Sánchez concede de novo a Reganosa permiso ambiental ano e medio despois de que o Supremo anulase o que lle dera Rajoy

Instalacións de Reganosa en Mugardos CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A planta de gas, que opera desde 2007, avanza na súa legalización tras as cinco sentenzas que recibiu do alto tribunal anulando diversas autorizacións previas

A planta de gas de Reganosa en Mugardos avanza na súa legalización trece anos despois de que comezase a operar en 2007 e tras cinco sentenzas do Tribunal Supremo que nos últimos anos foron anulando autorizacións previas en diversos eidos. O 22 de decembro o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou a declaración de impacto ambiental da instalación asinada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica despois de que hai ano e medio o Supremo anulase a decisión do goberno en funcións de Mariano Rajoy de eximila en 2016 dunha avaliación completa do seu impacto para así acelerar a súa legalización.

Gaseiro nas proximidades de Mugardos, en dirección a Reganosa CC-BY-SA Susete

Ademais do permiso ambiental, o Supremo tamén anulara en dúas sentenzas de 2016 a autorización previa que a planta obtivera en 2003 e o proxecto de execución aprobado en 2004

A autorización ambiental que agora recibe a planta vén derivada das dúas sentenzas coas que o Tribunal Supremo anulou en marzo e abril de 2016 respectivamente a autorización administrativa previa que obtivera en 2003 e a aprobación do proxecto de execución que lograra en 2004. Poucas semanas despois desas dúas sentenzas do Supremo, en maio de 2016 o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentaba acelerar a legalización da planta eximíndoa de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver a obter aquelas dúas autorizacións que viña de anular o alto tribunal.

Pero aquela legalización acelerada tamén sería anulada polo Tribunal Supremo noutra sentenza en xullo de 2019 coa que desbotou o argumento empregado polo Executivo de que podía saltar a avaliación ambiental porque se atopaba ante unha situación “de imposible previsión”. O Supremo sentenciou que os propios procesos xudiciais que remataron coas sentenzas anulatorias eran proba de que a ilegalidade da planta non era unha situación “extraordinaria e de imposible previsión” para o Goberno.

Tras esa sentenza de xullo de 2019 anulando a legalización acelerada de Rajoy, apenas un mes despois o Goberno de Pedro Sánchez iniciou a tramitación das solicitudes da empresa de autorización administrativa previa, aprobación do proxecto de execución e avaliación de impacto ambiental ordinaria, os tres trámites que o Supremo anulara respectivamente en marzo e abril de 2016 e xullo de 2019. Agora, 16 meses despois, o Goberno central remata o proceso de avaliación ambiental e outorga á empresa a declaración de impacto ambiental. 

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete

O supremo tamén anulou en 2012 a modificación do plan de urbanismo que permitiu a implantación de Reganosa nese emprezamento e en 2016 o plan de emerxencias aprobado pola Xunta, que é socia da empresa

Ademais desas tres sentenzas do Supremo ás que agora comeza a dar resposta o Goberno central cos trámites para legalizar a planta, ese mesmo tribunal tamén anulou decisións do Goberno galego que favoreceron unha instalación da que é socia a propia Xunta e que Feijóo mesmo chegou a publicitar nun vídeo propagandístico da compañía. En 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos aprobada en 2003 que facilitou a implantación física da planta no interior da ría de Ferrol. E en 2016 anulou tamén o plan de emerxencias da instalación aprobado igualmente polo Goberno galego. 

Fronte a esa última anulación, a Xunta argumenta na declaración de impacto ambiental agora feita pública que a planta xa conta novamente cun plan aprobado conxuntamente para a regasificadora e para as veciñas instalacións de Forestal del Atlántico como Plan de Emerxencia Exterior de Punta Promontoiro.

A de Mugardos é a máis pequena das seis plantas de regasificación existentes no Estado e conta coa Xunta como socia

A de Reganosa en Mugardos é a máis pequena das seis plantas de regasificación existentes no Estado e foi impulsada polo grupo empresarial Tojeiro (propietario de Gadisa e Forestal del Atlántico) co apoio do Goberno galego daquela presidido por Manuel Fraga. Xunto coas críticas dos veciños e ecoloxistas polo seu emprazamento no interior da ría de Ferrol (por cuxa estreita bocana deben pasar os barcos gaseiros que a abastecen, o que consideran un risco engadido á súa proximidade ás vivendas) tamén está en dúbida a súa propia eficiencia polo seu escaso uso ao longo do ano, segundo vén salientando a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.