero chegou a facelo tamén de forma total por períodos que oscilaron entre os cinco e os oito meses entre decembro de 2015 e agosto de 2017. Para xustificar as súas decisión Adif argumentou desde imprevistos na calidade xeolóxica do terreo ata o impacto das choivas, pero o Tribunal de Cuentas desmontou boa parte das súas explicacións. 

Agora a Comisión Mixta de Congreso e Senado para as relacións co Tribunal de Cuentas decide “asumir o contido” do informe do ente fiscalizador “así como as súas conclusións e recomendacións”. E insta a Adif e o Goberno de España a que pechen o antes posible un contrato-programa que garanta o financiamento dos investimentos en infraestruturas e “unha planificación máis realista”, que regulen mellor os prazos de suspensión de obras cando sexan necesarios e que haxa unha "mellor coordinación" entre administracións na redacción de proxectos de obras.

Ana Pastor alegou no seu momento ao Tribunal de Cuentas que non podía explicar as irregularidades porque pasara moito tempo e non tiña a documentación e culpou ao seu predecesor, José Blanco, pero o informe de fiscalización desbotou os seus argumentos

Cando hai dous anos Praza.gal avanzou o informe do Tribunal de Cuentas o PSdeG pediu explicacións pola paralización das obras, ao que Feijóo respondeu considerándoo unha “desfachatez” e rebaixando a importancia das irregularidades porque os atrasos xa eran coñecidos. Malia esa postura, a Xunta non parou de criticar atrasos ata o mesmo momento da inauguración da liña hai agora un mes.

Pola súa banda a ex-ministra Pastor alegou que a parálise das obras no seu mandato fora unha herdanza da época do seu predecesor José Blanco, que o negou. Cando finalmente o informe foi debatido por Congreso e Senado, a presidenta do Tribunal de Cuentas salientou que ademais dos custos económicos as irregularidades supuxeron “un custo social, que é a falta de posta a disposición dos cidadáns dun servizo público para o que se estableceu unha data”.

Carta de alegacións de Ana Pastor ao informe do Tribunal de Cuentas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.