Besteiro subliña a súa "inocencia" e resalta a coincidencia entre "tempos xudiciais e políticos"

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG tenta xestionar o golpe político da imputación do seu secretario xeral por unha autorización urbanística concedida en 2005, na súa etapa como edil do Concello de Lugo. Tras coñecer "polos medios de comunicación" que a xuíza Pilar de Lara o cita como imputado para o vindeiro 30 de xullo José Ramón Gómez Besteiro púxose en contacto co resto da dirección galega do partido e tamén coa cúpula federal do PSOE, da que recibiu o seu apoio. Este sábado abordou a situación nunha Executiva Nacional convocada por iniciativa súa e tras a que, ademais de defender a súa "inocencia", salientou a coincidencia de "tempos políticos" e "tempos xudiciais" neste caso.

O líder dos socialistas asegura sentirse "vítima" dunha "inadmisible indefensión" por saber da imputación pola prensa, pero tamén por enfrontarse a "elucubracións disparatadas". "Chégase a dicir que non se sabe de onde saen os cartos cos que pagamos o noso piso", os cales proveñen "de alto tan normal como unha conta vivenda e unha hipoteca", destaca, nun contexto no que se amosa "asbolutamente seguro de que quedará demostrado" de que a actuación urbanística en cuestión, a autorización para erguer as torres do Garañón, foi concedida "conforme á legalidade", toda vez que o "procedemento tramitado hai dez anos" contaba con "todos os informes favorables" dos técnicos municipais.

O líder socialista afirma que o procedemento en cuestión foi "tramitado con todos os informes favorables"

Neste contexto, e mentres lembra que aquela actuación estaba "sometida ao PXOM de 1991, aprobado polo PP", o socialista repasa a cronoloxía deste caso na súa vertente xudicial. En decembro de 2013, apenas dous meses despois de ser elixido secretario xeral, lembra, "coñezo polos medios que este mesmo xulgado investiga o único piso que posúo, ao 50% en réxime de separación de bens" e "por iniciativa propia envío" a documentación ao respecto.

Besteiro destaca que o xulgado comezou a investigalo xusto despois de ser elixido secretario xeral e agora o imputa "oito días despois" de deixar de presidir a Deputación de Lugo

"Nada volvo saber durante un ano e medio, o pasado 24 de xuño deixo de ser presidente da Deputación de Lugo a iniciativa propia para centrarme no traballo do proxecto socialista en Galicia e, ao día seguinte, unha empresa con intereses inmobiliarios na zona do Garañón volve enviar un escrito no que pide a miña imputación por un asunto de hai dez anos". Tan só "oito días despois", a xuíza "dá por bo" ese escrito e tramita a imputación. "Cadaquén que saque as súas conclusións sobre os tempos xudiciais e os tempos políticos", afirma.

Así as cousas, Besteiro agarda que este caso non sufra as "dilacións" experimentadas por outros que tamén aborda este mesmo xulgado lucense. "As dilacións indebidas causan un forte quebranto", resalta, mentres especifica que "calquera tipo de decisión orgánica nos próximos días ou meses" a respecto do seu liderado ou da súa candidatura a ser senador por designación autónomica serán comunicadas "en tempo e forma". 

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.