Os montes de Ourense son os que máis arden no mapa imposible dos incendios do verán

Traballos de extinción en Chandrexa de Queixa © Brif Laza

No que vai de mes de agosto arderon en Galicia arredor de 4.000 hectáreas e o groso destes incendios concentráronse en montes da provincia de Ourense. É unha das conclusións que cabe tirar da información que a Consellería do Medio Rural forneceu durante as últimas semanas. Sumada á dos meses anteriores, incluída a que transcendeu durante o inverno e tras a vaga de lume de abril, permite concluír que no que vai de 2017 as hectáreas ardidas son arredor de 7.000, unha cifra que semella ser inferior á suma acadada na mesma altura do pasado ano, pero que a política informativa do Goberno torna necesariamente en incompleta, facendo imposible situar no mapa todos os incendios que se declaran e extinguen.

Os incendios revelados no que vai de ano suman unhas 7.000 hectáreas, pero o balance é necesariamente incompleto

Atendendo aos datos acumulados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), o país transita en agosto e ata finais de setembro polas semanas que habitualmente concentran maior número de incendios, un período de risco que adoita volver ás portas do outono. Así sucedeu, por exemplo, no pasado 2016, cando en apenas unha semana de setembro arderon unhas 7.000 hectáreas, un terzo de todo o ardido durante o ano e de novo con Ourense como principal campo de batalla para os equipos de extinción.

Partindo das devanditas carencias de información é posible trazar un mapa do lume dos meses de xullo e agosto, nos que Medio Rural ofreceu datos concretos de arredor dunha corentena de incendios forestais entre os que destaca como o maior ata o momento o de comezos deste mes en Verín, cunhas 1.400 hectáreas ardidas. Xinzo de Limia, Laza, Montederramo, Celanova, Vilariño de Conso ou Maside foron outros nomes de municipios ourensáns nun mapa de incendios no que esta semana destacan Monterrei -con 350 hectáreas ardidas, segundo os últimos datos-, Chandrexa de Queixa -300 hectáreas- e Castro Caldelas, cunhas 250 hectáreas.

Medio Rural admitiu que esta semana se produciron case 100 incendios en días dos que informou sobre apenas unha quincena deles

Así e todo, todos estes balances de datos resultan ser parciais non só polo feito de que equipos de extinción e concellos estean a revelar por medios propios algúns dos incendios dos que a Xunta non informa, senón tamén porque a propia conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén realizando en declaracións aos medios balances xerais nos que admite que os incendios declarados son moitos máis que os incluídos na información oficial que o seu departamento fornece á prensa e ao conxunto da cidadanía. Así, por exemplo, Vázquez admitiu esta semana os pasados 21 e 22 de agosto foron "os peores días do ano" en materia de loita contra o lume, con ata 200 alertas das que 98 se concretaron en incendios. Neses mesmos días a Xunta deu conta de apenas unha quincena de incendios.

As razóns que hai xa oito anos esgrimiu a Xunta para non informar sobre todos os incendios foron a necesidade de non xerar "alarma social" e a intención de evitar que os medios non publicasen os datos "tal e como se dan", argumentaran daquela. Este xeito de proceder contrasta co implantado durante a etapa do bipartito na Xunta, coa publicación de dous partes diarios con todos os incendios, pero tamén coa política informativa que desenvolven gobernos de territorios que se enfrontan a vagas de incendios cada verán, caso de Valencia ou de Castilla y León, onde o Executivo do PP informa cada día da temporada de alto risco de todos os incendios que se producen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.