Máis de 550 profesionais da CRTVG piden o arquivo do expediente á xornalista que dimitiu do Telexornal

Moyano, durante a cobertura dunha xornada electoral © CRTVG

Persoal da Radio Galega e da TVG presentou o pasado luns máis de 550 sinaturas reclamándolle ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, o "arquivo inmediato" do expediente disciplinario que lle foi aberto a xornalista Beatriz Moyano, que xunto con Alfonso Hermida dimitira do seu cargo de presentadora do Telexornal Serán en protesta polo control informativo. En total, foron 562 as firmas apañadas, o que supón, segundo o comité intercentros dos medios públicos, "a maioría do cadro de persoal da CRTVG". 

Persoal da CRTVG presenta máis de 550 sinaturas reclamando á dirección da CRTVG o "arquivo inmediato" do expediente aberto a Moyano

Tal e como adiantara Praza.gal, a dirección de TVG abriu un expediente sancionador por falta moi grave á presentadora Tati Moyano supostamente por utilizar medios da televisión pública para a presentación dun acto benéfico: a Gala contra o Cancro do pasado 22 de xuño en Santiago.

A apertura do procedemento de sanción que se incoou  podería chegar ao despedimento e o comité de empresa da Corporación considérao unha represalia política contra a xornalista por reivindicar a pluralidade nos medios públicos galegos. No acto benéfico, que Moyano presentou de forma altruísta e sen cobrar, a profesional de TVG fixo unha defensa dos medios públicos e explicou que ía vestida de negro ese venres para defender como o resto dos seus compañeiros unha televisión ao servizo dos espectadores e non dos intereses dos partidos.

O expediente foi aberto por falta moi grave á xornalista tras, supostamente, ter utilizado medios da televisión para a presentación dunha gala benéfica

Na mesa presidencial dese acto estaba Alberto Núñez Feijóo que, segundo varias testemuñas, expresou a súa incomodidade polas reivindicacións da presentadora. A semana seguinte á celebración da gala foi un fervedoiro nos despachos da TVG. Fontes do persoal aseguran que a Moyano preguntáronlle repetidamente se o seu contrato amparaba a presentación de eventos, aínda que estes fosen benéficos e non implicasen ningunha retribución. Unha vintenta de presentadores asinaron daquela un documento de solidariedade con Moyano no que advertían que todos eles presentaran actos públicos e privados, sen ser apercibidos pola dirección. Máis tarde, foi o persoal quen sumou 562 sinaturas reclamando o arquivo do expediente e "que se proceda á rehabilitación pública e profesional" da xornalista. 

O comité da CRTVG considera o expediente un "proceso disciplinario sen precedentes" a Moyano, que defendeu os medios públicos ante Feijóo na gala benéfica

"Dende o pasado mes de xullo, estase a someter á compañeira Tati Moyano a un proceso disciplinario exemplarizante e sen precedentes na historia da CRTVG, que chega despois de reivindicar as mobilizacións dos venres negros", explican os asinantes. Ademais, o comité intercentros considera a apertura do expediente unha "represalia irracional e unha persecución" á que a dirección da Corporación está a someter "ás xornalistas que non comulgan coa liña informativa da dirección da canle pública". 

Xa antes da apertura do expediente, a dirección de TVG preguntou se Moyano utilizara material da canle autonómica para presentar a gala. Fontes do comité sosteñen que os medios que se utilizaron foron facilitados pola ONG que organizaba o evento. A cúpula da televisión autonómica alega que Moyano se maquillou nos camerinos de TVG coa axuda das traballadoras da casa e que iso supón unha falta moi grave, que é a que motiva o expediente sancionador.

Esta petición para a retirada do expediente chega logo doutro venres negro máis, o pasado, no que o persoal mobilizado da CRTVG volveu reclamar o fina da manipulación de do control dos medios públicos pero tamén a dimisión do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. Hai tan só dez días, persoal dos medios públicos esixiron na rúa independencia informativa co apoio de oposición e dos sindicatos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.