O PSdeG pide explicacións pola paralización irregular do AVE co PP e Feijóo considérao unha "desfachatez"

Feijóo nunha visita ás obras do AVE coa daquela ministra Ana Pastor CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente lembra que os socialistas xa coñecían e asumiran os atrasos de 2016 e 2017 pero evita valorar as irregularidades agora desveladas polo Tribunal de Cuentas do xeito en que se pararon as obras

Tras adiantar este mércores Praza.gal o informe no que o Tribunal de Cuentas sinala numerosas irregularidades no xeito en que Adif paralizou en 2016 e 2017 varias obras do AVE galego, diversas voces socialistas reclamaron este xoves aos populares, nomeadamente ao presidente Feijóo, explicacións por aqueles feitos. En particular, os socialistas contrapuxeron aquela paralización de obras durante os mandatos dos ministros populares Ana Pastor e Íñigo de la Serna co ritmo elevado dos últimos traballos que está a acometer agora Adif e coas críticas que está a lanzar a Xunta pola imposibilidade do Goberno central de dar unha data concreta de posta en servizo mentres non se realicen as probas de seguridade.

Feijóo e Ábalos cando o socialista asumiu en 2018 os prazos do PP que adiaban a 2020 a entrada en servizo do AVE tras as paralizacións de obras agora criticadas polo Tribunal de Contas Dominio Público Xunta de Galicia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou que Feijóo dea explicacións no Parlamento sobre a paralización de obras durante os gobernos do PP, e similares explicacións esixiu o delegado do Goberno central, Javier Losada, quen lamentou a “confrontación” da Xunta cos prazos do AVE, cuxas obras están xa na súa recta final.

Porén, preguntado sobre esa cuestión o presidente da Xunta evitou este xoves valorar as irregularidades agora detectadas polo Tribunal de Cuentas no xeito en que Adif paralizou as obras durante o Goberno do PP. Feijóo centrouse en lembrar que as paralizacións en si de diversos treitos, sen entrar no xeito en que se autorizaron, xa eran coñecidas porque as admitira o propio ministro De la Serna para adiar de 2018 a 2020 o prazo de entrada en servizo do AVE prometido previamente por Pastor. Ese novo prazo foi asumido no seu momento polo actual ministro socialista de Fomento, José Luis Ábalos, polo que Feijóo cualificou este xoves de “desfachatez” que o PSdeG, ao seu ver, xustifique os posibles atrasos actuais con aquelas paralizacións de hai tres ou catro anos. 

Por outra banda, este xoves un portavoz da oficina de representación da Comisión Europea en España insistiu en que o prazo de finalización do AVE a Galicia a efectos dos organismos comunitarios é 2022, data que Adif di que lle facilitou a Bruxelas con marxe a respecto das súas propias previsións para evitar perder fondos europeos ante un posible atraso. Porén, o portavoz comunitario engadiu que, á marxe desa data oficial, ese tipo de grandes proxectos poden atrasarse ou construírse máis rápido. 

Fragmentos do informe do Tribunal de Cuentas sobre unha imaxe das obras do AVE na provincia de Ourense en decembro de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.