A Audiencia de Lugo arquiva o caso que empurrou a Besteiro fóra do liderado do PSdeG ao velo baseado en "meras sospeitas"

José Ramón Gómez Besteiro, nunha imaxe de arquivo da súa etapa como líder do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O 24 de xuño de 2015, José Ramón Gómez Besteiro deixaba de ser presidente da Deputación de Lugo, que dirixira durante dous mandatos. Tras ano e medio como secretario xeral do PSdeG, Besteiro decidira abandonar a política local lucense para "centrarse no traballo do proxecto socialista en Galicia" coa vista posta nas eleccións galegas do ano seguinte. 

Case seis anos despois da imputación, o tribunal arquiva o caso da xuíza De Lara ao non ver "base suficiente" para formular nin como "indicio" que existise unha "trama urbanística" integrada polo ex-líder do PSdeG e o ex-alcalde de Lugo xunto a construtores e funcionarios

Unha semana despois de pór fin a súa traxectoria na institución lucense, Besteiro coñecía "pola prensa" -segundo asegurara- que a xuíza Pilar de Lara, na altura instrutora de mediáticos casos de presunta corrupción, viña de citalo como investigado -antiga imputación-. Facíao no marco do caso das torres do Garañón, unha operación urbanística que o Concello de Lugo autorizara en 2005, cando era concelleiro de Urbanismo e José López Orozco, alcalde da cidade. De Lara atribuía a ambos delitos como tráfico de influencias, suborno ou prevaricación urbanística, entre outros.

Aquelas imputación supuxeron un empurrón clave para a dimisión de Besteiro como líder do PSdeG. Esta acabaría producíndose meses despois, cando a propia De Lara o volveu citar como imputado na chamada Operación Pulpo. Agora, case seis anos despois, a Audiencia Provincial de Lugo vén de arquivar integramente o caso Garañón ao considerar baseadas en "meras sospeitas" todas as acusacións de De Lara contra Besteiro e Orozco, pero tamén contra o funcionariado do Concello lucense ao que atribuía diversos delitos na devandita operación.

As inacabadas torres do Garañón, en Lugo, nunha imaxe de arquivo © Google Maps

Na vertente urbanística do caso, o auto do tribunal lucense considera que De Lara non tiña "base suficiente" para formular nin como "indicio" que existise "unha trama urbanística urdida por unha especie de organización ou grupo criminal". Así, exemplifica non quedou acreditado que existise "ningún concerto" entre os construtores, funcionarios e dirixentes políticos aos que sinalaba e tampouco "se acreditou" que houbese "presión ou directriz" para favorecer a uns empresarios determinados.

A Audiencia "non advirte a existencia" de prevaricación urbanística e cre que De Lara debera distinguir entre posibles irregularidades administrativas e "a comisión dun delito"

Nun auto de dezaseis páxinas, a Sección Segunda da Audiencia de Lugo repasa todo o proceso do Garañón para concluír que "non se advirte a existencia" do delito de prevaricación urbanística que sinalaba De Lara, a quen atribúe valoracións "moi groseiras" ou "basear a comisión de diversos delitos en "termos tan difusos como pouco xurídicos". Ademais, agrega que a xuíza debera distinguir entre eventuais irregularidades administrativas e "a comisión dun delito" e subliña que nun proceso coma este "non se está discutindo a idoneidade do proxecto" ou se "podería facerse mellor", senón se Besteiro, Orozco e o resto de acusados manobraran para "beneficiar" uns promotores urbanísticos sobre outros. E iso, conclúen, non quedou "acreditado".

"Ningunha imputación pode basearse en sospeitas tan vas" 

No caso concreto de Besteiro, ademais das imputacións de ilegalidades urbanísticas, De Lara acusábao de supostas irregularidades na compra e reforma da súa vivenda. Neste aspecto a Audiencia considera que cómpre "partir do feito obvio de que calquera persoa, ostente ou non cargos públicos ou a condición de funcionario, ten dereito á adquisición dunha vivenda" para despois concluír, a respecto de Gómez Besteiro que "ningunha imputación pode basearse en sospeitas tan vas" como as que, di o auto, esgrimía De Lara.

Besteiro anuncia a súa dimisión como líder do PSdeG en marzo de 2016 CC-BY-SA Praza Pública

Así, a Audiencia resalta que o ex-líder do PSdeG achegou ao xulgado documentos que permitiron realizar un "exhaustivo estudo económico sobre a forma de adquisición e a trazabilidade do diñeiro" da compra da vivenda, tanto da parte do pagamento realizado en efectivo como do realizado mediante a constitución dunha hipoteca. O relato de Besteiro, subliña, "non só é crible, senón que está avalado" por documentación bancaria e comprobada mediante "un exhaustivo exame patrimonial". 

Sobre as acusacións a respecto da compra da vivenda do ex-secretario xeral do PSdeG, a Audiencia redúceas a "sospeitas que non teñen cabida no ámbito penal"

Sobre as acusacións relativas a reformas no piso do socialista, que De Lara ligaba a favores de construtores, a Sala redúceas a "sospeitas que non teñen cabida no ámbito penal, pois carecen de calquera soporte para mantelas sen deixar lugar a dúbida". Adicionalmente, resalta, nin sequera "consta o motivo" polo que, segundo a xuíza, Besteiro sería obxecto de "tal prebenda", xa que "se trata dunha promotora diferente ás dúas" que, segundo a propia maxistrada, recibiran "trato preferente" do Concello.

Decae así un caso que foi clave na política galega da última década e que De Lara procurou pechar poucos días antes de que o Consello Xeral do Poder Xudicial resolvese sobre a súa sanción por atrasar e acumular macrocausas. Esa sanción acabou coa controvertida xuíza suspendida sete meses e a perda da súa praza en Lugo. Mentres, Besteiro agarda pola resolución do segundo caso no que a maxistrada o imputara, a Operación Pulpo, unha de cuxas pezas foi arquivada en agosto do pasado 2020.

De Lara pechara o caso Garañón pouco antes de que o Poder Xudicial resolvese sobre a sanción que implicou a perda da súa praza en Lugo por atrasar e acumular macrocausas

No que atinxe ao ex-alcalde Orozco, o arquivo do caso Garañón chega máis de dous aos despois de que a propia Audiencia de Lugo arquivase varias das imputacións que a propia De Lara mantivera contra el no marco do caso Pokémon. En declaracións que recolle El Progreso, o ex-rexedor amosouse "moi satisfeito" polo arquivo e lamentou que nunca lle pedisen "perdón" quen como alcalde de Lugo o "acusaron sen ser xuíces".

O arquivo desta operación chega, ademais cando o percorrido xudicial referido ás torres do Garañón tamén finalizou. A sentenza que anulou o proxecto urbanístico leva anos sendo firme e o Concello de Lugo subliña dende tamén dende hai anos que está a desenvolver os trámites para executala e derrubar a parte do edificio que chegou a construírse. Nesta liña, o goberno municipal subliñaba, tras a aprobación dos Orzamentos municipais de 2021, que as contas inclúen a dotación precisa para facelo e a actual alcaldesa da cidade, a socialista Lara Méndez, vén defendendo que a súa intención é que a área quede recuperada como zona verde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.