E xa van 13. Neste do 17 de agosto, o persoal da CRTVG volve reivindicar "medios públicos ao servizo da sociedade" e o "cumprimento íntegro da Lei de Medios" para que "prenda a luz" na radio e televisión públicas. É outro venres negro no que traballadores e traballadoras volveron vestir de loito e no que quentan xa motores para a gran manifestación á que os comités de empresa desa casa e de RTVE convocaron a todos os profesionais e á sociedade galega para o vindeiro 8 de setembro en Compostela.
Persoal da CRTVG protesta no 13º venres negro e prepara xa a gran manifestación do 8 de setembro en Compostela
A deste venres é a décimo terceira protesta en negro dunha serie que comezou a finais de maio seguindo o ronsel das mobilizacións, precisamente, do persoal de RTVE que esixía o desbloqueo do proceso parlamentario para renovar a cúpula da corporación estatal por concurso público. A protesta na CRTVG colleu pulo, gañou adeptos e difusión e tivo o seu punto de inflexión a mediados de xuño, cando os presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida, anunciaron a súa renuncia a continuar conducindo o espazo en protesta polo control informativo. Pouco despois, o apercibimento e posterior ameaza de despedimento a Moyano, que evidenciou a protesta contra o uso partidista dos informativos públicos no transcurso dunha gala benéfica que presentaba, con Alberto Núñez Feijóo entre o público, acabou por amplificar unha reivindicación que non se detén.
Nin o período vacacional fixo decaer unha reivindicación desdeñada pola cúpula da CRTVG, cuxo director xeral negou que participar nela fose un exercicio de "valentía". Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en desligarse dela e dos seus motivos --"eu non dirixo a TVG", resolveu--. Pero en San Marcos e San Caetano non se disimula a incomodidade polo movemento Defende a Galega, que vai superando todos os atrancos políticos, sociais e mediáticos, non sen dificultades pero con determinación.
Os comités da CRTVG e da RTVE-Galicia convocan o persoal e a sociedade á manifestación "pola dignidade dos medios públicos"
Volveron as vestimentas negras e a difusión de imaxes de traballadores e traballadoras de loito e con carteis reivindicativos, tamén das caras máis coñecidas da TVG e da Radio Galega. Ademais, desta vez, o comité intercentros da CRTVG e o comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) aproveitaron a data para participar na manifestación que convocan para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela "pola dignidade dos medios públicos de comunicación".
Persoal da CRTVG, de loito no 13º venres negro / Defende A Galega
Será un día histórico polo que supón unha manifestación de persoal dos medios públicos e da cidadanía á vez e por ser "a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre". Unha convocatoria que naceu, como explican os convocantes, "despois de que o persoal puxera en marcha --primeiro en CRTVE e despois na CRTVG-- os denominados venres negros en sinal de protesta pola situación que atravesan".
A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10.30 horas das instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12.30. O percorrido ata chegar á cidade coincide co último treito do Camiño de Santiago.
"É a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre"
Xa na praza das Praterías, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo, que suporá un antes e un despois para os medios de comunicación públicos de Galicia e en Galicia. Un antes e un despois.