"Estamos ante a máis grande oportunidade de Galicia na súa historia", exclamou Manuel Fraga. O 3 de decembro de 2003 o Goberno de España e a Xunta de Galicia organizaron dous actos oficiais para conmemoraren ao seu xeito o primeiro aniversario da catástrofe do Prestige. O primeiro celebrouse en Tordoia, onde o conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, colocaron "as primeras travesas" da futura variante de Queixas do Eixo Atlántico de alta velocidade. O segundo, no que ambos gobernos puxeran todos os focos, celebrouse en Teo. Alí Fraga e José María Aznar iniciaron simbolicamente as obras "dos subtreitos Padrón-Osebe e Portas-Vilagarcía" do AVE. En total, prometeran, quedaban comprometidos máis de 100 millóns de euros que eran a mellor mostra do cumprimento "en tempo récord" do Plan Galicia, a "política de feitos" fronte á "desgraza" da que "outros, descaradamente, pretenderon sacar vantaxe política".
Aquela xornada de solemnidades, completada coa xuntanza en Santiago do Real Padroado da Cidade -o organismo ligado ao Xacobeo non se volveu reunir dende aquel día- presidida por Aznar e Xoán Carlos I, servira como resumo da abundancia de promesas coas que os dous gobernos responderan ao naufraxo do petroleiro. A maior parte do prometido foran obras, moitas anunciadas o 24 de xaneiro daquel ano no Consello de Ministros celebrado na Casa do Concello da Coruña con Francisco Vázquez como anfitrión de Aznar, que lle concedeu ao rexedor a Cruz de Isabel La Católica nesa mesma sesión. De todos os grandes proxectos do publicitadísimo Plan Galicia só un foi rematado nun prazo próximo ao anunciado -aínda que con amplos sobrecustos e sombras de xestión-, o porto exterior da Coruña, mentres que o resto seguen a acumular demoras ou, simplemente, nunca pasaron do papel.
De todas as grandes obras prometidas no Plan Galicia só o porto exterior foi rematado nun prazo próximo ao anunciado, pero con notable sobrecusto
O Plan Galicia na súa versión estatal -a Xunta lanzara un paquete de obras de seu baixo o mesmo nome- fora aprobado no medio da crise máis profunda do longo mandato de Fraga, que tivera como máximo expoñente o cesamento de Xosé Cuíña e a súa remuda por Alberto Núñez Feijóo na Consellería de Política Territorial mentres, como resposta, o baltarismo ameazaba ao presidente da Xunta con deixalo en minoría no Parlamento. Neste tenso clima polítíco e coas mobilizacións a ferver na rúa ao berro de "nunca máis" Aznar engadira dende María Pita unha morea de promesas ao reiterado anuncio do AVE a Madrid para 2010, ano sinalado por Feijóo no verán de 2003.
Entre as infraestruturas anunciadas que nunca saíron do papel destaca o "corredor ferroviario do AVE do Cantábrico" dende Ferrol ata Bilbao
Entre as obras prometidas das que nunca máis se soubo destaca o que fora anunciado como "corredor ferroviario do AVE do Cantábrico", un tren de alta velocidade "Ferrol-Asturias-Cantabria-Bilbao" ao que se engadirían outras dúas liñas de AVE, unha de Ponferrada a Monforte e outra de Lugo á Coruña, e mais dúas autovías: Chantada-Monforte e Pontevedra-A Cañiza (esta última, nunha versión reformulada, avanza aos poucos aínda na actualidade como a futura A-57). Once meses despois do Consello do Plan Galicia, na solemne inauguración de Teo, Fraga daba por feitos todos estes proxectos e proclamaba que só "no interior de Galicia" ía haber "case 1.000 quilómetros de AVE". "A rede ferroviaria galega é, nestes momentos, a máis adiantada de España" e "un emblema do desenvolvemento da alta velocidade ferroviaria en toda Europa", acrecentara Álvarez-Cascos, que en xullo dese ano fora condecorado por Fraga coa Medalla de Ouro de Galicia.
"A rede ferroviaria galega é a máis adiantada de España e un emblema en Europa", afirmou Cascos
O porto exterior coruñés -que o coruñés Vázquez presentara como froito da súa teimosía persoal-, aqueles 1.000 quilómetros de AVE e outros tantos de "autovías, autoestradas, vías rápidas e outras actuacións para modificar o trazado convencional das vías", anunciara Feijóo, víñanse unir ás axudas directas a colectivos afectados pola catástrofe e a outras medidas e proxectos que, segundo a estimación do gabinete de Aznar, sumaban ata "12.459 millóns para o impulso de Galicia". Contemplaban dende o levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros de Fene e Ferrol "para posibilitar a construción de buques de dobre casco" neles -isto nunca sucedeu- ata a construción do parador de turismo de Muxía, instalación que quince anos despois aínda é pouco máis ca un esquelete e que, despois de sucesivas demoras, ten 2018 como último prazo de remate.
A batalla da política e da propaganda
Xunta e Goberno central cargaran con dureza contra Nunca Máis e mesmo habilitaran un espazo de novas en internet coa súa versión da catástrofe
Os sucesivos anuncios de obras e axudas inseríronse nun contexto político efervescente e nunha vaga de mobilizacións que xa antes do naufraxio axitaban o país ao fío da oposición á Lei Orgánica de Universidades (LOU) e que continuaron coas protestas contra a guerra de Iraq. Neste marco os gobernos conservadores de Galicia e España deron en librar unha batalla nos campos da política e da propaganda que comezaran minimizando os efectos da catástrofe e censurando a súa "instrumentalización política" a través da Plataforma Nunca Máis, que o ministro Jaime Mayor Oreja dera en chegar a equiparar coa contorna da banda terrorista ETA. No caso concreto da Xunta as súas accións de control da información concentráranse nos medios públicos, pero tamén nas principais cabeceiras privadas e mesmo nunha internet aínda incipiente como fonte informativa en Galicia; así, o Goberno galego decidira aquel inverno abrir un espazo na súa web para a difusión das súas propias novas sobre o Prestige.
Feijóo deu a crise por "superada" en 2003 e desdeñou as protestas, das que "o pobo" estaba "farto" porque non "ofrecen solucións"
Nuns meses nos que a Xunta mesmo chegou a mudar de imaxe corporativa mentres inzaba o territorio galego de paneis anunciadores do Plan Galicia, dende San Caetano deuse en defender o afastamento do buque da costa difundindo á prensa que en 1989 "o goberno socialista de España" fixera o mesmo "cun petroleiro accidentado" en Canarias. Ao tempo, inundábanse os medios con ducias de comunicados nos que, por exemplo, se insistía no "aumento do número de praias aparentemente limpas", se aseguraba que "os Plans Galicia vai moi de présa" ou se atribuía á Xunta boa parte do mérito da enorme vaga de voluntariado que respondera ao afundimento ofrecendose para limpar as praias.
Apenas oito meses despois do naufraxio o flamante novo conselleiro Feijóo, que en 2004 ascendería a vicepresidente primeiro, daba a catástrofe por "superada" e aseguraba que mesmo as forzas da esquerda renunciaran a manter as protestas, porque "o pobo" estaba "farto de que se protestase sen ofrecer solucións". "Despois das críticas electoralistas, a oposición xa cre no Plan Galicia", afirmaba o actual presidente da Xunta.