8M: Unha folga para transformar a vida das mulleres

Chamamento ao paro feminista o 8 de marzo de 2017 CC-BY-SA Gz Contrainfo

O vindeiro xoves 8 de marzo o movemento feminista convocou unha folga xeral de mulleres, á que os sindicatos deron cobertura legal, rexistrando convocatorias de 24 horas (CUT, SLG, CGT, CNT ou Intersindical -na que se integra, por exemplo, o STEG-) ou de 2 horas por quenda (entre as doce da noite e ás 2 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas) por parte dos tres sindicatos maioritarios en Galicia, UGT, CCOO e CIG. Unha folga internacional e pioneira, que busca denunciar as discriminacións e desigualdades que sofren a mulleres en distintos ámbitos da vida, dende o laboral ao consumo, pasando polos traballos de coidados, un peso que queda reservado a elas.

Algunhas das centrais sindicais convocaron concentracións pola súa conta para a mañá do xoves, pero todas fixeron un chamamento a participar pola tarde nas mobilizacións unitarias convocadas polas plataformas feministas. De igual xeitos todas as entidades apoian a manifestación convocada este domingo en Vigo.

Lembran a "dupla ou tripla" xornada laboral que unha boa parte das mulleres deben encadear: o traballo remunerado e o traballo non remunerado, de coidados

Hai moitas razóns que xustifican a convocatoria da folga, pero os sindicatos destacan especialmente a fenda salarial, a maior precariedade que sofren as mulleres, as dificultades para a conciliación da vida laboral coa familiar (que sofren sobre todo as mulleres) e as situacións de acoso sexual e agresións machistas nos espazos de traballo. Tamén chaman a atención sobre as situacións particularmente difíciles que deben atravesar as traballadoras de ámbitos especialmente feminizados, coma as empregadas do fogar ou dos servizos de limpeza. E lembran a "dupla ou tripla" xornada laboral que unha boa parte das mulleres deben encadear: o traballo remunerado e o traballo non remunerado, de coidados. "Non interesa cuantificar o traballo non remunerado que fan as mulleres, moitos millóns de euros que están a perder. Teríamos que falar de que as mulleres están a suplir moitos servizos básicos que tería que dar o Estado", afirma Mónica Rodríguez (UGT).

Fan fincapé no proceso de "visibilización" e debate social que xa se está dando ao redor de moitos dos temas denunciados

Subliñan que esta se trata dunha folga "distinta", que non se pode medir cos parámetros doutras. E fan fincapé no proceso de "visibilización" e debate social que xa se está dando ao redor de moitos dos temas denunciados. "A propia convocatoria serve para ser conscientes de que mudar esta realidade depende de nós, e de que se pode deixar de conmemorar o 8 de marzo como unha data festiva e lúdica (que tamén pode selo), pois é unha data de combate", sinala Margarida Corral (CIG). "É unha oportunidade para que toda a sociedade reflexione", concorda Mamen Sabio (CC.OO.). Todas falan, ademais, de que pode supor un "punto de inflexión" na sociedade e tamén nos propios sindicatos. "Estamos a transformar a propia ferramenta da folga", opina Ana Viqueira (CUT).

E todos os sindicatos responden ás críticas lanzadas por PP e Ciudadanos contra a convocatoria da folga. Se hai uns días Miguel Tellado (PP) cualificaba o paro de "elitista" e outras voces do descualificaban como "politizado" ou "ideolóxico", Ana Viqueira (CUT) sinala que "se critican seguramente quere dicir que o estamos facendo ben" e engade que "todos estes intentos por torpedear a folga, creo que tamén amosan que isto non é só unha cuestión festiva e simbólica, senón que realmente ten un poder efectivo e un impacto social".

Todos os sindicatos responden ás críticas lanzadas por PP e Ciudadanos contra a convocatoria da folga

"Non é ideolóxico recortar os dereitos de conciliación ou conxelar as pensións? Iso tamén é ideoloxía. Os gobernos do PP levan moitos anos recortando os dereitos das mulleres", di pola súa banda Margarida Corral (CIG). E de igual xeito Mónica Rodríguez (UGT) conclúe: "As políticas aplicadas nos últimos anos, modificacións lexislativas e recortes orzamentarios provocaron retrocesos. É o momento de dar un golpe na mesa e dicir 'ata aquí'". "É unha cuestión económica: non interesa que se falen destes temas. Xa dixo Rajoy 'No nos metamos en eso', pois nós si que nos metemos niso", engade Mamen Sabio (CC.OO.).

 

Cartel da manifestación deste domingo e da folga do 8M © galegas8m

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.