O PP evita que Feijóo compareza na comisión sobre incendios do Parlamento

A conselleira Ángeles Vázquez e Tomás Fernández-Couto © Xunta

Non estarán nin o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin o vicepresidente, Alfonso Rueda. Si intervirá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, ademais de máis de 60 comparecentes máis. A comisión parlamentaria de estudo sobre os incendios aprobou non sen polémica o seu plan de traballo e os seus integrantes, co apoio en solitario do PP, que accedeu a incorporar algunhas propostas da oposición pero que deixou fóra varios dos expertos recomendados e o xefe do Executivo, o que provocou as protostas de En Marea, PSdeG e BNG, que ven "coxa" a devandita comisión.  

PSdeG e BNG solicitaron a comparecencia de Feijóo, Rueda e Beatriz Mato, pero o PP negou todas elas

Será Ángeles Vázquez a única conselleira do Goberno que participe dunha comisión creada logo da tráxica vaga de incendios que arrasou 49.000 hectáreas e catro vidas en outubro e na que o PP non accedeu a que estivesen Feijóo, Rueda ou a responsable de Medio Ambiente, Beatriz Mato, tal e como reclamaran PSdeG e BNG. Non o fixo En Marea, que insitiu no seu interese nun cónclave baseado en técnicos. "A nosa intención era que na comisión falasen expertos, non xente que xa demostrou a súa incompetencia", aclarou o seu portavoz, Luís Villares. 

Con todo, o PP sumou comparecentes reclamados pola oposición, como o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, proposto por PSdeG e BNG e que leva anos investigando as causas e motivacións dos incendios; o delegado do Goberno central, Santiago Villanueva, tamén proposto por socialistas e nacionalistas; Inés Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio e proposición de En Marea; ou Edelmiro López Iglesias (reclamado por todos os grupos da oposición), profesor da USC, ex-director xeral de Desenvolvemento Rural co bipartito e único investigador europeo non portugués que o país veciño incluíu na comisión avaliadora dos graves incendios do verán en Pedrógão Grande.

O PP aceptou as comparecencias do fiscal Álvaro García Ortiz, do delegado do Goberno central ou de expertos como Edelmiro López

Tamén aceptou o PP a incorporación de representantes de varios concellos gravemente afectados polo lume, dos sindicatos, de Promagal ou da Comunidade de Montes Veciñais, todos eles a proposta de varios grupos. Ademais, tamén se engadiu o ex-director xeral de Montes co bipartito, Alberte Blanco, ou ENCE, a proposta do BNG; así como o Foro Económico de Galicia, a petición do PSdeG. En total, entre todos os grupos propoñíanse 169 intervencións diferentes, que quedarán en 65. Tamén estará Tomás Fernández-Couto, actual director xeral de Ordenación Forestal, imputado pola adxudicación de helicópteros contra incendios. Non falarán, pola contra, os colectivos en defensa da unificación e aumento do servizo público de extinción, como Apropiga ou Atrifoga. 

Das 169 intervencións diferentes propostas polos grupos, finalmente levaranse a cabo 65

O PP aceptou tamén incorporar máis de trinta informes demandados pola oposición como o que analiza as perdas provocadas polo lume, as medidas contra a erosión, as axudas públicas para cortalumes e rozas, a incidencia do cambio climático, o plan forestal, os medios dispoñibles contra o fogo en 2017, a investigación sobre incendiarios e detencións na última década ou o impacto paisaxístico. 

Sesión da Xunta de Portavoces que aprobou a comisión de estudo sobre os incendios de outubro / © Parlamento de Galicia

Desde En Marea, Luís Villares reprochou "numerosas deficiencias" tanto no que ten ver cos informes como coas comparecencias, e queixouse pola fala de participación cidadá. Ademais, lamentou que os populares non aceptasen os "perfís técnicos" solicitados polo seu grupo e logo de incidir neste tipo e non nos membros do Goberno galego. "O PP non quere escoitar os especialistas en territorio, nin tampouco os traballadores que participaron no operativo de extinción da vaga de lumes de outubro", queixouse o portavoz, que considerou "frustrante" que se negase a presenza de expertos na ordenación do territorio. 

O PSdeG censura que se negue a presenza de membros do ámbito xudicial cando o PP defende a tese do "terrorismo incendiario"

Pola súa banda, o deputado socialista José Quiroga considera "taras" queu nin Feijóo, nin Mato nin Rueda comparezan, polo que cre que o plan de traballo queda "coxo". Ademais, o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou o PP de "devaluar" a presenza da Xunta "ata exremos que non parecen xustificables". E destacou a ausencia de membros do ámbito xudicial tendo en conta que a Xunta e o partido que a sustenta defende "a tese" de que a vaga de lume foi debido ao "terrorismo incendiario". "É necesario contrastar se é así ou non", engadiu. 

O parlamentario do BNG, Xosé Luís Rivas, Mini, tamén considera que ás comparecencias "fáltanlles máis de dúas patas" xa que, ao seu entender, "debe estar o presidente da Xunta" e "o vicepresidente" nunha lista na que "faltan nomes", algo que considera "inxustificable". 

O BNG cre que ás comparecencias "fáltanlles máis de dúas patas" ao non estar nin Feijóo nin Rueda

O PPdeG, pola contra, cre que "o único punto de discrepancia é o vicepresidente", polo que retou a oposición a que diga se o seu obxectivo na comisión "é darlle aos membros do goberno". Así, o deputado José González pediulle explicacións a En Marea por non apoiar o plan de traballo malia teren incorporado os populares a maioría de expertos que propuña. Finalmente, destacou que esta comisión sobre os lumes terá "máis comparecencias e informes que a de 2006", así como "máis a petición da oposición".

 

Máis comparecentes

A lista de comparecentes, ademais dos xa citados, complétase cos directores xerais de Desenvolvemento Rural, Patrimonio Natural e Emerxencias e Interior; os alcaldes de Ribeira, Folgoso do Courel, Oímbra, Soutomaior, Nigrán, As Neves, Carballeda de Avia e Cervantes; ou profesores universitarios como Augusto Pérez Alberti, Rubén Lois e Alberto Martí Ezpeleta, e membros do Grupo Colmeiro, entre outros. 

Tamén intervirán o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; o director da Rede de Parques Naturais de Galicia; ou axente forestal Manuel Gómez Trabada; e expertos como o catedrático de Silvicultura da USC, Roque Rodríguez Soalleiro; o profesor da USC Agustín Merino García; o catedrático de Dereito Civil da UDC, José Manuel Busto; o catedrático de Produción Vexetal Antonio Rigueiro e un representante do grupo de docentes universitarios asinantes que asinaron o manifesto Por unha nova política para o rural galego.

Fernández-Couto, Feijóo e Rajoy, nunha visita á zona afectada polos incendios Dominio Público La Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.