Residencias de 2024, atención dos 90: 37 traballadoras para cen anciáns nos centros doados por Amancio Ortega

O presidente Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Marcote, ao fondo, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta ratifícase na súa decisión de deixar en mans do mercado a planificación e dotación de residencias públicas e rexeita o novo modelo estatal tras a pandemia que eleva a rateo de persoal: "Ao votar en contra, Galicia non ten que aplicalo"

As dúas novas residencias de maiores da Xunta doadas pola Fundación Amancio Ortega en Santiago e Lugo terán 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes, só dúas máis que o mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996. En 2022, tras a pandemia da COVID, o Goberno de España, comunidades autónomas e entidades do sector acordaron novas referencias mínimas de persoal máis elevadas a nivel estatal, pero a Xunta rexeitounas e a Consellería de Política Social ratifica agora que "ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo". Ratifícase así o Goberno galego na súa decisión de deixar en mans do mercado sucesivas fases de planificación e dotación de residencias públicas en Galicia.

Os gobernos de Feijóo e Rueda renunciaron durante 15 anos a impulsar novas residencias públicas, con aperturas testemuñais como un centro de 46 prazas en Cerdedo inaugurado hai un ano. Tivo que ser a iniciativa privada, a través da Fundación Amancio Ortega, a que lanzase a construción, para despois doalas, de sete grandes residencias nas sete cidades galegas, as de Vigo e A Coruña de 150 prazas e as outras cinco de 120 prazas. 900 novas prazas públicas que suporán aumentar en máis dun 20% as actuais 4.000 prazas existentes en centros da Xunta ou do Consorcio de Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos. 

As novas residencias, grazas novamente á iniciativa privada da Fundación Amancio Ortega, contan cos máis avanzados estándares de deseño, comodidade e funcionalidade para os fins para os que están pensadas. Pero unha vez recibidos xa como públicos eses novos edificios a Xunta decidiu que o mercado siga sendo determinante ao sacar a concurso a súa xestión en lugar de asumila con persoal propio, como fai con outras residencias e centros de maiores de todo tipo. E estableceu, ademais, que a dotación de persoal siga a rexerse por rateos dos anos 90 do pasado século. 

Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

As novas residencias públicas foron iniciativa privada, da Fundación Amancio Ortega, e a súa dotación foi deixada tamén en mans do mercado, xa que a Xunta limitouse a fixar o mínimo legal de persoal sen elevar as esixencias

O concurso convocado para xestionar as dúas novas residencias, as de Santiago e Lugo, fixou como persoal mínimo o contemplado na aínda vixente Orde do 18 de abril de 1996 sobre as condicións dos centros de atención a persoas maiores, que estableceu unha rateo de 0,35 -isto é, 35 traballadoras por cada 100 persoas residentes- en centros ou módulos de persoas dependentes, para o que se ten en conta a "atención directa" realizada "tanto por persoal xerocultor como sanitario". As posibles melloras por riba desa cifra quedaron en mans do que puidesen propoñer os licitadores, e cun sistema de puntuación que destinaba a ese eido só 15 dos 100 puntos totais do concurso, no que a oferta económica, finalmente determinante, supuxo 40 puntos. Ademais, o sistema de puntuación xa non tiña en conta ningunha mellora ofertada por riba dunha rateo de 0,45.

O resultado foi que as tres fundacións concursantes ofertaron melloras mínimas, con rateos de 0,37 e 0,39, e finalmente a oferta mellor valorada no global do concurso, a da Fundación Fesan grazas a reducir un 11,85% o custo das prazas, contempla a rateo de 0,37, isto é, 37 traballadoras por cada 100 residentes.

Pero fronte a esa cifra froito dunha normativa dos anos 90 e de deixar posibles melloras en mans do mercado, a nivel estatal as referencias xa son outras. En 2022 o Goberno de España e as comunidades autónomas negociaron unha actualización no marco do Consello Territorial de Servizos Sociais. O documento finalmente acordado, con todo tipo de melloras no eido da atención a maiores e dependentes, contou co respaldo de entidades do sector, pero del desmarcáronse varias comunidades, entre elas Galicia. 

O documento de 2022 fixou unha folla de ruta de rateos en progresivo incremento durante os próximos anos, establecendo a 31 de decembro de 2023 e para residencias de persoas con discapacidade, como é o caso das dúas novas da Xunta, unha cifra de 0,42 para persoal coidador, xerocultor ou similar e de 0,50 para "persoal de atención directa conxunta".

Rateos de persoal acordadas en 2022 polo Estado e as comunidades, documento do que se desmarcou a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Ante esta situación, Praza.gal preguntou á Consellería de Política Social por que aplicou para as novas residencias a rateo mínima de 1996 e non a de 2022, ante o que ese departamento contesta lembrando que "Galicia votou en contra do modelo de coidados proposto polo Goberno central" co argumento de que suporía pechar moitos centros "especialmente no rural". "Ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo", engade Política Social, que asegura que "as rateos de persoal por usuario en Galicia son axeitadas para unha excelente atención ao ser unha das máis altas de España". 

Política Social rexeita comentar a súa decisión de limitar a só 15 puntos a valoración da rateo de persoal no global do concurso e o feito de que posibles melloras por riba do 0,45 xa non terían ningún premio para as entidades que as ofertasen. 

Política Social non é quen de concretar a normativa ou planificación que regula o "novo modelo de residencias" que prometeu máis alá de seis folios que enviou hai un par de anos ao Parlamento

Este diario tamén preguntou á consellería por onde se pode consultar o "novo modelo de residencias" que anunciou reiteradamente que estaba a deseñar. Política Social limítase a dicir que "o novo modelo de coidados foi presentado no Parlamento e está baseado en catro piares: a humanización das residencias; o emprego das novas tecnoloxías para mellorar a atención e facilitar o traballo dos profesionais dos centros; o avance da coordinación sociosanitaria e melloras arquitectónicas". Pero non di en que normativa ou planificación se concreta. 

A resposta sobre o novo modelo de residencias agora obtida é similar á transmitida ao Parlamento, frases xerais sen un sustento documental detrás. De feito, hai dous anos Praza.gal contou que o comité de expertos que supostamente asesorou á Xunta para ese novo modelo non levantou actas das súas reunións. E toda a documentación supostamente empregada para facer o seu traballo foron seis folios de contido similar ás notas de prensa sobre a cuestión que viña divulgando a Xunta. 

Documentación remitida pola Xunta ao Parlamento sobre o seu novo modelo de residencias

Agora, á espera de posibles cambios legais, o concurso para xestionar as dúas primeiras grandes residencias de que se dota a Xunta tras a pandemia grazas á iniciativa privada constata que a referencia normativa segue a ser a de 1996.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.